A IGM aprema a Estado e Xunta para que se poñan a traballar no recurso de Meirás ante a inminencia do remate dos prazos legais

Agarda que no pleno de mañá se produza un pronunciamento claro do Parlamento para instar a ambos executivos. A plataforma cre que hai base xurídica para opoñerse á sentenza e que, máis alá dos aspectos técnicos, a ética democrática esixe vontade política das tres forzas para opoñerse ao “relato franquista” do fallo

Pola Iniciativa Galega pola Memoria

A Coruña, 9 de marzo de 2021. A menos dunha semana para que remate o prazo de interposición, a Iniciativa Galega pola Memoria aprema ao Estado e á Xunta para que deixen de adiar a decisión política e se poñan a traballar na preparación legal do recurso contra a sentenza da Audiencia Provincial de A Coruña que obriga a indemnizar á familia Franco polos anos de ocupación do Pazo de Meirás.

Representantes da IGM mantiveron nos últimos días reunións cos tres grupos políticos presentes no Parlamento de Galicia. O BNG reafirmouse no seu total apoio á presentación do recurso por parte do Estado, principal actor no proceso, así como á adhesión ao mesmo da Xunta de Galicia, mentres que populares e socialistas comprometéronse, a instancias da plataforma, a instar a ambas administracións a recorrer, “sempre que existan posibilidades xurídicas” para facelo. A IGM agarda que os encontros deriven nun pronunciamento claro do Parlamento e que no Pleno de mañá mércores, no que se abordará o asunto, se inste tanto á Xunta como ao Estado a presentar recurso, tal e como solicitou a súa representación nas reunións.

Como voceiro do organismo, o investigador Carlos Babío, autor xunto con Manuel Pérez Lorenzo do libro Meirás: un pazo, un caudillo, un espolio, facilitou aos grupos que o solicitaron información que avalaría a existencia de soportes legais para recorrer o fallo. A IGM entende, en base ao minucioso e documentado traballo de ambos,  que hai base xurídica para opoñerse á sentenza da Audiencia Provincial que considera a familia Franco posuidora “de boa fe” do Pazo, e nomeadamente, ao feito de que estableza 1975 como data de inicio para o recoñecemento dos dereitos de posesión, cando os netos e netas do ditador non asumiron a propiedade ata decembro de 2017.  Porén, máis alá dos fundamentos legais para presentar recurso, a plataforma que agrupa o movemento memorialista galego insiste en que, como representantes de institucións democráticas, as tres formacións teñen “a obriga ética” de opoñerse a un fallo que asume o relato franquista e branquea a represión e o espolio levados a cabo polo ditador.  Ten claro que o de Meirás non é un debate material nin económico, que a loita polo Pazo non se iniciou para acadar un ben material senón para denunciar a impunidade franquista. Na loita contra esa impunidade,  Meirás é un símbolo, a icona dun discurso de denuncia sen paliativos ao xenocidio franquista e, polo tanto, totalmente contrario ao que recolle a sentenza provincial.

Se el primero en comentar

Dejar un Comentario

Tu dirección de correo no será publicada.




 

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.