Á beira de Beiras

Foi un mozo rebelde e soñador, que estará perpetuamente de actualidade. Botarémolo moitísimo en falta, mais estará presente na memoria do pobo a vida toda e máis alá.

Por Millán Fernández 14/10/2026

A Ricardo e Daniel

É imposible condensar en pouco espazo un retrato fidedigno sobre unha figura tan brillante e irrepetible, inmensamente poliédrica e rica nos aspectos político, académico, humano e cultural. Díxose moito desde o pasamento e resta moitísimo por revisar e divulgar pois falamos dunha referencia colectiva ineludible que transcenderá épocas e xeracións, como xa en vida fixo pola súa dimensión docente e ampla producción intelectual e política máis tamén, e sobre todo, pola súa desbordante personalidade. Trátase dunha irreparable perda, en primeiro lugar para a súa familia.

Centrareime brevemente no que significou para min, un rapaz calquera de Castroverde que alá polos noventa do século pasado acompañaba os seus pais polos 25 de xullo co ánimo de asistir ás abraiantes arengas patrióticas anuais. Producíame unha monumental vergoña achegarme a saudalo. Era unha admiración case reverencial, producto dunha primitiva fascinación inconsciente polo fondo e a forma. Despois viría a alma mater da universidade compostelá, e uns primeiros anos marcados pola catástrofe do Prestige e as invasións de Iraq e Afganistán… onde as súas conferencias enchían aulas e cabalmente de sentido o que un mesmo intuía por curiosidade ou instinto, mais ningún outro profesor lograba tan ben explicar: á fin, este noso mundo de tolos.

Foi naquela homenaxe Á beira de Beiras, sentado a carón de Ceferino Díaz, onde me comprometín definitiva e intimamente a seguilo até onde chegase. Era decembro de 2011, e aquel un multitudinario encontro cívico de irmandade galeguista onde se presentaba un libro colectivo cadrando co 75 aniversario de Xose Manuel. Era o ano no que as prazas fervían e onde o movemento indignado lograra repolitizar a conversa pública, situando a dialéctica da protesta nos dabaixo protagonistas fronte poderes que agredían o común cidadá trala crise financeira internacional. Beiras leu rapidamente aquelo en chave da rebelión cívica necesaria que levaba tempo pregoando. Despois veu a traumática ruptura do BNG en Amio e a posterior constitución de Anova-IN, nave na que me enrolei sen pensalo: comezaba entón para min unha aventura apaixonante, reflectida en numerosas campañas electorais, asembleas, xuntanzas, viaxes e a posibilidade de aprender preto del poñendo en práctica no propio país algunhas cuestións asimiladas teoricamente durante a primeira formación universitaria. Foise trabando así unha relación particular e fecunda, fortalecida cando substituín a Manoel Santos e Uxío Novo na tarefa de coidar da súa imaxe e proxección pública nas redes sociais, ademais de axudar a xestionar durante algunha etapa aparicións en prensa, entrevistas, etc.

Facer de alter ego dixital dalguén que admiraba tanto permitiume ademais estreitar lazos e manter unha canle de comunicación aberta que durante case dez anos foi practicamente diaria ou semanal, ao principio máis profesional que persoal e, co paso do tempo, moito máis marcada polo segundo que polo primeiro. Mais sen perder nunca aquel reverencial respecto que el sabía desactivar atenuado coa confianza. Isto abriu a posibilidade de compartir información e análises de maneira cotiá recibindo, case sen eu ser consciente, un maxisterio que transcende con moito o plano político para resultar primordialmente ético e vital, ao cal outorgo moito maior peso e valor. Sentido por min como un privilexio e unha responsabilidade que solucionabamos a través de centos de «emilios», sms ou chamadas a calquera hora que gardarei como un tesouro, fisicamente e no maxín.

Descubrín así alguén cunha retranca, coherencia, erudición e sensibilidade maior da imaxinada: unha persoa íntegra que sempre tiña azos e palabras de ánimo e alguén cunha prodixiosa memoria que ademais de falar, e moito, sabía escoitar e ben. Tiven a sorte de poder acompañalo nalgunha viaxe, especialmente unha que resultou inesquecible para min, pois fixémola os dous en tren ata Euskal Herria… a unhas xornadas en Iruña pola memoria de Germán Rodríguez, vítima da policía armada franquista nos sanfermíns de 1978, nas cales aproveitamos para alimentar relacións políticas en Bilbo con formacións euskaldúns e algunha outra do espazo peninsular. Confirmei tamén deste xeito, de primeira man, a admiración que a súa traxectoria e lúcidas reflexións espertaban fóra das nosas fronteiras… moi especialmente en Catalunya e Euskadi.

