Alberto Gonçalves: ‘A principal fortaleza do noso sindicato é que a nosa forza nace da propia clase traballadora galega’

Entrevistamos a Alberto Gonçalves, secretario comarcal de Vigo da Confederación Intersindical Galega (CIG).

Por Redacción NR | 4/02/2026

En Nueva Revolución comezamos un ciclo de entrevistas co sindicalismo de clase e combativo do Estado español para abordar o seu estado actual e os desafíos que deben afrontar ante un mundo laboral que está a experimentar importantes cambios. Hoxe falamos con Alberto Gonçalves, Secretario Comarcal de Vigo da Confederación Intersindical Galega (CIG).

En que ano nace o sindicato e en que contexto? Formulase como unha ruptura co sindicalismo de concertación de CCOO-UGT?

A CIG constitúese en 1994, mais faino recollendo e continuando o legado do sindicalismo nacionalista e de clase que comezou a xermolar desde inicios dos anos 70 -con contribucións moi destacadas como o papel xogado por Moncho Reboiras á cabeza da Fronte Obreira da UPG-, e que se iría progresivamente organizando no Sindicato Obreiro Galego (SOG), en varios sindicatos sectoriais no ámbito do ensino, a banca, a saúde ou o mar, na Intersindical Nacional Galega (ING) e na Intersindical Nacional dos Traballadores Galegos (IN-TG).

O sindicalismo nacionalista e de clase en Galiza naceu da necesidade de dar unha resposta propia á explotación laboral, á represión da ditadura franquista e o marco de dependencia colonial que padecía, e continúa a padecer, o noso País. A clase traballadora galega sufría precariedade, emigración e perda de dereitos sen que o sindicalismo estatal atendese a súa realidade concreta, e que operaba cun modelo encamiñado á burocratización, moi dependente das decisións de cúpulas e que por exemplo tiña en grande medida abandonado todo o mundo laboral que existía para alén das grandes factorías. Ao tempo, medraba a conciencia de que a defensa das condicións de vida e de traballo estaba ligada á defensa de Galiza como suxeito político, que a liberación social era interdependente e indisociábel da liberación nacional.

Este sindicalismo procurou organizar a clase traballadora desde abaixo, unir loita social e loita nacional, combater a precariedade e contribuír á conquista de dereitos democráticos, sentando as bases dun movemento sindical propiamente galego e de clase, cun carácter combativo, asembleario e de aposta no conflito. A existencia da CIG é a expresión concreta da autoorganización do pobo galego no ámbito da loita sindical.

Como valorades o estado actual do sindicalismo de clase na Galiza? Como de implantado está en empresas estratéxicas e no tecido empresarial en xeral?

Hoxe á CIG é a primeira forza sindical en Galiza. Non só en representación, con arredor de 5200 delegadas e delegados, liderando un número importante de Comités de Empresa, sectores e comarcas enteiras. Senón tamén en organización, con preto de 90 mil afiliadas e afiliados, a moitísima distancia de outras centrais sindicais. E, sobre todo, en capacidade de mobilización e de conflito.

É evidente que o motor da loita sindical en Galiza é fundamentalmente a CIG. E iso é posíbel grazas a que seguimos a sumar cada vez máis confianza e apoio entre a clase traballadora, que recoñece ao sindicalismo nacionalista e de clase como a mellor ferramenta para a defensa dos seus intereses, sobre todo pola nosa firmeza e coherencia.

E acho que esa tendencia é xa irreversíbel, a pesar dos intentos desesperados da patronal, coa complicidade a veces obscenamente aberta do sindicalismo estatal, por tentar laminar a CIG a golpe de represión e chanchullos. Pero a principal fortaleza do noso sindicato é que a nosa forza nace da propia clase traballadora galega. Nós non somos un logotipo cunha cúpula fechada que toma decisións en despachos e pastelea para negociar a derrota dos traballadores e traballadoras. Non somos tampouco unha xestoría. Somos unha organización sindical, cun carácter sociopolítico, que ademais de dar a batalla no concreto polos dereitos laborais incardina a súa loita nun horizonte estratéxico que é o dunha Galiza sen explotación, que para selo só poderá ser soberana, independente e socialista.

Actualmente existe un reto xeracional. A filiación media ós sindicatos combativos é relativamente baixa, máis aínda entre a xente moza. Que mensaxe lle podedes transmitir a un traballador ou traballadora moza que se incorporara fai pouco ó mundo laboral para que se sindique?

A precariedade e a temporalidade que marcan as condicións laborais da meirande parte da mocidade dificultan o traballo sindical. Tamén a crecente individualización das condicións laborais, que con tanto afán empurra a patronal, ou fenómenos como a xeneralización do teletraballo que provoca a fragmentación da propia clase traballadora, separándonos uns doutros, porque saben que a nosa forza é colectiva, que xuntas e xuntos somos imparábeis e imbatíbeis. No entanto, a CIG é claramente a referencia tamén da mocidade traballadora no noso País, e estamos a incorporar non só máis afiliación, senón tamén cadros sindicais novos que garanten o relevo e a continuidade do proxecto. Hai que ter en conta que foi precisamente a mocidade quen protagonizou o nacemento do sindicalismo nacionalista e de clase, e estou certo de que vai ser tamén un actor moi importante no seu avance de aquí en diante.

