CEAQUA a propósito da Lei de Concordia promovida por PP e VOX

consideramos que a necesaria e firme loita contra calquera intento do PP-VOX de modificar ou anular a normativa autonómica hoxe existente, debe ir acompañada tamén da necesidade de recuperar as esixencias do movemento antes sinaladas que a Lei de Memoria Democrática non asumiu

Por CEAQUA-GALIZA

Ante a ofensiva dos gobernos autonómicos de Castela León, Aragón, Baleares, Estremadura e Comunidade Valenciana, gobernada polas coalicións PP-VOX contra as leis da memoria democrático dende CEAQUA declaramos:

1.- A facilidade coa que se está a restablecer o relato da historia construída pola propia ditadura (a propósito da II República, do golpe de estado que desatou a guerra e a mesma natureza do réxime ditatorial) e que tomou caracter de lei nas comunidades indicadas mais arriba, amosa a febleza da democracia actual, febleza baseada nunha transición onde as forzas políticas que a lideraron optaron por silenciar os crimes de lesa humanidade cometidos polo franquismo para “non ser belixerante” cunha ditadura imposta co apoio material do nazifascismo, mantido na liquidación física e a represión política da disidencia, o saqueo dos vencidos, a desaparición forzada de menores así como a represión social e ideolóxica contra outros sectores.

Un pacto de silencio que mantivo a salvo e sen critica a historia que o franquismo construi sobre si propio para xustificar e lexitimar a súa brutalidade

2.- Este pacto de silencio tivo unha clave fundamental na Lei de Amnistía aprobada en 1977, pois no seu artigo segundo eximía de toda responsabilidade aos funcionarios e axentes da orde pública por “delitos cometidos contra o exercicio dos dereitos das persoas”, o que convertia de feito a esa Lei de Amnistia nunha lei de punto final para garantir a impunidade dos responsables dos crimes franquistas.

Esa Lei, ademais de ser contraria á Lei Internacional de Dereitos Humanos, que establece que os crimes de lesa humanidade non prescriben nin poden ser amnistiados, serviu para que algúns xuíces continuen utilizandoa hoxe en día para negarse a investigar as denuncias presentadas polas vítimas dos múltiples delitos cometidos polo franquismo durante a guerra, a ditadura e a transición.

3.- Estas políticas de luvas brancas co pasado franquista foron xustificadas durante anos como garantías de conciliación. Como ten afirmado Fabián Salvioli, Relator Especial sobre A Promoción da Verdade, Xustiza, Reparación e Garantías de Non Repetición, “a reconciliación non é que unha vítima perdoe ao seu verdugo. A reconciliación é a recuperación da confianza no Estado. Confianza en que o Estado protexe os teus dereitos. E iso só se pode conseguir a través da xustiza. Calquera outra interpretación da reconciliación é perversa”

O camiño da Xustiza para as vítimas da ditadura eludiuse nos anos da transición en aras ao pacto de silencio e a ese falso concepto de reconciliación, o que garantiu a impunidade dos perpetradores ata o momento actual.

Alimentada tamén polas tímidas e escasas medidas lexislativas impulsadas polo Estado que non aplicou os compromisos internacionais que ten subscritos como o Pacto internacional de Dereitos Civís e Políticos ou o esixido por Comités especiais da ONU, como o Comité contra a tortura ou o xa mencionado sobre a promoción da verdade, a xustiza, a reparación e as garantías de non repetición.

4.- Pese ao enorme traballo de investigación realizado dende distintas disciplinas que avaliou e rescatou a magnitude da represión franquista e a pesares da presenza e persistencia de tantas vítimas e familiares por abrir camiño á Verdade que tanto tempo estivo silenciada, aínda non houbo neste país investigación xudicial sobre eses crimes; investigación como a que houbo en Núremberg para coñecer os crimes do nazismo, ou nos xuízos de Arxentina contra os responsables da ditadura de Videla, ou na Audiencia Nacional española que investigou e condenou ao responsable dos voos da morte, o militar arxentino Adolfo Scilingo.

En España non se investigaron os crimes da ditadura franquista nin se estableceu unha verdade xurídica sobre eses crimes, obrigando ás vítimas a desprazarse 10.000 km para querellarse na única causa aberta contra estes crimes, a coñecida como Querela Arxentina.

