Rescaldos da suposta homenaxe a Antonio Sueiro Cadavide, alcalde republicano de Cerdedo
Por Calros Solla | 2/11/2026
A cacarexada homenaxe institucional a Antonio Sueiro Cadavide, alcalde republicano de Cerdedo, foi, como se esperaba, o parto dos montes: “Estos montes, que al mundo estremecieron, un ratoncillo fue lo que parieron” (Samaniego, Fábula XV).
Cunha présa inusitada por mor da inminencia electoral, desexando canto antes sacarse “o morto” de enriba, o xoves 15 de outubro a alcaldía fusionada anunciaba nas redes sociais e para o día seguinte “un acto institucional de homenaxe a Antonio Sueiro Cadavid … último alcalde republicano do municipio”, engadindo, nun alarde de autocompracencia, que o Concello “continuaba coa recuperación e posta en valor da memoria”, coma se o dereito legal e moral das vítimas da represión franquista á inmediata xustiza, verdade e reparación fose equiparábel ao recurso electoreiro de botar a cada pouco piche nas fochancas. Piche non, pero terra…; moita terra botaría a dereita sobre a memoria e sobre as vítimas –terra sobre terra–, se non houbese colectivos, coma Capitán Gosende en Cerdedo, que levan décadas porfiando e porfiarán en lembrarlle á autoridade local que segue delinquindo ao conculcar as Leis de Memoria (52/2007; 20/2022).
No seu edicto á guiadiña veciñanza, a alcaldía afirmaba que “seguía a mesma liña institucional desenvolvida coa homenaxe realizada no seu día a Antonio Pousada (alcalde republicano de Cotobade)”. Pois, en honor á verdade, nin Antonio Sueiro Cadavide foi “o último alcalde republicano do municipio” nin, coa suposta homenaxe do venres 16, “se seguiu a mesma liña institucional”. Mal acabou o que mal empezou.
Convén, pois, aclararlle á autoridade –en prol da “recuperación da memoria histórica”– que o último alcalde republicano de Cerdedo foi o quirezán Luciano García Ventín que, dende a tenencia de alcaldía, lle correspondeu asumir o cargo de alcalde despois da tendenciosa inhabilitación do lexítimo rexedor Antonio Sueiro Cadavide. Como ven, o do “lawfare” non é unha artimaña da dereita contemporánea.
Polo que respecta á aplicación da “mesma liña institucional”, tamaña afirmación cae polo seu proio peso ao saber que a merecida homenaxe a Antonio Pousada foi aprobada por unanimidade no pleno celebrado o 30 de xullo, mentres que, no pleno do 8 de outubro, a merecida homenaxe a Antonio Sueiro só colleitou unha triste e comenenciuda abstención por parte do grupo de goberno. Esta actitude da alcaldía fusionada, hipócrita, irrespectuosa e faltosa de equidade, volve evidenciar que os de Cerdedo somos “fillos dun deus menor”. Ende mal, mentres uns arrostramos a mortificación cunha mínima dignidade, outros rañan con gusto na sarna sobrevinda.
Mais, que aconteceu entre o pleno de xullo e o de outubro? Celebrado o pleno de finais de xullo, o Colectivo Capitán Gosende non tardou en denunciar na prensa (Faro de Vigo, 3-8-2026) o agravio comparativo que a Corporación municipal cometera coa figura de Antonio Sueiro Cadavide. Capitán Gosende non só esixiu a mesma consideración para o alcalde republicano de Cerdedo, senón que, amais, propuxo que, en virtude da Lei de Memoria Democrática, a rúa de Cerdedo dedicada ao alcalde franquista Gutiérrez Torres fose rebautizada co nome do alcalde Antonio Sueiro. O día 13 de agosto, mentres en Cotobade lle rendían honras exclusivas a Antonio Pousada, en Cerdedo, Capitán Gosende homenaxeou en desagravio a Antonio Sueiro no Campo das Laudas (Faro de Vigo, 3 e 14-8-2026). Na foto que acompaña a reportaxe non se ve a ninguén dos fotografados no acto “institucional” do venres 16.
