Aldaolado: “Todo o que nos faga subvertir é político!”

Por María Seráns

Conversamos coas polifacéticas Lucía Aldao e María Lado, que veñen de presentar na sala Kominsky de Vigo o seu último espectáculo poético-musical “Sobre Sorpresa”, con novos temas, co que celebran os seus 18 anos como ALDAOLADO e no que, ademais do seu habitual humor e interaccións co público, tamén interpretan cancións do seu último disco “Forestal”, producido por Mig Seoane e publicado o pasado mes de febreiro.

Lucía e María, cumplides 18 anos como Aldaolado estreando disco e espectáculo, ao mesmo tempo, Mofa e Befa, o dúo cómico formado por Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira, están a celebrar os seus 30 anos nos escenarios coa obra “Pirolíticos”, de cuxo texto sodes autoras. Esta coincidencia aniversarios-colaboración é casual? Como xurdiu a colaboración?

A coincidencia de aniversarios é totalmente casual, si. Tamén é certo que nós, que calquera escusa nos vale para a celebración, escollemos unha data un tanto peculiar, a dos 18 anos. Toda unha maioría de idade nos escenarios. E, como apuntas, coincidindo coa saída de “Forestal”, o noso segundo traballo discográfico, que morremos por pasear en directo coa marabillosa banda formada por Violeta Mosquera, Macarena Montesinos e Rubén Abad. Había que celebrar si ou si, vaia.

A colaboración con Mofa e Befa foi unha sorpresa súper estimulante, xa que son o dúo humorístico de referencia para nós desde a adolescencia, e ademais conectamos con eles en moitas cousas, así que imaxina que luxo poder escribir para eses dous actorazos!

Escribíchedes un texto feminista para ser representado por dous homes “Boomers” que interpelan outros homes, supuxo un reto ou foi máis sinxelo do que pode parecer dende fóra?

Sabiamos perfectamente por onde tiña que tirar a cousa, non tanto polo noso oficio de escritoras senón porque somos dúas tipas, e como tais detectamos rapidamente cales son as eivas desa masculinidade chea de toxicidade que tanto nos leva afectando toda a vida. A eles e a nós todas, claro.

Ademais a obra está a ser representada para alumnado de ensino secundario, xa sabiades que ía ser así antes de escribila ou, á vista do resultado final, decidíchedes que era “apta” para este tipo de público?

É apta para todo tipo de públicos, por suposto! Os personaxes que nela se representan ben poden ser os nosos pais, cuñados, avós, profesores, compañeiros de clase… O feminismo tenche un target moi amplo… a humanidade enteira nin máis nin menos, sen excepcións!

Algo que non me podo resistir a preguntar é: sodes colegas de Chus? Quero dicir, esa personaxe presente no texto pero non no escenario, moza e “mentora” feminista dun dos personaxes da obra, está “inspirada en persoas reais”?

Chus somos todas! Por escasa que sexa a conciencia feminista de calquera vítima do patriarcado, sabes que unha ou mil veces che vai tocar subliñar, explicar, protestar, reivindicar, corrixir, marcar certo tipo de comportamentos que xa vai sendo hora de desterrar.

Sen ánimo de facer “spoiler”, a obra remata cunha escena, dende o meu (e cónstame que de gran parte do público) punto de vista, brutal, dunha seriedade pouco habitual nos espectáculos de Mofa e Befa, tivéchedes sempre claro que a obra tiña que rematar así?

Pois aquí temos que outorgarlle todos os méritos á directora e coautora da obra Clara Gayo, artífice da escrita desa escena final que tanto está a gustar. Parabéns, Clara!

Volvendo á vosa maioría de idade como Aldaolado, dicides que “Sobre Sorpresa” (título que xorde dun verso de María Aldao que aparece no tema “Donas e Señoras da Escuridade e da Risa” e que di “unha vez déronme a escoller entre a paz interior e un sobre sorpresa, elixín o sobre-sorpresa”) fala do fracaso “que pode ser éxito” ou viceversa, posto que a definición destes dous termos (éxito e fracaso) depende moito do punto de vista; podemos entender entón o cheo total da sala Kominsky (Vigo) na estrea (xunto co éxito que está a ter “Pirolíticos”) como un novo “fracaso” para esa lista vosa, que repasades neste espectáculo?

Así é. O éxito e o fracaso son tal cousa dependendo dos ollos cos que os miremos.

