A Iniciativa Galega pola Memoria pide que a Illa de San Simón sexa sinalado Lugar de Memoria Democrática

Por Redacción NR

A Iniciativa Galega pola Memoria, coordinadora das asociacións memorialistas do país, presentou solicitude de incoación do procedemento para a declaración da Illa de San Simón como Lugar de Memoria Democrática, de acordo co establecido nos artigos 49 e 50 da Lei de Memoria Democrática. A Illa de San Simón, tal como detalla a IGM na sua solicitude foi “espazo utilizado após o Golpe de Estado franquista de xullo de 1936 como campo de concentración, cárcere, lugar de tortura e asasinato aos presos republicanos durante os primeiros anos da represión franquista (setembro/outubro de 1936 até marzo de 1943).”

No informe remitido á Dirección Xeral de Atención ás Vítimas e promoción da Memoria Democrática a IGM expón que “Sen dúbida ningunha, a páxina máis negra da historia de San Simón marcarana os golpistas que en xullo de 1936 poñen fin na Galiza ao réxime democrático da IIª República e inician un período de represión durante os corenta anos seguintes. A partir de outubro do 36 San Simón converterase en cárcere nos que os sublevados reclúen a presos de todas as ideoloxías democráticas, na súa maior parte en situación preventiva, chegados nun primeiro momento da provincia de Pontevedra e toda a Galiza, e posteriormente de calquera parte do Estado español. A ditadura franquista imporá entre outubro de 1936 e marzo de 1943 unha localización de illamento político, unha cruenta e precaria prisión e o maior campo de concentración do país, pola que se calcula que pasaran cerca de seis milleiros de persoas.”

Na solicitude da IGM tamén se denuncia o abandono por parte da Xunta de políticas efectivas de Memoria, “Após o esmorecemento das políticas públicas da memoria postas en marcha na illa foi a sociedade civil organizada quen desde 2010, coa chegada ao executivo galego do Presidente Alberto Núñez Feijóo, ten que coller as rédeas da autoxestión da actividade de verdade, xustiza, reparación e garantías de non repetición en San Simón.

A través da Iniciativa galega pola Memoria, rede que integra a práctica totalidade das asociacións de memoria histórica do país, realízase a organización da Homenaxe Nacional ás vítimas da represión franquista de xeito ininterrompido unha vez por ano no domingo máis achegado ao 18 de xullo.

As cidadanía convocadas pola IGM achégase á illa coas asociacións da súa zona de Galiza para lembrar, honrar e reivindicar a memoria do que alí aconteceu, denunciar en cada edicións o abuso aos dereitos humanos básicos que supón a displicencia e desleixo sobre estes temas e a demanda de converter este sitio nun lugar da memoria.”

Este espazo insular é na actualidade un valor patrimonial, ambiental e esencialmente, un recurso da nosa memoria histórica democrática común, o que as leva ao nomeamento simbólico e recoñecido por toda a sociedade galega como a illa da memoria, que se ve luxada logo da intervención rehabilitadora da administración autonómica durante máis de trinta anos, con actividades de todo tipo, predominando en moitos dos casos as de lecer e tempo libre, sen aparente criterio, que acabou por converter a illa nunha atracción turística, con claros intereses lucrativos, que desbota e oculta a súa realidade histórica, perverten e vulgarizan os valores humanos, históricos e pedagóxicos de difundir o que alí aconteceu, tal como se pode observar nas dispares actividades que teñen lugar agochando a auténtica realidade, presente na memoria colectiva e popular, investigada e ficcionada a través de numerosas expresións culturais, que contribúen a abandonar un proxecto formalizado de memoria democrática para San Simón e Santo Antonio, baseado na súa historia, na educación e na cultura.

Deste modo, accións como buscas do tesouro, concertos masivos, celebración de eventos festivos ou visitas organizadas polas diferentes navieiras da ría de Vigo que apenas informan do período carcerario franquista, confirmado todo isto pola actitude da propia Consellaría de Cultura de Galiza que autodenomina eufemisticamente San Simón como espazo de creación e illa do pensamento, prescindindo practicamente das referencias ao campo de concentración, prisión e xestionando o lugar sen o rigor e respecto que deberían ter este ben históricocultural.”

Informe San Simón

Se el primero en comentar

Dejar un Comentario

Tu dirección de correo no será publicada.




 

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.