Falamos con Antón Bouzas, o coordinador de Os Ninguéns, un dos que, en 2015 decidiu atallar a problemática dos máis desfavorecidos entre os desfavorecidos na cidade de Vigo
Por Angelo Nero | Foto de Pablo Vázquez
Los nadies: los hijos de nadie, los dueños de nada.
Los nadies: los ningunos, los ninguneados, corriendo la
Liebre, muriendo la vida, jodidos, rejodidos:
Que no son, aunque sean.
Eduardo Galeano
Hai moitas organizacións que atenden ás mulleres maltratadas, as persoas inmigradas, ó colectivo LGTBIQ, ás persoas drogodependentes. Nesta sociedade capitalista, que so ten a lóxica do beneficio, os gobernos, estatais ou locais, poñen en mans da sociedade civil á atención a esas persoas ou colectivos ós que lle fallou o sistema. As organizacións non gobernamentais, as populares ONG’s, teñen que buscar refuxio para as mulleres ameazadas, papeis para as persoas inmigradas indocumentados, pular polo dereito a unha sexualidade diversa, ou tratamentos de desintoxicación para os que caeron nas gadoupas da droga.
E logo están Os Ninguéns. Este colectivo, unha asociación cultural que naceu fai camiño de oito anos na cidade “donde vive la Navidad”, traballa a ras de chan, cos excluídos da sociedade, cos fillos de ninguén, con donos de nada, como ben dicía o escritor uruguaio.
Eles traballan día a día ca xente que vive na marxe do sistema. Invisibles para a maioría dos vigueses, que viven na realidade paralela das luces de cores, nunha cidade que, pouco a pouco, deixa de ser obreira, para ser escrava dun modelo económico deseñado dende á alcaldía para favorecer un turismo estacional.
Falamos con Antón Bouzas, o coordinador de Os Ninguéns, un dos que, en 2015 decidiu atallar a problemática dos máis desfavorecidos entre os desfavorecidos, instalados nunha marxinalidade á que a administración pública non estaba atendendo para crear “un espazo de encontro na contorna de Vigo como instrumento transformador para as persoas que non cobren as súas necesidades básicas.”
Cóntanos Antón, ¿como comezou a andaina de Os Ninguéns, e con que recursos contabades para por en marcha o voso proxecto?
No 2015 un grupo de persoas, algúns profesionais que traballamos en entornos de pobreza, de persoas que non cobren as necesidades básicas, nos fomos encontrando pouco a pouco, e falando da situación que había en Vigo, en relación ós índices de pobreza, tanto de pobreza severa, como de a poboación que está no umbral da pobreza. Nos pareceu que, naquel momento é certo que notabamos que si algunha necesidade había en Vigo, de carácter organizativo, era estimular a participación cidadá, en definitiva, esa vocación que temos algunhas persoas relacionada coa importancia de ter instrumentos que permitan as persoas en resgo de pobreza de ser visibles, e por iso collinos o nome de Eduardo Galeano, porque o dos Ninguéns nos parecía axeitado.
Ao falar entre nos parecía que coincidiamos en algunhas cousas. Unha, que non íamos ser unha ONG, que iamos a traballar co obxectivo de visualizar os problemas da pobreza, e consecuentemente, tentar cambiar esa realidade ou, polo menos, aliviala. E non queríamos ser unha ONG, porque consideramos que a pobreza debería estar á altura do que cremos na nosa sociedade, por exemplo, como se traballa dende a sanidade pública, a ninguén se lle ocorrería montar unha organización de atención a persoas que se sintan mal atendidas pola Seguridade Social. O que facemos é intentar que sexa un instrumento público, gratuíto, universal e que pertenza a institucións públicas, porque cando estas delegan en ONGs, en relación a persoas empobrecidas, a xestión, en xeral, se está empobrecendo aínda máis.
Cando falamos que estamos nunha sociedade de benestar, e so para unha parte importante e maioritaria do país, pero tamén hai uns índices de pobreza moi grandes, daqueles que xa foron excluídos desa sociedade.
E o de que somos unha plena democracia, con valores, onde a ninguén se lle pode deixar fora do sistema, pero ás persoas que caen na pobreza, hai que entender que o que temos como instrumento para cubrir as nosas necesidades básicas sería o traballo. ¿Qué pasa? Que nós vivimos nun sistema sociopolítico, e socioeconómico, onde é sistémica a pobreza, forma parte do sistema, e tamén é estrutural, e nese sentido pensamos que xa hai moitas organizacións que fan unha laboura nos entornos da pobreza e dan prestacións. E nós sempre dicimos que non vamos a saír da pobreza mentres as institucións públicas, tanto municipais, autonómicas como estatais deben dar unha resposta de que ningún cidadán neste país este por debaixo do umbral da pobreza.