Abarrotar a Kominsky, co seu aforo próximo ao dun estadio de fútbol, foi toda unha alegría. Que quedase xente fóra deunos moita mágoa, pero unha mágoa algo falsa, non che imos mentir.

Pensades que todos estes “fracasos” de Aldaolado contribuíron dalgún xeito a que hoxe en día na Galiza haxa máis propostas que tratan de sacar a poesía dos libros e levala á rúa, aos bares (estou a pensar, por exemplo, na actuación de hai un par de meses de Nuria Vil, compoñente xunto a María Lado, Charles Rapante e Mig Seoane do grupo Tugraña, no bar Templo de Vigo)… en definitiva, achegala máis a xente que, en principio, como di o poema do “Gramo Stendhal” de María Lado, feito canción en “Forestal”, odia a poesía e fai ben?

A poesía ten persoas lectoras pero tamén ten o seu público cando se fai escénica, sempre o tivo. Ben sexa en recitais “de toda a vida”, como ocorría nos 90, ou noutro tipo de formatos coma o de Nuria Vil, o de Andrea Nunes e Alba María, o de Lúa Mosquetera ou o noso. Incluso atende tamén a modas, como todas as cousas. E está ben que sexa así. É bonito congregar arredor de algo que nos gusta e nos fai sentir ben ás de arriba e ás de abaixo do escenario. Está ben sacar a poesía dos libros, e sacar a xente da casa aínda está mellor.

Aínda que xa coñecía a vosa proposta, a do pasado sábado en Vigo foi a miña primeira vez nun espectáculo voso ao vivo, e chamoume a atención comprobar que a maior parte do público non pertencía á vosa xeración (e tamén miña, se entendemos como tal ás que temos entre 40 e 50 anos), de feito había moita xente nova, darredor da trintena, e tamén moita xente maior de 50. Notades esa falta de público da nosa xeración? A que credes que se debe?

Ostras, pois aquí xa nos pillas… Deixa que pensemos… Así de primeiras cremos que foi algo casual, porque si que nos consta que outras veces o noso público de sala nocturna, deses bolos que por contexto son máis gamberros, o público adoita ser en gran parte da nosa xeración, así que non sabemos…

Eu tiña a miña teoría, relacionada cunha xeración alonxada de certas propostas debido a ter vivido a adolescencia/primeira xuventude coa maioría absoluta do goberno de Aznar no estado, pero alégrame que non sexa sempre así. Aproveitando o tema política, pois como vós mesmas dicides: “mazar é político”. Credes que o feito de rematar o espectáculo cun público entregado cantando o tema “Por que non nos volvemos bicar?” (outro dos que compoñen o novo disco) é un sinal de que en breve veremos máis xente “maior” (porque os menores de 30 “papan” non “mazan”) mazando nas rúas? Sendo eu unha desas que xa o fan, así o espero, e vós? Sodes optimistas neste aspecto?

Oxalá máis xente de calquera idade bicándose nas rúas! Todo o que nos faga subvertir é político! A nós moléstanos todo o que, apelando ao decoro ou ao “hai unha idade para cada cousa”, nos aparte de facer o que nos pide o corpo sen facerlle mal a ninguén. Está ben que repensemos as cousas, co feito de bicarse e con todas as cousas da vida.

Para rematar, cales son os vosos próximos proxectos, tanto conxuntamente como por separado?

Temos por diante unha longa xira con “Sobre Sorpresa” ao lombo. Tamén continuamos recitando outros espectáculos nosos en centros de ensino, presentando galas, escribindo para representacións teatrais, concertos coa Banda Aldaolado… Non sabemos como de atinado estivo Celaya co seu “la poesía es un arma cargada de futuro”, pero desde logo vai ben servida de presente.

Tanto Lucía Aldao como María Lado contan, de xeito independente, con publicacións propias e colectivas, así como traducións e colaboracións en medios. Ambas teñen acadado premios literarios e xuntas publicaron “Ninguén Morreu de Ler Poesía” (Xerais, 2020). Nese mesmo ano sacaron o seu primeiro álbum de estudio como Aldaolado “Casa!”, aínda que levan traballando como dúo desde o 2005, ano do que data o seu primeiro espectáculo “Onde estea un cubata que se quite un soneto”.

Se el primero en comentar

Dejar un Comentario

Tu dirección de correo no será publicada.




 

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.