Fomos nós, a clase obreira, quen eriximos Vigo. Fomos nós, o seu motor económico, perfilando e imprimindo o singular urbanismo, círculo concéntrico das esveltas grúas e arquictetura fabril, que emerxen entre a Ría e a serra do Galiñeiro.
Por Vigo setembro do 72
Hoxe, 1 de febreiro de 2022, presentouse ante a prensa o Comité Organizador da homenaxe do 50 aniversario da Folga Xeral de setembro de 1972, en Vigo.
O lugar escollido foi o emblemático estaleiro Vulcano. Diante das súas portas, déronse a coñecer os motivos e obxectivos polos que é imprescindíbel conmemorar esta efeméride, facendo un balance do intenso traballo desenrolado nestes meses, tanto na procura de documentos da época, como de apoios á iniciativa.
As diferentes actividades que se realizarán ao longo do ano, culminarán en setembro, ca inauguración dun grupo escultórico de homenaxe ao proletariado de Vigo, que co seu exemplo de loita, puxo contras as cordas ao réxime, e demostrou do que é capaz a clase traballadora consciente e organizada.
Acompañado por históricos activistas obreiros das folgas do 72, así como sindicalistas de hoxe en día, Anxo Padín, un dos membros da Comisión, foi o encargado de presentar o acto. Sinalou que esta homenaxe non pode ser un exercicio de nostalxia, senón unha mostra da Memoria Proletaria, precisa para encarar as loitas de hoxe e de mañá, pois como dí o Manifesto da iniciativa “Vigo, Setembro do 72”:
“Fomos nós, a clase obreira, quen eriximos Vigo. Fomos nós, o seu motor económico, perfilando e imprimindo o singular urbanismo, círculo concéntrico das esveltas grúas e arquictetura fabril, que emerxen entre a Ría e a serra do Galiñeiro.
Por moito que teimen en desfigurar e ocultar o mundo do Traballo industrial, nós somos a esencia de Vigo.
Vulcano, Barreras, Álvarez, Citroën, Ascón, Refrey, Freire, Santo Domingo, Reyman, Plásticos de Galicia, Cardama, Censa, Forjas del Miñor, Carnaud, son algúns dos emblemas fabrís que contribuiron á construcción do Vigo que hoxe coñecemos.
Durante dezaoito intensas xornadas, paralizamos a práctica totalidade da industria, os servizos e o transporte da cidade, trazamos o camiño a seguir, ensaiamos a democracia obreira, desenvolvimos novas organizacións e métodos de combate, constatamos o inmenso poder da nosa clase, puxemos en xaque ao autoritarismo franquista. O 50 aniversario do Setembro de 1972 non pode pasar desapercibido, reducido a un desvirtuado exercício de arqueoloxía nostálgica. Reivindicamos con orgullo o espírito do 72!”
Falou a continuación outro dos portavoces da iniciativa, Abraám Alonso, quén subliñou os obxectivos da iniciativa, despois dunha breve introdución:
Hai múltiples leccións que podemos extraer do Setembro de 1972. Mais sen dúbida esa é a primeira: se clase traballadora quere, non hai nada nen ninguén capaz de impedir a súa vontade.
Relacionado con ese poder que temos e o medo que provocamos na burguesía e nos seus colaboradores, hai outra lección que debemos extraer: a do relato e o silencio.
Quén deu os golpes definitivos que contribuíron para acabar ca dictadura franquista foi aquela mesma clase social que posibilitou hai 41 anos antes a existencia da II República española. A clase traballadora sempre á vangarda, é sempre motor principal dos dereitos arrincados á burguesía. A clase traballadora era e é, un arma cargada de futuro, por iso o relato das nosa historia debe estar nas nosas máns para salvagardar a súa esencia e ser fiel á verdade. O libro de Isidro Román contribúe sen dúbida a rachar o silencio cun relato propio.
Resulta paradigmático que as individualidades que encarnaban a vangarda do rexurdimento da autoorganización e mobilización obreira, e a propia xesta de 1972 sexan uns descoñecidos para a maioría da poboación. Iso é un feito premeditado e cuns obxectivos concretos. A quén nos quere submisos e explotados interesa o silencio e a desmemoria.
Fálannos das estrelas mediáticas do momento, das modas, dos obxectos consumidos, mais evitan falar daqueles que por medio da loita conseguían reducir a xornada laboral e melloras nas condicións que facían menos perxudicial a escravitude moderna que padecemos no modo de produción.
En base ao dito, os obxectivos as Comisión Organizadora do 72 son varios:
- Contribuír a manter viva a memoria do 1972 e a luitar contra do interesado silencio e desmemoria que a clase burguesa quere colocar encima da loita do 72.
- Dignificar e recuperar o orgullo de clase. A presunta incultura e embrutecemento achacados á clase traballadora son provocados. Aínda así no evita que sexamos o motor da sociedade. Se nós paramos, paramos o mundo. Sábeno ben e senten pánico ante a auto-organización obreira.
- Involucar ao proletariado e á classe traballadora de Vigo na celebración deste 50 aniversario.
Posteriormente tomou a palabra, Guillermo Fontán Feijoó. Formou parte da Comisión Obreira de Ascón, sindicalista da USO na folga de setembro do 72, actualmente membro de Modepen:
Vigo 72, supuxo un antes e un despois á hora de considerar a importancia da clase traballadora como elemento de cambio do presente e do futuro da sociedade. Logrando parar practicamente toda a industria do naval, o automóbil, grandes e pequenos talleres, a construción civil. Foi un feito decisivo no camiño de lograr a liberdade de asociación sindical e de folga, a pesar da ditadura franquista.
Unha mostra da capacidade potencial do movemento obreiro para mobilizarse na defensa e conquista dos seus dereitos sociais. Foi unha expresión de solidariedade xeneralizada do mundo do traballo, en apoio mutuo a outros traballadores represaliados. Onde a reivindicación económica non era a cuestión central.
O amplo alcance de aquela mobilización só pode entenderse pola elevada conciencia de clase adquirida durante anos de organización clandestina. Baixo un estado de represión permanente. Onde as consecuencias máis probables para calqueira sindicalista era o despido, a detención policial, con malleiras nos centros de detención e logo sen descartar ser condenado ao cárcere no T.O.P.
Toda unha grande acción mobilizadora asumida e protagonizada pola base social do mundo do traballo.
Para rematar falouse das actividades a desenrolar pola iniciativa neste ano:
- Para alén destes obxectivos menos tanxíbeis e tamén para chegar a eles dotámonos de contas de Telegram, Instagram e Facebook nas que colocamos publicacións da época que imos rescatando de arquivos e persoas.
- Presentaremos publicamente o libro que está a ser a nosa principal guía para entender o acontecido nas mobilizacións obreiras do Vigo de entre 1962 e 1972. “Todos com Vigo” de Isidro Román Lago.
- Desenvolveremos un roteiro aberto a quén queira implicarse e coñecer os lugares mais emblemáticos do Vigo proletario e rebelde.
- Acordamos celebrar un gran concerto en Castrelos para o cal solicitamos o pertinente permiso e de cuxa solicitude agardamos resposta afirmativa por parte do equipo de Abel Caballero.
- Remataremos o noso traballo ca colocación dun monumento autoría do escultor Benito Freire e para o cal solicitamos tamén permiso a Zona Franca e Concello. Agardamos resposta afirmativa a nosa solicitude. Entendemos que un viguista empedernido como presume de ser Abel Caballero, facilitará o noso traballo para conmemorar a quén fomos, somos e seremos sempre a alma de Vigo: a clase traballadora.
Se el primero en comentar