Hai agora unha iniciativa da ministra Ione Belarra, para facer unha Lei de Servizos Sociais, e xa limos o anteproxecto, e sería a primeira lei no estado español que unificara criterios e que invertera en acabar realmente coa pobreza. Propuxo uns ingresos mínimos, que debería ter calquera cidadáns, que irían dende os 700 euros que tería unha persoa soa, a 1.400 nos fogares con dous fillos. Se iso o levaran a cabo, esa Lei podería suavizar o maltrato institucional que están aplicando as distintas administracións ás persoas en situación de pobreza.
Outro problema importante é a vivenda. Hai datos da cantidade de desafiuzamentos que está habendo por falta de pagamento das vivendas, e se sigue convertendo eso, para os que están nesa situación, nun auténtico drama, onde as persoas enferman gravemente a nivel mental, porque acaban padecendo de ansiedade, de insomnio, de angustias, porque as persoas que non se senten seguras, moitas veces, segundo a súa situación emocional, poden caer en enfermidades graves, porque cando se está vivindo todos os días nesa situación, se converte en algo crónico nesa familia. Está demostrado que nas familias empobrecidas, os fillos herdan a pobreza, é tamén para moitos entendidos nestas materias, economistas, pero tamén persoas traballadoras dos servizos sociais o da socioloxía, cada vez se di máis dunha organización tan pouco sospeitosa de ter posturas radicalizadas como Cáritas, para saír da pobreza tes que ter traballo. Antes se dicía, para acabar coa pobreza hai que crear postos de traballo.
Neste sistema capitalista que temos, cada vez máis incivilizado, as grandes fortunas cada vez teñen máis poder, porque ese gran capital que non ten rostro, que non se sabe ben quén é, marca o destino dos pobos, como ben se está demostrando.
Entón o que vemos, e o que dixemos daquela e que nos non vamos a poñer en marcha ningún programa de atención directa ás persoas con asistencias materiais, como podía ser procurar roupa para as persoas empobrecidas, nos pensamos que quen ten que cambiar a actitude non son os eles, eles están así porque non hai traballo para todos, é porque é unha situación estrutural e sistémica.
Aquí en Vigo, estamos pelexando moito, para que o concello e a xunta de Galicia, aínda que gobernan partidos distintos, cheguen a acordos, para aliviar o máis posible a situación das persoas máis pobres.
As prestacións que hai hoxe son totalmente insuficientes. Todas as prestacións sociais están por debaixo do umbral da pobreza. Soamente o alugueiro supón, en moitos casos, o 100 por 100 da prestación. E isto significa que aínda cobrando, vas a seguir nunha situación precaria, vas ter que acudir ós bancos de alimento, ir ós departamentos de benestar social do concello de Vigo, da xunta de Galicia, para ver que é un caos.
No tema da vivenda estamos vivindo cousas terribles, como o que está pasando coas persoas inmigradas, que poden cubrir o dereito a sanidade, a educación, pero non teñen prestacións sociais, e se teñen un papel que lles falta, maioritariamente ás mulleres, que son as que máis sofren a pobreza.
Nós consideramos que, por exemplo, a prostitución é causa do patriarcado, pero tamén acaban centos de mulleres na prostitución pola fame e a necesidade económica urxente. É terrible que as administracións teñan coñecemento disto e haxa esta desprotección.
Tamén como estamos en Vigo, ó facer un diagnóstico, ó coñecer os datos, que se publican por organismos independentes e oficiais, nos vemos que é unha cidade que inverte moito en obras públicas, este concello é dos que menos cartos destinan á loita contra a pobreza. E por riba, o alcalde ten unha actitude política que está facendo moito dano ás persoas empobrecidas e os está estigmatizando. E ten unha forma de facer política moi reaccionaria. Cando di que ninguén está durmindo na rúa, toda a cidadanía sabe que non é certo.
Fai uns anos, unha muller embarazada, moi noviña, acampou fronte ó edificio do concello, e ó alcalde, cando foi preguntado que facía unha muller en avanzado estado de xestación nesas condicións, el dixo: “Esta ya sabemos de que partido político es, y quién la manda a hacer esto”. E o noso colectivo foi a falar con esta rapaza, e nos dixo: “Eu vin aquí, porque estou a piques de dar a luz, e non sei que vai ser de min, e como o alcalde di que o que teña problemas de desafiuzamentos, que veña a falar con el. As traballadoras sociais do concello coñecen a miña situación, a min vanme botar do piso, e polos ingresos que teño, pola prestación social que teño non me alugan outro.” E ó alcalde o que se lle ocorre é dicir que esta muller estaba facendo política. É escandaloso que un alcalde dunha cidade, que é político, que pertence a un partido político, e fai política, lle diga ós cidadáns que discrepan del nalgún aspecto da súa política, que están a facer política. Nós sempre dicimos que nós facemos política. Porque nos parece necesaria, e porque todo o que se fai é política.