Como militantes da mesma causa e organización, asinamos máis dunha vez artigos conxuntamente con outras compañeiras e compañeiros. A elaboración de textos políticos contaba inevitablemente coas súas precisas aportacións e ideario troncal, influente en todas e todos nós, e cultivado durante décadas de acumulación duns vastísimos coñecementos avanzados en economía política, dereito, ciencia política, historia, literatura, música, antropoloxía, xeografía… Beiras foi unha auténtica enciclopedia aberta que relacionaba saberes, experiencias previas e memoria viva grazas a un pensamento absolutamente ramificado, perfectamente elaborado e estruturado, anticipador dos cambios sociais e políticos que xa se albiscaban como mínimo desde o comezo do milenio, e cun norte claro na defensa de Galiza e da clase traballadora.

Xeneroso e solidario sempre, confiou en min para co-presentar publicamente xunto co historiador Prudencio Viveiro Mogo, a tradución do libriño Espertemos! do resistente francés Edgar Morin na Libraría Couceiro. Activo e devezoso por recibir recomendacións de novas tendencias e referencias intelectuais, especialmente tamén nestes últimos anos de profundos cambios e deriva da orde sistémica internacional. Abrigaba unha xustificada preocupación polo auxe das correntes neofascistas na realidade europea e a máis inmediata, así como un interese xenuíno por case todo o que afectase á humanidade e os condenados da terra. A súa acción orientouse na última década e media a retrasar ou evitar o avance de tal monstrosidade antihumana.

O maior e máis noble xesto cara min foi ben recente cando, logo dun periplo que foi político mais tamén fondamente persoal e de amizade (a pesar dunha notable diferencia de idade) produciuse coa elaboración dun sentido e inmerecido limiar sobre a historia mínima do extinto Partido Socialista Galego sendo, sen lugar a dúbidas, a parte máis interesante do volume. Tamén coa asistencia á presentación pública. A súa apertura a seguir axudando, comprometéndose e participando a pesar do gran revés padecido nos estertores da súa vida engrandecen máis aínda o perfil totémico, cicelado polo país adiante con infinidade de persoas durante décadas. Ademais de todo o anterior, foi para min ademais «obxecto de estudo», algo compartido con outra xente, entre eles os investigadores Xavier de Pablo e Carlos Calvo, de quen se sentía completamente orgulloso. Ensinounos a ollar con lentes galegas o universo inteiro. Con el fomos moitas as que nalgunha ocasión loitamos, gañamos e perdemos, sendo sen embargo o máis excepcional compartir tempo e espazo na misión inacabada de axudar a mudar colectivamente, en positivo, o estado de cousas.

A última vez que aquel rapaz de Castroverde e, coma quen di, un ninguén, estivo na súa casa foi para levarlle mel de abellas luguesas en agradecemento por todo e para adozarlle os amargores. Conversaron durante horas e brindaron xuntos cun viño do Porto por aquela apaixonante e particular viaxe que para o vello petrucio non fora máis ca anedótica dentro das súas mil vidas vividas dúas veces. Ese rapaz xa medrado atopábase de regreso á súa terra nai e Beiras iría emprendendo sen retorno nin eu sabelo o camiño da eternidade, que finalmente chegou pouquiños meses despois. No imaxinario propio atópase agora a carón doutras dúas grandes referencias vitais, que o son por distintas razóns: Darío Xohán Cabana e o meu querido pai.

Aínda que resulte paradoxal, a desaparición física de Xose aos 90 anos é prematura e dolorosa. Algo que non semellaba posible. Foi un mozo rebelde e soñador, que estará perpetuamente de actualidade. Botarémolo moitísimo en falta, mais estará presente na memoria do pobo a vida toda e máis alá. Cómpre que a súa obra sexa estudada, estendida, revisada e permanentemente difundida. Cómpre máis aínda que sexa entendida e asimilada. Patrimonio inmaterial do pobo galego e luceiro independentista, antifascista e internacionalista contra as inxustizas.

A proverbial intelixencia e humor que o caracterizaban facía as veces dun antídoto de potencial radicalmente irreverente, e xusto por iso emancipador. Unha das últimas mensaxes ácedas que recibín del para difundir polas redes foi no verán do ano pasado: «Feijóo ten o Tellado furado e chóvelle nos miolos. Vánselle esluír!». Facía xa tempo que se desencantara deses «trebellos»…

Marcha a estrela na palabra, por unha Galiza liberada, e o mellor intérprete da nosa nación incesante. L’ami du peuple. Faino cando as prazas voltan rebulir esixindo pan, traballo e teito e coas ameazas todas petando violentamente na porta. O seu derradeiro gran acto político foi unha sonora advertencia berrada en silencio, e un recordatorio perenne: denantes mortos que escravos, Galiza ceibe, poder popular!

Até

sempre, compañeiro Beiras!

Se el primero en comentar

Dejar un Comentario

Tu dirección de correo no será publicada.




 

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.