ANTONIO NORES SOLIÑO, In memoriam

“Rayo de metal crispado / fulgentemente caído,/ picotea mi costado / y hace en él un triste nido” ( De “El rayo que no cesa” - Miguel Hernández”)

Antonio é sinónimo de Memoria. Era e seguirá a ser un soñador, un loitador e un defensor desa identidade. Loitaba, defendía, e... sufría. Cada ameaza a un elemento do noso patrimonio (xacemento, petróglifo, monumento..), cada nova dunha actuación que conlevaba efectos sobre o mesmo, cada neglixencia das distintas administracións ou particulares, provocaba nel unha angustia e un desacougo que lle custaba dixerir.

A.C. Memoria Histórica 28 de agosto

Nesta primavera convulsa que estamos a vivir, o raio que non cesa ven de agostar a saiva das raíces desta árbore referente da arqueoloxía e memoria histórica de Cangas, da nosa comarca e de Galiza.

A trascendencia que desempeña a memoria na constitución da identidade é incuestionable. O psicanalista Castilla del Pino aseveraba “Somos memoria porque temos historia”, “Somos a nosa Memoria”. Cando se perde a memoria, cando se esquece o pasado do que se veu, a identidade dilúese, bórrase e pérdese. Sen memoria non hai identidade.

Antonio Nores Soliño sempre tivo a consciencia inquebrantable do que representa a identidade deste País. Arqueoloxía, Patrimonio material e artístico (Xunta de Montes, Muiño de Fausto, A Mangallona, Capela do Hospital,..), Idioma, República, Levantamento militar do 36,.. conformaron o seu cosmos vital xirando arredor del a súa actividade e pensamento.

Antonio é sinónimo de Memoria. Era e seguirá a ser un soñador, un loitador e un defensor desa identidade. Loitaba, defendía, e…sufría. Cada ameaza a un elemento do noso patrimonio (xacemento, petróglifo, monumento..), cada nova dunha actuación que conlevaba efectos sobre o mesmo, cada neglixencia das distintas administracións ou particulares, provocaba nel unha angustia e un desacougo que lle custaba dixerir. A impaciencia, que ás veces amosaba, era manifestación do seu estado de ánimo e da consciencia de urxencia á hora de tomar decisións de salvagarda do mesmo. Cada hora, cada minuto que se perdera en evitar o dano, era fundamental na súa conservación. Era o seu inmenso amor á memoria, demandando a aplicación da lei na súa defensa.

Mais era tamén un claro impulsor de campañas de promoción, exposicións, recuperación e posta en valor de elementos  e construcións da nosa historia, como todas e todos coñecemos.

Nestas última décadas concentrouse fundamentalmente na Memoria Histórica dunha forma exhaustiva e absorbente. Sufría por cada caso de impunidade do franquismo, por esas vagas e tsunamis de corrupción, polos actos de xenocidio, pola falta de dilixencia ou atrancos na eliminación de simboloxía franquista,..

Por ese mesmo interés e implicación, dinamizou e formou parte do movemento asociativo a nivel municipal, comarcal e de país. Investigaba, publicaba, e continuaba pescudando na nosa historia máis recente na procura da verdade, xustiza e reparación.

Déixanos un exemplo que temos que continuar, un legado de publicacións e documentación que temos que ordenar e divulgar. Estamos na obriga de facelo. Organizar unhas xornadas de arqueoloxía e de memoria histórica co seu nome arredor da primavera, do abril republicano e do seu mes de nacemento; da creación dun Fondo Documental de Memoria Histórica na Biblioteca Pública co seu nome, dun acto de posta en valor do seu traballo ao longo da vida,..son deberes a facer.

Posta en valor do patrimonio arqueolóxico e arquitectónico, bases de datos da historia de Cangas da 1ª mitade do S. XX, publicacións, artigos, promoción de actividade e monumentos, ..son as súas grandes aportacións. A eliminación da simboloxía franquista da igrexa do pasado maio 2019 foi unha grande alegría tras moitos anos da súa loita, da loita de todas e todos.

Do seu amplo e variado traballo artístico, fica na praza do Concello unha fermosa lembranza reflectida na peza escultórica do Memorial de Liberdade, obra da que foi promotor e autor.

Moito ánimo e forza para a súa esposa Matilde, o seu fillo Antón, a súa irmá Claudina, e a toda a familia e amizades.

“ Que o libre voo das pombas da paz / erga para sempre a memoria solidaria / das xentes xustas que o deron todo / pola liberdade e a xustiza. / Pombas, pombas, pombas!”

Claudio Rodriguez Fer

Se el primero en comentar

Dejar un Comentario

Tu dirección de correo no será publicada.




 

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.