Aquí se loitou moito por conseguir un albergue municipal, cando morría unha persoa sen fogar, na rúa, comenzamos a renderlles homenaxe, porque hai que ter en conta que a maioría das persoas que están sen fogar están en tratamento por diversas patoloxías, con problemas biopsicosociais, que o mesmo teñen tanto enfermidades físicas como psíquicas, como consecuencia de vivir desta situacións. Se foron facendo moitas cousas, pero este alcalde sempre puxo trabas ás políticas de axuda á pobreza.
Vende Vigo para estar todos os días nos medios de comunicación, desinformando en relación á pobreza, invertendo en obras, moitas veces non necesarias, e despois é moi medido para adicar máis cartos a benestar social.
Levamos tempo pedindo que en Vigo haxa un plan de vivenda social, pisos de alugueiro distribuidor por toda a cidade, para que non se formen guetos. Este alcalde incluso vendeu vivendas propias do concello, en vez de telas para emerxencias sociais.
Esta política de non ver ós empobrecidos, ou negando que teñan competencias municipais na materia, cando as ten, porque hai artigos da Lei de Bases onde di claramente que os concellos teñen competencias en situacións de pobreza, e sobretodo na máis urxente, é indefendible.
Fai anos nesta cidade había un programa que se chamaba Sereos do Casco Vello, que tiña un local municipal, é como non lle gustaba que foran alí centos de persoas, o concello cerrou ese programa, que o coordinaba eu, porque traballaba daquela en CEDRO, sen máis aviso que un letreiro feito a man na porta. Un programa que traballaba directamente con persoas que estaban tiradas na rúa. E despois o que fixo foi cambiar ese programa que estaba nun local, pactando cunha ONG, para facelo nun polígono industrial, nas aforas, que ademais estaba moi degradado, por falta de actividade, cunha furgoneta.
Cando en Vigo se loitou para que houbera un albergue municipal, se fixeron campañas, concentracións, escritos á Xunta de Galicia, ó Concello de Vigo, se propuxeron sitios onde se podía facer, se lles propuxo que se fixera na antiga Escola de Hostalaría, que estaba baleira, no antigo Hospital da Cruz Vermella, no Casco Vello, na Casa do Mar, que estaba en desuso, e houbo un momento que se propuxo que o lugar ideal era o edificio da Gota de Leite.
Mellor non podía ser, estaba preto do concello, polo tanto dos Servizos Sociais, era un espazo totalmente equipado, con 75 prazas. Daquela, para que non se fixera, o alcalde empezou a dicir que a policía municipal, que estaba no soto do edificio do concello, nunhas condicións certamente mellorables, podían pasar para a Gota de Leite. Foi moi desagradable todo aquelo, porque o comité de empresa do Concello e a policía municipal, apoiaron ó alcalde, a policía incluso chegou a manifestarse en Santiago coas súas motos, para impedir a creación do albergue. Esto di moito do alcalde como cidadán, como político, da súa capacidade para xerar conflito, para aproveitar o rexeite dos veciños.
En 1984 entraches a traballar no Centro de Atención para Drogodependencias do Concello de Vigo, onde estiveches ata a túa xubilación, en 2013. Dende alí impulsaches varias iniciativas como a Asociación de Axuda ó Toxicómano Érguete, e o grupo de autoapoio Imán. ¿Non cubría a túa labor en CEDRO as túas inquedanzas sociais, como para embarcarte nunha aventura tan ambiciosa como a de Os Ninguéns?
Precisamente en CEDRO, cando entramos a equipa para deseñar o centro, daquela era un momento que había unha preocupación moi grande na cidade polo tema das drogodependencias, e había dúas visións, unha que a maioría da poboación pensaba que o problema das drogas era un problema policial, punitivo, e nós nos dabamos conta que o problema era máis amplo. Os doentes non nos contaban, pero había que ter en conta, para saír desa situación de drogadicción o problema da pobreza severa. Había moitas persoas que vivían sen teito, no Casco Vello, en Coia, en Teis, no Calvario, en todas partes.
