Por Telmo Comesaña
Despois dun tempo de reflexión póñome a escribir un pequeno relato sobre a figura de “Chato”. (Así era como a el lle gustaba que lle chamaran: Chato).
Abofé que non é sinxelo porque as cualidades que adornaban a esta persoa ían moito máis aló do que eu coñecín ao longo da miña xa longa vida.
Dende hai anos o nome de Chato repetíase nas xuntanzas que trataban os temas da Memoria Histórica: el fora un de tantos e tantas persoas, que nas décadas sesenta e setenta do pasado século se reviraban contra a tiranía criminal e asoballadora imposta pola ditadura de Franco. Porén sufriu torturas a mans do tristemente famoso Antonio González Pacheco, alcumado “Bily el Niño”.
Os gobernos da democracia non fixeron ren por resolver tantas inxustizas cometidas; pola contra Bily el Niño foi premiado con medallas e melloras económicas, que as levou até a tumba.
Chato finou o 29 de marzo do 2020 e o torturador unhas semanas despois.
Hai moita xente que coñeceu a este “ser” excepcional moito máis do que eu, e serán eles e elas os e as que dean a coñecer a súa figura.
O que si quero subliñar é o que sentín para escoller o titular “o home que sabía escoitar” sobre un encontro con el.
Aconteceu un día que iamos convidados a Santa Uxía de Ribeira para participar nun acto de Memoria promovido pola Asociación do Barbanza : acto no que se ía presentar a longametraxe “El Silencio de otros” na que Chato fora impulsor e protagonista; film premiado nos Goya, en 2019, en nos Emmy, en 2020.
Saímos de Vigo no coche de Celso López (Presidente da Asemblea Republicana de Vigo); ao seu carón ía eu, e detrás Miguel Gómez (Gus, compañeiro de infortunio e tamén vítima das atrocidades de González Pacheco) e Chato.
Como é de supoñer a conversa iniciouse falando de Memoria –da nosa Memoria- Como a diferenza de idade entre eles e eu era máis de quince anos, resultou que eu tirei de memoria dende moitos anos antes de que naceran. Durante máis dunha hora case falei eu só; cando me decatei do que acontecía pregunteille si entendía o que eu estaba á dicir –porque como é habitual en min, falo en galego-. Pregunteillo a Chato porque os outros dous non teñen problema co idioma. A reacción del foi instantánea: “Sigue, sigue,te entiendo perfectamente, sigue”.
Decateime logo, de que hai moitas memorias e que só vivíndoas son túas. Transmitilas a outras persoas é o máis difícil porque depende de moitas variables: que queiran saber, que teñan certos coñecementos do tema que se expón, e que lles faga agromar os sentimentos.
Ese foi un vizoso día para min e que xa forma parte do fardel da miña Memoria.
Se el primero en comentar