A mensaxe fundamental para a mocidade traballadora, como para o conxunto das traballadoras e traballadores da Galiza, é que a conquista e defensa dos nosos dereitos e de mellores condicións de vida e de traballo só pode vir da loita colectiva, consciente e organizada. Nada do que temos hoxe nos foi regalado, todo foi conquistado a través da loita. E que, a pesar dos avances, aínda temos todo por gañar.

Dende os anos 80, no Estado español levouse a cabo un proceso de desindustrialización no que se desmantelaron empresas de sectores estratéxicos importantes. Como afectou esta perda de masa obreira á conciencia de clase e ó sindicalismo?

É importante sinalar que a desindustrialización non afectou a todo o Estado español por igual. E neste sentido vemos como procesos tan lesivos como a mal chamada reconversión naval cebáronse especialmente co tecido produtivo galego. Nun esquema moi parecido ao que se aplicou no desmantelamento de boa parte do sector primario, do agro ou da pesca. É un síntoma, unha evidencia máis, das consecuencias do marco de dependencia colonial que padece Galiza. Somos sempre territorio de sacrificio. E tamén de espolio, como se ve con claridade con cuestións como a privatización e expatriación do aforro galego, ou agora coa depredación dos nosos recursos, sexa co boom eólico por terra e por mar, con proxectos de puro e duro extrativismo como Altri ou a Mina de Touro, ou coa intención dos poderosos de meter as gadoupas en materias estratéxicas ou terras raras.

Por outra parte, este proceso de desertización produtiva ten unha relación directa coas consecuencias do ingreso no Mercado Común Europeo, do que este 2026 se cumpren 40 anos, e posteriormente na UE. Lonxe da panacea que algúns quixeron vender, a integración forzosa nas estruturas que hoxe representan a UE e o euro, supuxeron un impacto brutal para Galiza, reducíndonos a exportadores de materias primas a prezo de saldo e a un País cada vez máis dependente do sector servizos, que apenas xera valor engadido e con empregos de baixa calidade, o que impide que poidamos ter unha economía autocentrada: isto é, unha economía que coloque os inmensos recursos que temos ao servizo dos intereses do pobo galego.

No ámbito sindical a desindustrialización debilitou tamén un sector no que historicamente o movemento obreiro tivo sempre unha maior capacidade de loita e combatividade.

Entramos na era da Intelixencia Artificial e a robotización. Dúas cuestións que sen dubida debuxan un novo horizonte de loita obreira e novos retos para o sindicalismo. Como afronta o sindicato o feito de que miles de traballadores podan ser substituídos pola IA e os robots nas próximas décadas? Qué medidas habería que tomar para protexer ós traballadores?

A tecnoloxía, como todo avance científico ou técnico, non é algo neutral. É un debate sempre complexo, onde hai elementos importantes como o “que”, o “canto”, o “quen” e o “para que”. A cuestión é que a incorporación de tecnoloxía nos procesos produtivos vemos como non ten feito desaparecer a brutal explotación laboral, senón mesmo a incrementa, con ritmos e cargas de traballo extenuantes. Pode que hoxe haxa menos esforzo físico que hai 50 anos nalgúns postos, pero iso compensouse cun esgotamento mental e unha maior carga psicolóxica, con presión e estrés.

A intelixencia artificial e a robotización non son tampoco neutras nin inevitábeis. Todo depende de quen decide como se aplican e con que obxectivo. No modelo capitalista actual, estas tecnoloxías están a empregarse para aumentar beneficios, reducir emprego e precarizar aínda máis as condicións laborais, mentres a riqueza xerada fica en mans duns poucos.

O problema non é o avance tecnolóxico, senón que os seus efectos recaian sempre sobre as costas das persoas traballadoras. Se a produtividade aumenta grazas á IA e aos robots, esa riqueza ten que servir para mellorar a vida da maioría social: máis dereitos, máis salarios e máis tempo para vivir, non máis despedimentos nin explotación.

Por iso, a resposta non pode ser a resignación. É preciso repartir o traballo e a riqueza, reducir a xornada laboral sen perda salarial, impedir despedimentos por automatización e garantir que a implantación destas tecnoloxías sexa negociada e controlada sindicalmente. Tamén é fundamental asegurar formación pública e de calidade e reforzar o emprego e os servizos públicos.

Con todo, a tecnoloxía até hoxe non conseguiu que o traballo humano deixe de ser o factor central e esencial da produción. Como explica o marxismo, toda a riqueza é creada pola forza de traballo. E a economía capitalista continúa a pivotar sobre a apropiación de plusvalía, o roubo da diferenza entre o valor do que produce o traballo humano e o que se percibe como salario.

A CIG aposta por unha tecnoloxía ao servizo das persoas traballadoras e do país. Ese é o reto do sindicalismo combativo: organizar e loitar para que o progreso non vaia contra a clase obreira, senón a favor da xustiza social.