Empezamos a pensar que había que por en marcha unha escola de pais, que entenderan que o problema das drogodependencias había que tratala dende todos os aspectos psicosociais. Foi cando montamos, coas familias e os doentes, Érguete, Asociación de loita contra a drogadicción. Despois puxemos en marcha o programa Sereos do Casco Vello, para os programas de redución de dano. Os doentes ó principio cando nós fixemos diagnose da cidade, se miraba aos toxicómanos cómo intercambiaban agullas ó chutarse, e cando comezou a aparecer o SIDA, comezamos a ver xa persoas que, ademais das súas patoloxías aditivas, tiñan graves problemas de saúde, e empezamos a traballar ese tema.
Pensamos con Érguete non estar illados, que tiñamos unha conciencia que o había que abrirse á sociedade no seu conxunto, e para cambiar a estigmatización, o tema aquel de facer manifestacións nos barrios, pedindo que a policía fóra, e nós diciamos que non era un problema só policial, que iso era secundario, que era un problema socio-sanitario, de saúde pública. Érguete nun principio valeu moito para que os familiares se apoiaran mutuamente entre eles.
Despois, cando apareceu o SIDA, o primeiro grupo que fixemos de Imán, foi para traballar no contexto da enfermidade, e comezamos traballando a preparación da morte de do loito, foi así porque naqueles momentos moitos dos nosos doentes tiñan a idea que, total, lles quedaba un ano de vida…
Máis adiante comezamos a observar que a maioría da xente con problemas de drogas abandoaban a vida escolar, vivían moi pobremente, con moitas necesidades, nos dicía un médico: eu lle podo receitar, metadona e outros medicamentos, pero non lle podo receitar un sitio seguro para durmir, e descansar, porque estar tomando tratamentos tan complexos, tan duros, con efectos secundarios, caían moito polo binomio drogas por vía intravenosa máis pola pobreza.
Nesta cidade hai entorno ó 20%, unhas 30.000 persoas, en situación de pobreza, e o alcalde non as quere ver, se alguén fala diso, di cousas como: en Vigo non hai despexos, e se botan a alguén da casa na alcaldía lle damos unha solución. Iso non é certo. Despois, o departamento de Benestar Social, debería ter moitos máis traballadores dos que ten, se lle pediu moitas veces sen resposta.
Durante máis de dous anos os “sen teito”, botáronlle un pulso ó goberno municipal, cunha Acampada contra a Pobreza, ás portas do Concello, que se iniciou en 2017, e que procuraba visibilizar a estes invisibles, algún deles vítimas de desafiuzamento. ¿Cal foi a resposta dende o Concello ante esta prolongada protesta?
Había un montón de xente que vivía en choupanas, e montaron unhas tendas de campaña fronte ó concello. Ó principio Os Ninguéns estivemos alí, na organización, e nos sentimos solidarios con eles. Pero foi unha vergoña que o alcalde os ignorou, como ignora a pobreza, os tivo ai o tempo que lle deu a gana, sufriron moito, pasaron frío, dolor, se tiveron que repartir a miseria e se xerou unha imaxe de xente que vivía na rúa. Pasaron dous invernos, sufrindo temporais moi fortes, e el foi incapaz de dicir que si desmontaban as tendas, negociaban.
En Vigo hai tamén chabolas que están sin luz, sin auga, e é incapaz de dicir: os poño aí un depósito de auga. Eu estiven visitando fai pouco un deses poboados, e a empresa que está edificando ó lado lles cedeu un depósito de 1000 litros de auga, e cando o baleiran o volven encher, e se iso o fai unha empresa privada, ¿por qué non o fai o concello? ¿por qué non o fixo coa xente da Acampada? Era un bó comenzo para negociar.
Para min, Abel Caballero ten un corazón durísimo cos pobres.
Fai uns días, diversos colectivos sociais e veciñais, entre os que estaba Os Ninguéns, se manifestaron polas rúas de Vigo, demandando outro modelo de cidade, ¿cal é ese modelo de cidade pola que loita e traballa a vosa organización?
Nós o que pretendemos é que as institucións públicas fagan unha revolución nas políticas sociais, que mude a forma de entender, como se atende á poboación empobrecida, e moitas veces non falamos tan sequera dos políticos por este desprestixio que algúns pretenden que haxa na política. Nos o que dicimos e que as institucións públicas como tales teñen que ter uns servizos sociais que cubran as necesidades básicas das persoas onde se están conculcando os dereitos da infancia, das persoas enfermas.
A burocracia e a fenda dixital, é outra das vosas preocupacións, pois é a xente con menos recursos, a que atopa máis atrancos para enfrontarse á administración.