Antonio Sueiro Cadavide –un perfecto descoñecido para moitos cerdedeses de hoxe en día–, irmán de Mariana, miña bisavoa materna, foi un político clave no Cerdedo de comezos do século XX (PRRS, PRRSI, IR), protagonista indiscutíbel do agrarismo e do republicanismo en Terra de Montes. Durante a ditadura fascista e aínda despois, foi condenado ao ostracismo e padeceu difamación. A súa figura, os seus avantaxados dicires e faceres, a súa loita persoal en beneficio das liberdades e da democracia e mais do progreso do seu municipio foron felizmente recobrados polo labor altruísta do Colectivo Capitán Gosende –acouguen, nós non lles imos pedir o voto.
Grazas a unha oportuna investigación e providencial rescate de documentación, a honrosa memoria de Antonio do Lagharto, veciño de Limeres, foi recuperada para a cerdedanía no libro Así aprenderán a non ter ideas. Agrarismo, caciquismo e República en Cerdedo (Ed. Morgante, 2016). Non existe outra fonte. Unha vez publicado, o diñeiro recadado coas vendas do libro –que tamén se presentou en Cerdedo, con pouco éxito de público– sufragou a lauda fincada en agosto de 2017 no Campo das Laudas (Meilide), insólito memorial da resistencia antifascista cuxa sona xa deu a volta ao mundo (Premio Galiza Mártir, 2023; Premio Lexión Irmandiña, 2026). A lauda de Antonio Sueiro –a segunda que se erixía no Campo das Laudas– é un fermosa estela discoidal en pedra de gran que, tallada polo escultor Marcos Escudero, loce os atributos da persoa que enxalza: un cicel espetado (pola súa profesión), unha gaita (pola súa afección) e un lagarto á raxeira (polo seu alcume); porque non só hai que ter vontade de homenaxear, senón tamén, convén satisfacer uns requisitos éticos e ter sensibilidade abonda para facelo. O xornal Faro de Vigo (14-8-2017) titulaba: “Cerdedo loita contra o esquecemento”. Na foto que acompaña a reportaxe tampouco se ve a ninguén dos fotografados no acto “institucional” do venres 16.
O ano 2017 foi o “Ano Antonio Sueiro”, pois, ao longo do mes de xaneiro, Faro de Vigo publicou en catro entregas, intituladas “Antonio Sueiro Cadavide, o mellor alcalde de Cerdedo” (8, 10, 11 e 15-1-2017), o froito das miñas reveladoras pescudas, acompañadas das fotografías atopadas do personaxe durante o proceso investigador. Signo duns tempos de galbana, descaro e “copy-paste”, este meu material (texto e fotos) foi usado estes días por goberno e oposición sen ter, cando menos, a decencia de citar convenientemente a fonte onde foron saciar a súa sede de coñecemento; os mesmos que, en dez anos, non moveran un músculo pola rehabilitación do noso persoeiro. ¿É consciente a alcaldía das horas de traballo que se investiron na restauración do papelorio e das fotografías –atopadas en avanzado estado de deterioro–, para que agora se dispoña delas sen mostrar un mínimo agradecemento ou, cando menos, citar a fonte onde as obtivo? Sabe a alcaldía que é o plaxio?
Gratis et amore, esta valiosa información tamén se compartiu desinteresadamente na web Tabeiros-Montes e naqueloutras webs e publicacións informativas que ma solicitaron; e, amais, foi incluída no libro Ao saimento de nós. Retrincos da intrahistoria de Cerdedo IV (Ed. Morgante, 2017, páxs. 154-74). Na comarca todo cae do ceo, se non, que llo digan ao “novelisto” de aí ao lado, ese que bateu de fociños con Portalén un día de néboa; ou ao Concello da Lama, que se apropia, gaba e autopromociona coa mitoloxía do monte do Seixo sen saber, sen informarse e, por suposto, sen citar. Non teñen vergoña, pero, antes ou despois, todo se acaba sabendo.
E falando de homenaxes en tempo e forma, Luciano García Ventín, tenente de alcalde do Cerdedo republicano, alcalde en funcións durante a rebelión fascista de xullo de 1936, vítima de persecución, encarceramento e infamias, tamén foi obxecto de recoñecemento no Campo das Laudas. A lauda do alcalde Ventín (a nº 11) fincouse en setembro de 2023. Tomen nota os estrategas do Concello; teñen unha década por diante para ir preparando estoutra homenaxe, aínda que sexa absténdose de apoiala. Mexar e non botar gota.
