Vigo Vangarda e Resistencia

Eu loito coa Memoria contra a nostalxia enfermiza e paralizante, a favor de recuperar o espírito desa cidade aberta ó mundo. A pesares de que lembrar tamén é sufrir, Vigo e a súa memoria non poden ser borradas para ser suplidos por unha nova desidentidade, Vigo non é un non-lugar e non pode ser unha parodia

Por Xavier Moreda / Vigo Antifascista

Neste ano, en setembro, cúmprense 50 anos daquelas folgas históricas que tiveron lugar en Vigo. Isidro Román documentao e narrao no seu libro «¡Todos con Vigo!», un libro para quen decida coñecer o significado, o valor daquelas loitas do 72.

A folga xeral sucedeu entre o 9 e o 26 de setembro de 1972. Pararon a inmensa maioría dos sectores produtivos da cidade olívica, e da súa área de influencia. Durante máis de dúas semanas, o antifranquismo mobilizou e fixo tambalear de xeito significativo ó réxime, en demanda de melloras salariais e laborais, sociais en definitiva.

O comité para a celebración da efemérides, VIGO ESPÍRITO DO 72, pretende, entre outras cousas, divulgar todo o que se foi editando e recuperalo para a memoria do antifranquismo, do antifascismo. Nesta exhaustiva procura de arquivos, recuperaron nunha publicación editada no exilio, ESPAÑA LIBRE, (pax. 3, do número 5, do ano 72), unha viñeta onde o magnífico humorista español, Forges, fai referencia a aquel espírito  e denota coa súa ironía, arma intelixente contra a censura, contra o alcalde da época o contra calquera dos alcaldes franquistas naquel preciso momento: “Esta mañana he dicho VIGO delante del señor alcalde y me le ha dado un síncope”, tan só dicindo Vigo converteuse en vangarda, ofensiva e resistencia, VIGO con pronunciación semiclandestina. VIGO vangarda e resistencia. Resumía non só as loitas do momento, tamén o espírito da cidade máis avanzada da Galiza, da industria e da cultura, sen dubida da edición, e das loitas veciñais, do pobo traballador e da industria viguesa inexistentes o un sen o outro.

Eu loito coa Memoria contra a nostalxia enfermiza e paralizante, a favor de recuperar o espírito desa cidade aberta ó mundo. A pesares de que lembrar tamén é sufrir, Vigo e a súa memoria non poden ser borradas para ser suplidos por unha nova desidentidade, Vigo non é un no-lugar e non pode ser unha parodia, ¿saben cómo se chaman en Vigo as entradas ós retretes do centro comercial Vialia?: CONSERVERAS, MOVIDAS… non vou a seguir coa nomenclatura ¡non é un chiste! Nin sabemos máis que Lepe, nin queremos ser unha especie de novo Lepe. Por sorte e por desgraza o alcalde deixará de selo, non hai mal que cen anos dure. Na súa soberbia pailana é xa caricatura de si mesmo e das consecuencias do seu populismo Disney. As súas estridencias ou todo o contrario, están saíndo moi caras a esta cidade, iluminada por un iluminado sen límite. Un neorrancio goberna e nos enfronta artificiosamente, polos seus intereses electorais, contra toda administración, se non é manipulable.

Caballero está situado politicamente na mediocridade, no que xa chaman “extremo centro”, coa súa pesada auto-condecoración de pedra: “a cruz dos caídos,” monumento fascista inaugurado polo xenocida Franco, no lugar onde foron fusiladas case duascentas persoas. Digo Vigo para exorcizar os demos, en forma de parque temático de Abel. Digo VIGO INDUSTRIA, versus circus. Digo VIGO CULTURA, versus populismo Disney.

Abel Caballero desaparecerá polo aburrimento dos que pensamos que Vigo non é unha parodia, nin un parque temático. O gran negacionista da nosa identidad como cidade industrial e cultural. Memoria.

Digo Vigo.

Se el primero en comentar

Dejar un Comentario

Tu dirección de correo no será publicada.




 

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.