Xela Arias 2021: un tsunami editorial

Por Ramón Nicolás / Caderno da Crítica

Cómpre recuar no tempo para rexistrar tal cantidade de publicacións xerada pola celebración do Día das Letras Galegas. É doado colixir que a figura e a obra literaria de Xela Arias resultou asediada desde moi diferentes ópticas e con manifesta intensidade. De feito, algunhas das liñas esenciais que irmandan todas estas publicacións poden ser a ampla presenza de autoras e a aposta por reclamar o “espazo Xela Arias” desde diversos selos editoriais. Todo malia a urxencia con que se idearon os proxectos para chegaren antes do 17 de maio a disposición das persoas interesadas.

BIOGRAFÍAS

A proposta da poeta Emma Pedreira titulada XelaArias. Palabra á intemperie, con ilustracións a cargo de Laura Romero (Baía Edicións) foi das primeiras que se asomaron ás nosas librarías. Nela abrázase, desde unha perspectiva pouco convencional, a figura da autora para establecer con ela un diálogo ricaz e con posibilidades lúdicas e creativas ben acaídas para o traballo docente.

Yolanda Castaño ofrece en Xela quixo ser ela. Biografía de Xela Arias (Xerais) un traballo marcado pola accesibilidade a todo tipo de público. Nel sobresae a posibilidade de visualizar e sentir próxima a figura obxecto de coidadosa análise e interpretación deseñando un retrato que testemuña como Xela Arias sempre quixo ser ela.

Pola súa parte Montse Pena articula en Intempestiva, unha biografía (literaria) de Xela Arias (Galaxia) un percorrido fluído polos diversos territorios vivenciais e literarios, beneficiado por un manexo solvente dunha abondosa bibliografía e de numerosas fontes orais que compendian con acerto os pasos dunha personalidade firme e independente.

Mª Xesús Nogueira, que desde hai anos traballa incansablemente e con rigor pola difusión da poesía de Xela Arias como testemuña a súa edición da Poesía reunida (1982-2004) -libro que viu a luz en 2018 e que supuxo a necesaria actualización da obra literaria da autora viguesa-, publica tamén en Xerais a biografía Xela Arias. Os territorios da liberdade no que inicia cada capítulo coa voz da propia homenaxeada: punto de partida para un labor exhaustivo de interpretación, riquísimo en datos e suxestións e operativa para achegarse con garantías ao seu universo literario e vital.

Ao anterior súmase a achega de Anxo Xoán Rajó Pazó –Xela Arias. Poeta e tradutora (Ir Indo)- dona dunha incontestable orientación didáctica que conta con numeroso material fotográfico e documental. Ademais, aínda viron a luz senllas publicacións centradas nunha franxa lectora máis nova: Liberdade, solidariedade e amor pola lingua. Pequena biografía de Xela Arias a cargo de Polo Correo do Vento, con ilustracións de Tania Solla (Lela Edicións= e mais unha entrega especial dedicada a Xela Arias dos populares Bolechas (Bolanda), baixo a responsabilidade de Pepe Carreiro.

AUTOBIOGRAFÍA-ANTOLOXÍA 

Mención especial merece De certo, a vida ía en serio: unha fermosa edición publicada por Chan da Pólvora, onde Mª Xesus Nogueira realiza unha proposta suxestiva a cabalo entre a autobiografía -rescatando numerosos textos de Xela Arias en forma de fragmentos de entrevistas, conferencias ou autopoéticas- e a antoloxía, á que se engade un epílogo de carácter biográfico-literario.

INÉDITOS

Non podía falta tampouco a aparición de textos descoñecidos e velaí o título Non te amola!, editado por Galaxia con ilustracións de Luz Beloso e polo Consello da Cultura Galega nunha edición conta cun estudo previo de Ana Iglesias con ilustracións a cargo de Bea Gregores: indispensable para achegarnos á sorprendente -por inesperada- forza narrativa dunha autora que se achega aquí ás vivencias dos seus primeiros anos.

REEDICIÓNS

Era de agardar a precisa reedición de cada un dos catro títulos poéticos que a autora publicou en vida. Isto ocorre con Denuncia do equilibrio e Darío a diario (Xerais), acompañados de limiares de lectura obrigatoria a cargo, respectivamente, de Olga Novo e Berta Dávila. De acontecemento cómpre cualificar a reedición de Intempériome: unha fantasía da editorial na que traballou tantos anos que ofrece o propio libro, con limiar de Iolanda Zúñiga, nun estoxo acompañado dun caderno de notas e mais un CD coa gravación dos poemas na voz de Xela Arias baixo a dirección de F. Abreu. Por último, Engaiolarte reedita outro agasallo como Tigres coma cabalos, con epílogos a cargo de X.E. Acuña e Mª Xesús Nogueira.

OUTROS

Nesta variedade de propostas cómpre engadir a interesante Xela Arias. Poeta nas marxes (O Arquivo das Trasnas); o “Especial Xela Arias” da revista Tempos novos ou o modélico e imprescindible número de Luzes dedicado integramente á autora. Alén diso, no ámbito dos monográficos salientan tanto a entrega dos Cadernos de Estudos Xerais da A.C. Irmáns Súarez Picallo, coordinada por Henrique Rabuñal, como o volume de homenaxe do Centro Ramón Piñeiro baixo a organización de Luís Cochón. Para rematar dúas alfaias máis: Xela Arias. A poesía do retrato, en Engaiolarte, con fotografías de Xulio Gil e Xela Arias. A literatura e a vidapor elección: fermoso volume de homenaxe da USC coordinado pola profesora Mª Xesús Nogueira.

Publicacións, todas elas, que por si encerran a vontade de que este 17 de maio debe ir máis alá do 17 de maio: oxalá así sexa.

Este texto publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 14 de maio de 2021. Nesta versión incorporo algunha corrección.

Se el primero en comentar

Dejar un Comentario

Tu dirección de correo no será publicada.




 

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.