A viaxe a ningunha parte (reseña de «La felicidad de los perros»)

Resultado de imagen de la felicidad de los perros pelicula david hernández

Por Angelo Nero

“A felicidade dos cans”, semella coller o seu punto de partida onde rematou “Os luns ó sol”. Vigo é unha cidade que, nos anos que separan un filme e outro, salvo o período artificial en que se enche de luces navideñas, e por moito que queira camuflarlo o seu alcalde, perdeu a luz que tivo no seu día. Como tantas outras cidades que medraron a carón das grúas dos estaleiros, das chemineas das fábricas de conserva, dun porto pesqueiro e comercial de certa importancia, a entrada no mercado común europeo fundiuna en gris, coa reconversión naval que parou os guindastres, as coutas pesqueiras que mandaron ó desguace a unha importante parte da flota, e co peche paulatino das conserveiras, para a cidade nunha pequena escala para os cruceiros, ós que recibir con catro gaiteiros, e por ó seu servizo escaleiras mecánicas e ascensores –non vaia ser que non poidan subir as costas- e que non alcanza para manter un comercio local en franca desaparición pola apertura de grandes superficies comerciais.

Non é casualidade que David Hernández rodara esta película en branco e negro, para acentuar a desolación que golpea a unha cidade onde o paro non deixou de medrar nas últimas décadas, nin que arranque no entorno de Guixar, onde un dos penúltimos estaleiros, o de Vulcano, cos seus icónicos guindastres, botou o peche definitivamente. Non é casualidade que o protagonista sexa un dos moitos parados que deixou esta longa reconversión de más de trinta anos, unha longa noite de pedra formada polas lousas de varias crises sucesivas, cada unha máis dura ca outra, un dos moitos derrotados do espellismo do estado de benestar. O protagonista, solidamente interpretado polo actor Fran Paredes, semella estar atado a esa cidade por unha cadea invisible, coma un can, máis cando emprende a fuxida, para liberarse dela, semella que non ten moitas oportunidades de atopar a felicidade.

Si ben “A felicidade dos cans” ten unha estrutura de road-movie, é gran parte da acción transcorre nunha viaxe, esta viaxe non ten nada de iniciática, nin o protagonista ten que enfrontarse, nin o pretende, a grandes retos, este filme é realmente un salto ó bacío, pois a viaxe é unha fuxida do gris ó negro, ó corazón mesmo das tebras. Agás a pequena estación, unha sorte de purgatorio, na que se detén para despedirse dun pasado que semellou feliz, na visita a unha antiga amiga (a única luz do filme, Déborah Vukusic), todo o que atopa no camiño é desolación, moteis cutres e bares de estrada, casas abandonadas, praias desertas e campos ermos, pistas forestais e carreteiras secundarias. E o destino semella que non é mellor, é o fondo do pozo, outra cidade onde a soidade do protagonista medra, e o seu descenso ó inferno atopa un espello no papel, tamén magnificamente interpretado, por Santi Prego, un vagabundo alcohólico a quen coñece nun parque da capital.

O título ten o seu aquel, na metáfora encarnada por ese can atado a unha vida mísera, ladrando con insistencia, para que alguén o libere, e cando chega esta liberación non atopa nada mellor que botarse ó camiño co home que lle quita a cadea, chimpando ledo por unha praia deserta e papando as sobras que lle dan, sen preocuparse por máis. Pero o protagonista da película de David Hernández non é quen de acadar esta felicidade, e so se quita a cadea para botarse un peso ó lombo aínda maior, a do que xa o perdeu todo no camiño.

Se el primero en comentar

Dejar un Comentario

Tu dirección de correo no será publicada.




 

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.