A vida secreta de Úrsula Bas, de Arantza Portabales

Por Ramón Nicolás / Caderno da Crítica

Arantza Portabales converteuse, duns anos para acó, nunha das figuras máis salientables entre as voces que transitan polos ámbitos do xénero negro ou da narrativa policial entre nós. A vida secreta de Úrsula Bas, a súa cuarta novela polo de agora, así o vén confirmar sen ningunha dúbida.

Entre as inequívocas chiscadelas co seu anterior éxito como foi Beleza vermella (2019) salienta a presenza dos policías Santi Abad e Ana Barroso: involucrados agora nun proceso de reconstrución das súas propias vidas mais tamén obrigados a compartir desafíos profesionais. Ambos os dous afrontarán a resolución dun caso enguedellado como é a desaparición de Úrsula Bas: unha célebre escritora, deseñada coas súas luces e as súas sombras. As súas pegadas posibilitarán que se revelen algúns focos temáticos que protagonizan tamén esta entrega como a vontade de mostrar algunha das caras máis perversas da condición humana, as consecuencias que implica a excesiva dependencia nas relacións persoais ou os perigos que axexan nas redes sociais ou, mesmo, a capacidade que estas atesouran para controlar as nosas vidas. Todo por xunto converte esta novela nun moi destacado exemplo dun thriller psicóloxico como testemuñan tamén as páxinas en que se desvela como alguén é quen de construír un personaxe distinto do que en aparencia é.

Cun xogo de voces narrativas acaído e polifónico, onde as pezas encaixan con precisión e non hai nada previsible, Portabales ofrece unha proposta, cun pano de fondo compostelán, marcada por un ritmo rápido, de avance fragmentario e que, ao tempo, abraza unha arquitectura de inequívoca filiación cinematográfica onde a intensidade sempre vai a máis. A tonalidade á que se acolle prescinde á mantenta do probablemente accesorio mais isto non impide estender unha intelixente ollada narrativa emitida desde outros ángulos. Unha moi recomendable novela para as persoas afeccionadas ao xénero e non só.

Se el primero en comentar

Dejar un Comentario

Tu dirección de correo no será publicada.




 

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.