Publican a biografía de África Leira, «Luz rebelde na memoria galega»

O Consello da Cultura Galega (CCG) vén de incorporar ao seu Álbum de Galicia a biografía de África Leira Sanmartín (Ferrol, 1948 – Burela, 2025), unha figura esencial da loita antifranquista, do movemento obreiro, do feminismo e do internacionalismo galego.

Por Axencia LQS | 31/03/2026

Baixo o título Luz rebelde na memoria galega, o perfil biográfico, asinado por Mercedes Teixeiro e Luísa Cuevas, recupera a traxectoria dunha muller que fixo da súa vida un exemplo de compromiso discreto pero innegociable coas causas xustas.

A biografía destaca o papel de África Leira como militante de base desde moi nova. Con só dezasete anos, en Viveiro, e xunto a Pencha Santasmarinas, deu cobertura a persoas perseguidas pola ditadura, formou parte dos Comités de Apoio á Loita Labrega (CALL) e participou activamente na oposición á central nuclear de Xove. A súa militancia nacionalista levouna a integrarse na recentemente creada Asemblea Popular Nacional Galega (AN-PG) en 1975 e a asumir a presidencia da Asociación Cultural Sementeira entre 1976 e 1978.

O seu traslado a Santiago de Compostela en 1978 marcou o inicio da súa colaboración co xornal A Nosa Terra, así como o establecemento das redes de apoio ao rural que máis tarde darían pé a iniciativas de cooperación con outras realidades do Estado.

Momento da manifestación contra a invasión de Panamá (Madrid, Xaneiro 1990). África Leira Sanmartín, primeira pola dereita, leva faixa das JUGA, á esquerda Luisa Cuevas e no centro Blas.. Fonte: Luísa Cuevas e Mercedes Teixeiro

A etapa en Madrid, onde residiu durante quince anos desde 1984, foi crucial na súa evolución como activista internacionalista. Alí, xunto á súa compañeira Luisa Cuevas, implicouse en movementos como a Coordinadora Estatal de Organizaciones Pacifistas (CEOP) e organizou brigadas de solidariedade con Nicaragua e O Salvador, apoiando ás emisoras Radio Venceremos e Radio Farabundo Martí. A súa solidariedade levouna a viaxar a Cuba, Chiapas e Venezuela, onde participou activamente na construción do movemento bolivariano de base no estado de Falcón.

Un dos eixos fundamentais da súa biografía é a súa incansábel loita antirrepresiva e de apoio ás persoas presas. En Madrid, foi unha das organizadoras da Junta Galega pola Amnistía (JUGA), que durante máis dunha década acompañou a presos e presas políticas, as súas familias e avogados. O seu traballo incluíu visitas a prisións, organización de quendas e a posta en marcha de iniciativas de financiamento, como un posto no Rastro de Madrid. Este labor foi recoñecido en 1999 cunha homenaxe en Ferrol.

De regreso a Galicia en 1999, a súa actividade non cesou. Implicouse no independentismo de base a través das Asembleas Populares, no feminismo con organizacións como Mulheres Nacionalistas Galegas e na Marcha Mundial das Mulleres, e continuou o seu labor antirrepresivo a través de colectivos como Ceivar. A súa conciencia de clase mantívose viva participando en folgas e mobilizacións obreiras ata os seus últimos anos.

A biografía subliña o seu carácter discreto pero de forte personalidade. Alí onde estivo, África Leira deixou pegada, xa fose nas terrazas de Compostela, nas manifestacións contra ALTRI, nas cadeas humanas por presos políticos ou na súa última visita á Festa do Avante! en setembro de 2024. Finou o 3 de setembro de 2025, pero o seu legado perdura como un exemplo de «luz rebelde» e de militancia coherente.

O Álbum de Galicia é unha colección dixital do Consello da Cultura Galega que reúne biografías de persoas finadas que contribuíron significativamente á sociedade galega. A biografía é unha obra conxunta de Mercedes Teixeiro e Luisa Cuevas.

⇒ Ligazón á biografía completa:
https://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=36763

Se el primero en comentar

Dejar un Comentario

Tu dirección de correo no será publicada.




 

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.