Sí que observamos bastante na relación que temos coa xente pobre da cidade, notamos que na pandemia había moitas clases escolares online, dende colexios e institutos, pero había moitas familias nas que os fillos non puideron acceder a estas clases porque non tiñan ordenador, é certo que a Xunta deu un número de ordenadores a un número determinado de persoas, pero as máis empobrecidas quedaron sen él, e ademais tiñan que ter conexión a internet na casa.
O da burocracia dixital tamén é un problema gravísimo porque hai persoas se que resolven bastante ben a través dos sistemas dixitais, pero hai moitos que non. Como os servizos sociais están colapsados, para facer unha xestión tes que agardar moito tempo. Moitas persoas non son capaces de a ter ningunha prestación porque son incapaces de mover os papeis, e chega un momento, e isto é unha auténtica desgracia, que con estas trabas burocráticas que os que non teñen esta vía online quedan sen axudas, porque se lles pasan os prazos ou porque son incapaces de facer a xestión.
As traballadoras sociais tardan moitísimo en visitar os domicilios porque hai moi poucas. Deben ter equipos multidisciplinares, non só traballadoras sociais, teñen que ter educadores, psicólogos, asesores xurídicos… as persoas que non teñen esa formación dixital lévano moi mal.
Nos oitenta, e en boa parte dos noventa, as asociacións de veciños, e ti sábelo ben dende a do Casco Vello, eran un forte dinamizador cultural, social e onde se recollían moitas das loitas e reivindicacións do pobo e das parroquias e Vigo. ¿Qué pasou para que a súa incidencia sobre a nosa sociedade hoxe en día sexa tan limitada?
O que pasou foi que houbo un cambio de paradigma, ¿para qué se crearon as Asociacións de Veciños? Para facer diagnose da realidade social que había, e intentar cambiala. Eu me lembro que daquela moitas Asociacións de Veciños reivindicábamos moito a traída da auga potable, porque había parroquias onde non chegaba, ou que non tiñan canalizadas as augas residuais, non había garderías, incluso en algunhas non había nin teléfono. Daquela o movemento veciñal se contaxiaba dunhas organizacións a outras, crendo nese activismo social. Pero as Asociacións de Veciños comezaron a ter infraestruturas moi grandes, locais que o concello lles cedeu, e comezaron as subvencións da administración municipal. E esa dependencia das subvencións fixo que moitas Asociacións de Veciños abandonaran as reivindicacións, porque quen te administra eses recursos te esixía unha certa complicidade, e si eras crítico non había subvencións.
Este estilo de gobernar unha cidade contamina a forma de entender que a participación cidadá, que a mobilización, que o activismo, é un valor que non se pode medir en cartos, pero se pode medir nunha cidadanía máis libre, máis participativa, que hai un tecido social. E todo iso foi desaparecendo non so no tema do movemento veciñal, senón tamén no sindical, os sindicatos baixaron moito as súas reivindicacións a través de distintos pactos. Os partidos políticos comezaron a pensar máis na vida institucional que estar nos movementos sociais, non para capitalizalos, senón para acompañalos nas loitas. Moito me pregunto agora, se antes se pelexaba para levar a auga os barrios, para pedir garderías, ¿porque agora as asociacións de veciños non reivindican nada? E isto esta relacionado con que teñen uns compromisos e dependen das subvencións do concello.
E este alcalde, isto sábeo ben.
En conclusión o que pretendemos é loitar para facer sociopolítica, de forma autónoma, sen subvencións nin dependencia de ninguén, e acadar máis dereitos para a poboación empobrecida da cidade, maioritariamente mulleres, e tentar crear conciencia social nos barrios e que todo o mundo entenda que verse nunha situación precaria pódenos pasar a calquera de nós, polo tanto favorecer a empatía, a solidariedade e loitar contra os discursos reaccionarios e a aporofobia, visualizando as realidades escondidas polas institucións, tentando darlles voz ás persoas afectadas para que elas mesmas expresen as súas necesidades e vivencias. En maio facemos oito anos de andaina e estamos satisfeitas co traballo do grupo a pesares de, como en todo proxecto, ter que cabalgar algúns fracasos, pero como dicía Galeano, a utopía marca o horizonte e o camiño, e nesa utopía seguiremos, buscando unha senda cara á que seguir traballando, porque con só unha persoa que mellore as súas condicións sociais ou loite por tentalo, terá merecido a pena todo o esforzo. Moitas grazas por terme entrevistado e polo espazo e apoio, moito ánimo!
Se el primero en comentar