Un novo golpe de Estado en Latinoamérica

Resultado de imagen de haití 2021

Pola Asociación Xosé Velo / A Nosa Ámerica

Vimos de asistir á consolidación dun novo golpe de Estado en América Latina-Caribe. Foi en Haití e deuno o seu actual presidente, Jovenel Möise, de acordo cos Estados Unidos e outros gobernos, coma o francés e mailo español. Dende o mes de xaneiro do 2020, o Parlamento está pechado e Möise non atende ás resolucións dos Tribunais Superiores de xustiza, polo que goberna sen que ninguén o controle, mentres prepara unha constitución á súa medida, que lle permita seguir no poder.

Así, malia que o domingo 7 de febreiro, o Consello Xeral do Poder Xudicial haitiano confirmou que o mandato presidencial rematara ese mesmo día, Möise – co apoio dos Estados Unidos, a OEA e gobernos “amigos” – non só ignorou esta resolución, senón que inventou un suposto complot para asasinalo e, con ese pretexto, detivo a opositores políticos e altos cargos xudiciais independentes.

A esquecida

Haití era, ao remate do século XVIII, unha colonia francesa, na que a meirande parte da súa poboación estaba formada por escravos secuestrados en África. para traballar nas plantacións de azucre e café. En 1790 os escravos haitianos comezaron unha revolta, que axiña se transformou munha guerra de liberación contra o exército francés; durou 13 anos e nela morreron 200.000 combatentes, ata que – o 1 de xaneiro de 1804 –  os sublevados acadaron a vitoria.

Aínda que foi o primeiro país de América Latina en lograr a súa independencia, e o primeiro do mundo en abolir a escravitude, case que non se fala da súa fazaña nin do seu presente. Haití é esquecida, de xeito deliberado, pola maioría dos historiadores e medios de comunicación do “noso mundo”, que adoitan referirse ao país engadindo  “o máis pobre do continente”, coma se fose unha circunstancia inevitable, achantando o feito de que – o que puido ser un paraiso natural – ficou devastado e saqueado, primeiro por Francia e despois polos Estados Unidos.

Bairro en Porto Príncipe, capital de Haití

Solidariedade con Simón Bolívar

Haití foi solidario con Latinoamérica dende o comezo da súa independencia. No ano 1816, o seu primeiro presidente – Petión – recibiu a Simón Bolívar e puxo ao seu dispor máis de 6.000 fusís, municións, comida, barcos e unha importante cantidade de diñeiro, cunha única condición: a abolición. de escravitude nas terras todas que conseguira independizar de España. Derrotado Bolívar no seu primeiro intento, regresou a Haití, onde Petión lle ofreceu axuda para unha nova guerra. Simón Bolívar mantivo toda a súa vida o agradecemento a Petión e ao país.

O secuestro

No ano 1910,  Estados Unidos ocupou Haití militarmente e permaneceu, con algunhas intermitencias, ata que en 1957 se retiraron deixando ao mando ao ditador François Duvalier, quen levou a cabo brutais masacres e persecucións contra os opositores e a poboación. Cando morreu, sucedeuno o seu fillo, ata que foi derrocado no 1986.

En 2004, cando o país conmemoraba o bicentenario da súa independencia, o presidente Aristide – anticolonialista militante- foi secuestrado polo exército dos Estados Unidos. Aínda que Sudáfrica esixiu á ONU unha investigación sobre o secuestro, a petición non só non foi escoitada, senón que se creou unha forza militar ocupante baixo o irónico nome de “Misión de Estabilización das Nacións Unidas”, que foi unha nova calamidade para Haití, polos asasinatos, roubos e abusos cometidos.

No 2010, o país – de case 11 millóns de habitantes – sufriu un enorme terremoto, que causou máis de 300.000 mortes, destruíu as súas infraestruturas e tamén serviu de pretexto para unha nova intervención aberta dos Estados Unidos, que enviou a 20.000 marines.

Manifestación durante a folga xeral do 1 de febreiro

“Core Group”

Seis anos despois, no 2016,  o actual presidente chegou ao poder da man dos Estados Unidos, no medio de acusacións de fraude e protestas populares. Dende entón, Moïse protagonizou numerosos escándalos de corrupción a gran escala, desinteresándose pola grave situación da maioría da poboación haitiana -que vive na pobreza.

Na práctica, as principais decisións políticas do país están consensuadas por unha alianza da súa elite cun grupo de gobernos, entre eles os de Estados Unidos, Francia e España, chamado Core Group.

Impunidade

O pasado mes de novembro, 82 organizacións de varios países fixeron un chamamento contra do silencio e a complicidade internacional  respecto a Haití.
Lembran que, desde xullo de 2018, os haitianos se están a mobilizar fronte ao empobrecemento, a corrupción, a represión e o autoritarismo do Goberno, que conta coa complicidade dos países do “Core Group”.

O chamamento desas 82 organizaciónss refírese á impunidade coa que actúan as forzas represivas (incluídos grupos paramilitares), que tentan impoñer unha situación de terror, con matanzas como a de Lasalin (onde foron asasinadas 71 persoas) e crimes selectivos coma o do decano de o Colexio de Avogados de Porto Príncipe (a capital do país). E tamén se refire á corrupción multimillonaria, coma o roubo – documentado en 2019, polo Tribunal de Contas – de millóns de dólares entregados por Venezuela dentro do programa de PetroCaribe – creado por iniciativa de Hugo Chávez – para desenvolver proxectos públicos, que nunca se levaron a cabo, de xeito que os cartos ficaron nas empresas propiedade do presidente.

Cadaquén de nós

A destitución de Moïse está a ser esixida, desde hai dous anos, pola poboación do país, con manifestacións na rúa e folgas xerais  como a do 1 e 2 de febreiro deste ano. Tamén os sindicatos, as organizacións de dereitos humanos, as Igrexas católica e evanxélicas e o Colexio de Avogados, din que Moïse ten que deixar o poder.

Un ponto-chave na loita do Haití pola súa democracia e soberanía e o apoio do mundo progresista. Compre a denuncia internacional do que está a acontecer nun país no que os Estados Unidos (coa colaboración  -como xa se indicou- da UE e gobernos coma o español) interveñen decote. Sería bo que cadaquén de nós, tanto individual coma colectivamente, matinemos en informar – no que poidamos – do que alí acontece.

Se el primero en comentar

Dejar un Comentario

Tu dirección de correo no será publicada.




 

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.