Que mensaxe podemos lanzar dende o sindicato a aqueles traballadores que se definen como clase media e renegan da súa condición de clase obreira? É preciso recuperar o orgullo de clase e combativo?

Hai que entender que estamos diante dunha brutal ofensiva ideolóxica no marco dunha loita de clases que lonxe de estar superada se ten recrudecido nos últimos anos. Nese sentido, a falsa idea de que a loita de clases rematou e de que vivimos no mellor dos mundos posíbeis, cae polo seu propio peso e choca coa realidade material que vive cada día a maioría social. A ofensiva do capital que enfrontamos tradúcese nunha cada vez maior explotación laboral, en forma de salarios que non impiden ser pobres e que non garanten as máis esencial subsistencia, en forma de precariedade e incerteza, na intensificación brutal dos ritmos de traballo e a desregulación da xornada, con moreas de horas extra que ninguén paga.

Diante disto temos que intensificar tamén a batalla ideolóxica. O sistema ten máis medios e mecanismos do que nunca na historia para proxectar e difundir as súas mensaxes alienantes, para confundir, para tentar enfrontar o penúltimo co último da fila. Pos iso é chave seguir a sementar conciencia de clase.

Como se está abordando dende o sindicalismo de clase a integración da inmigración no mercado laboral e a súa implicación na loita sindical?

É claro que a poboación inmigrante padece niveis de explotación e de precariedade moito maiores. Non é nada novo. Forma parte da vella lóxica do capital. Aproveitarse dos sectores máis vulnerábeis para explotalos de maneira aínda máis brutal. O noso traballo a nivel sindical pasa por incorporar estes sectores na loita sindical, sabendo da dificultade de actuarmos en ámbitos que mesmo continúan a operar na economía irregular, sen contrato nin o máis mínimo recoñecemento de dereitos. Un exemplo é o sector da limpeza do fogar e tamén dos coidados domésticos. Nestes casos o fundamental é achegar o sindicato para que coñezan os seus dereitos e que teñen un instrumento para facelos valer.

Co auxe do comercio online estanse a producir cambios importantes no mundo laboral. De qué xeito se está traballando sobre a necesidade de sindicar a sectores precarizados como os riders ou traballadores de empresas dixitais?

Falamos de actividades que se desenvolven en moitos casos de maneira abertamente ilegal, ou no límite da legalidade, nunha especie de economía somerxida pero á vista de todos, con falsos “autónomos” que acaban na práctica escravizados ao servizo de grandes compañías transnacionais. Desde logo o primeiro paso é o de seguir traballando con toda a intensidade para lograr que deixen de ser espazos laborais en sombra nos que non se aplica nin convenio, nin Estatuto, nin nada. E tamén por esixir que a Inspección de Traballo actúe con maior contundencia para romper a sensación de impunidade coa que actúa este empresariado pirata. É chave que os propios traballadores comprendan que non son “emprendedores” por conta propia que ofrecen os seus servizos a un terceiro con autonomía. Son vítimas de puro e duro subemprego.

O sindicalismo de clase sufre represión e criminalización por parte do Estado, que a miúdo os etiqueta como “violentos”. Como se fai fronte a esta ofensiva que procura restrinxir e limitar a vosa actividade sindical?

Unha das nosas maiores fortalezas é a nosa independencia como organización sindical. Independencia organizativa e tamén económica. A que nos permite non depender de subvencións públicas e contar con recursos suficientes para despregar mecanismos de como a caixa de resistencia ou fondo de solidariedade para enfrontarmos, desde o colectivo, a represión antisindical que toma moitas formas. Desde a persecución ou o acoso dos nosos delegados e delegadas, o despedimento preventivo de quen se atreve a presentarse pola CIG a unhas eleccións sindicais ou a defender os seus dereitos, até sancións inxustas por causa da Lei Mordaza ou casos de violencia policial.

A represión demostra que a nosa loita non é estéril. É a reacción airada diante dos avances que a clase traballadora galega, consciente, organizada e actuante vai atinxindo. A idea fundamental é que a nosa forza é a da unidade, de que se tocan a un ou a unha de nós, tócannos a todas. E niso podo dicir con orgullo que a resposta da CIG no seu conxunto é sempre exemplar. Ninguén queda atrás. Toda a nosa afiliación, todas as delegadas e delegados, saben que teñen detrás e ao seu carón toda a capacidade organizativa e de resposta da primeira forza sindical de Galiza.

Mais isto non quita que teñamos que seguir a esixir a retirada de todas as reformas legais que só supuxeron máis represión e a criminalización do exercicio de dereitos e liberdades fundamentais como a afiliación sindical ou a folga. Que a día de hoxe a Lei Mordaza siga aplicándose polo autodenominado “Gobierno más progresista” é unha indecencia. Que sigamos vendo traballadoras e traballadores perseguidos e encausados por exercer os seus dereitos é unha evidencia da falla de democracia real que seguimos a padecer.

Se el primero en comentar

Dejar un Comentario

Tu dirección de correo no será publicada.




 

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.