A Xunta aldraxa de novo as vítimas da represión en San Simón colaborando cun festival VIP de Bachata o domingo 8 de xuño

A Iniciativa Galega pola Memoria solicita ao goberno galego que non autorice este evento xa que se podería desenvolver en calquera outro lugar que non teña a carga simbólica e emocional de San Simón

Por IGM | 6/06/2025

A entidade memorialista demanda ao goberno do Estado que axilice a declaración da Illa como lugar de memoria para impedir estes actos ofensivos para a memoria das vítimas

A Consellaría de Cultura do goberno galego dá un paso máis na aldraxe ás vitimas da represión franquista en San Simón colaborando na organización dun Festival de Bachata VIP, unha mostra escandalosa da banalización dos usos da Illa, que foi un dos máis crueis campos de concentración da Ditadura franquista, un lugar de morte, tortura, fame, cárcere e illamento de miles de persoas, moitas delas sen xuizo nin condena, só polo feito de defender valores democráticos e republicanos.

Matías Rodríguez Datorre, voceiro da Iniciativa Galega pola Memoria declarou que “Desde a IGM rexeitamos e condenamos estes usos ofensivos para a memoria das vítimas e as súas familias, uns usos que constitúen unha absoluta mercantilización e trivialización dun lugar que debería ser un espazo de respecto, lembranza e homenaxe. Mais no que constitue un exemplo do mundo ao revés, o goberno galego non organiza na Illa nin un só acto relacionado coa memoria histórica e promove ou consinte o seu uso como parque de atraccións e sala de festas VIP”, sinalou Matías R Datorre, portavoz da IGM.

A IGM lembra que en ningun país democrático e en ningún lugar que teña este pasado tráxico se autorizan este tipo de actos festivos e ofensivos. Segundo afirmou Matías R Datorre: “A ninguén se lle ocorre organizar festivais de bachata nun campo de concentración, nun lugar de tortura ou nun cemiterio. Pois o mesmo criterio se debe utilizar en San Simón, establecendo unhas normas sobre o tipo de actividades permitidas e prohibidas na illa. Desde a IGM sempre defendemos que San Simón debe ser declarado Lugar de memoria, debe acoller un programa anual de actividades relacionado co seu pasado como campo de concentración, e que non se deben autorizar aquelas actividades que poidan ser ofensivas para as vítimas e as súas familias”.

Axilización da declaración como Lugar de Memoria

Ao tempo que denuncia esta nova aldraxe ás vítimas e ás súas familias, a IGM insiste na urxencia da declaración de San Simón como Lugar de memoria ao abeiro do previsto no artigo 50 da lei 20/2022 de memoria democrática. Lembramos que esta solicitude foi presentada por entidades memorialistas galegas en xullo de 2024 e ainda está pendente de aprobación.

“Consideramos que é urxente que se recoñeza oficialmente a San Simón como Lugar de memoria para deste xeito regular os seus usos e impedir actos ofensivos contra a memoria histórica democrática, contra as vítimas da represión e as súas familias”, afirmou o portavoz da IGM.

Se el primero en comentar

Dejar un Comentario

Tu dirección de correo no será publicada.




 

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.