O Estado español nonn deu protección legal a estas vítimas por falta de vontade e responsabilidade política. As leis estatais de memoria aprobadas tras moita reclamación e traballo das asociacións memorialistas –a lei de 2007 e a máis recente e algo máis completa de 2022– non garanten o acceso á Xustiza das vítimas dos crimes do franquismo.

5.- Desta maneira, os gobernos autonómicos de PPVOX que se propoñen derrogar as leis de memoria democrática van darlle categoría de lei ao relato franquista, desatendendo as argumentacións científicas, á Academia e por suposto ás vítimas. E especificamente ás do franquismo, porque nas súas propostas leis de “concordia” si que mencionan ás vítimas do terrorismo e ás da 2ª Republica.

A súa “concordia” exclúe precisamente ás vítimas que o Estado español ten aínda pendente de reparar e garantir os seus dereitos: as vítimas do franquismo e a transición, como se lle lembrou desde instancias internacionais de Dereitos Humanos.

Ocultan deliberadamente que en 1936 houbo un golpe de estado que desencadeou unha guerra horrorosa e deu paso a unha ditadura á que tampouco cualifican, obviando todo o dereito represivo que elaborou o franquismo para eliminar aos seus adversarios políticos: os xuízos sumarísimos, os fusilamentos e torturas, o espolio e as depuracións, o exilio forzoso, a represión específica contra as mulleres, o ‘roubo de bebés’, feitos que se prolongaron ata anos despois da morte do ditador.

6.- As leis autonómicas que derrogaron ou queren derrogar, tentaron emendar as carencias da Lei de Memoria Histórica de 2007 que non contentou a ninguén. As dereitas no poder –xa abertamente filofranquistas– acusan a estas políticas memorialistas de ser “sesgadas”, de impoñer unha memoria ideoloxizada, de favorecer a unha parte; pero esquecen que a outra xa tivo a súa memoria, xa tivo a súa verdade, a súa xustiza e a súa reparación co desenvolvemento da Causa Xeral.
sta causa facilitou exhumaciones, identificacións e glorificacións varias que aínda se poden ver nas igrexas de moitos municipios españois e ofreceu reparacións de todo tipo. As súas leis de “concordia” son unha volta atrás, pero xa se abriron moitas fosas, víronse decenas e decenas de corpos co cranio furado polos tiros de graza, recollemos os testemuños das persoas torturadas, das vítimas polo roubo de nenas e nenos, moita xente rompeu o silencio.
Esa Verdade non pode volver atrás. Moitas vítimas saben que teñen dereito á tutela xudicial e seguirán pelexando por ela.

7.- Por último, compre sinalar que a vixente Lei de Memoria Democrática de 2022 representa unha ocasión inmellorable para poder ir bastante máis aló en materia de verdade, xustiza e reparación e blindar así os logros conseguidos nos últimos anos polo movemento memorialista fronte aos ataques que agora está a impulsar PP-VOX.

Daquela renunciouse a afondar nestas conquistas derrogando a Lei de Amnistía de 1977, así como a de Segredos Oficiais, de 1968; considerando expresamente os crimes cometidos polo franquismo como crimes contra a humanidade; abrindo plenamente as portas da Xustiza á admisión a trámite das accións xudiciais interpostas con esta finalidade; regulando os mecanismos e medios para a identificación, non só das vítimas, senón tamén dos victimarios e, por último, para a aplicación directa da normativa internacional vixente en materia de dereitos humanos.

É por todo o sinalado anteriormente que consideramos que a necesaria e firme loita contra calquera intento do PP-VOX de modificar ou anular a normativa autonómica hoxe existente, debe ir acompañada tamén da necesidade de recuperar as esixencias do movemento antes sinaladas que a Lei de Memoria Democrática non asumiu.

Desde CEAQUA-ESTATAL E CEAQUA-GALIZA apostamos pola protección de todos os dereitos das vítimas do franquismo ameazados, unha vez máis, polos defensores da ditadura.

Polo dereito á verdade, a xustiza e a reparación para todas as vítimas do franquismo e a transición!

Se el primero en comentar

Dejar un Comentario

Tu dirección de correo no será publicada.




 

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.