Polo que respecta á oposición. O día 8 de outubro, atendidas as queixas que un mes antes o Colectivo Capitán Gosende trasladara aos medios de comunicación (v.g.: Faro de Vigo, 3-8-2026), o voceiro do BNG levou ao pleno a moción de homenaxear o alcalde republicano de Cerdedo, outorgándolle a rúa que, aínda hoxe, leva o nome dun alcalde franquista –o voceiro leu a moción, xa que a iniciativa era de Capitán Gosende–. Amais, solicitábase por enésima vez a eliminación da simboloxía franquista do territorio cerdedés. O alcalde, con habelencia prestidixitadora, capou e esfolou a moción e, co apoio claudicante da oposición (BNG, PSOE) e a abstención do propio grupo de goberno, o Pleno acordou homenaxear –pero pouco– a Antonio Sueiro, malia que a alcaldía, apelando aos intereses da maioría absoluta, exhibise oufana a súa negativa de trocar un alcalde fascista por un alcalde demócrata no rueiro de Cerdedo.
Abráianos daquela a actitude triunfalista do BNG, que non demorou en obter de Nós Diario (10-10-2026) o seguinte titular: “Antonio Sueiro Cadavide será quen dea nome á actual rúa Manuel Gutiérrez Torres”. Mesmo na propia web da organización: “O pleno de Cerdedo Cotobade acorda denominar como rúa Antonio Sueiro Cadavide a rúa Manuel Gutiérrez Torres”. Nada máis lonxe da realidade. Nesta feira política, o alcalde Cubela conseguiu venderlle á oposición unha vaca escrocada. Fanse quinielas en Cerdedo cos personaxes susceptíbeis de trocar a Gutiérrez Torres na placa de marras. Polo que nos vai chegando, moito nos tememos que o nome dun alcalde franquista vai ser substituído polo nome dun alcalde “designado por Franco” (La Voz de Galicia, 18-9-2004).
No tocante á simboloxía franquista, o Colectivo Capitán Gosende elaborou, entre novembro de 2019 e xaneiro de 2020, un inventario exhaustivo deste nefando anacronismo. Os resultados fixéronse públicos en diversos medios de comunicación (Faro de Vigo (2-2-2020), Tabeirós Montes, Historia de Galicia, Pontevedra Viva…), remitíndolles asemade copia aos grupos políticos da oposición municipal. Este traballo foi incluído no libro O Embigo do Becho. Retrincos da intrahistoria de Cerdedo V (Ed. Morgante, 2021) e mais unha addenda no libro É ruín porque o fan. Retrincos da intrahistoria de Cerdedo VI (Ed. Morgante, 2024). A día de hoxe, 35 inmóbeis de Cerdedo seguen lembrando aquela inmundicia ideolóxica que nos afundiu na longa noite de pedra. Fai máis quen quere ca quen pode. Noventa anos despois, en Cerdedo anoitece sen ter amañecido.
No acto do pasado venres 16 (leo no comunicado oficial), á autoridade enchéuselle a boca repetindo o mantra de “transmitir ás novas xeracións valores como o respecto, o diálogo, a convivencia pacífica e a defensa dos dereitos e liberdades”. Debe colixirse que esas “novas xeracións” son as do Partido Popular, posto que, a ollos de novos e vellos, “o respecto pola lexislación vixente e a defensa dos dereitos e liberdades” vénse quebrantando en Cerdedo ao se enrocar a autoridade no teimudo incumprimento das Leis de Memoria. Máis atinado estivo o rexedor ao aseverar que o Concello “reafirma o seu compromiso coa conservación da realidade local”. Dende hai 90 anos, en Cerdedo, quen se move non sae na foto.
Máis nada, que a prea fede. Porén, non desaproveitarei a oportunidade de informar os seareiros de Capitán Gosende e da súa cruzada memorialista en Cerdedo que o día 28 de novembro, ás 12 do día, se a meteoroloxía o permitir, celebraremos un acto de reflexión no Campo das Laudas, pois o funeral que se agoira ben merece a nosa vixilia. Non se deixen coaccionar polos “grupos públicos de presión” (o pleno do 8 de outubro deu para moito) e acudan a esta xuntanza cos seus mellores desexos e boa vontade.
Reflexionemos todos. Parafraseando a A. Monterroso, o día 30 de novembro, Cerdedo, ao espertar, decatarase de que o dinosauro aínda estaba alí.



Se el primero en comentar