Por Telmo Varela / Vigo Antifascista
Quen controla o pasado controla o futuro. Esa é a razón pola que dende Vigo Antifascista queremos contribuír a romper co relato imposto polo fascismo e os seus acólitos durante décadas.
As mulleres e homes que loitaron contra fascismo, non eran bandoleiros, nin delincuentes, como sostén a dereita españolista herdeira do franquismo. Tampouco foron esas persoas inofensivas e pacíficas que “nada fixeron”, como manifesta unha parte da “esquerda institucional”.
Foron guerrilleiros que resistiron, con fusil na man, contra un golpe de estado fascista, contra a ditadura e pola defensa dunha sociedade mais xusta, libre e democrática.
Polo tanto, para avanzar na conquista da liberdade e dos nosos dereitos debemos render homenaxe e recoñecemento a aquela xeración de loitadores que quixeron transformar una sociedade atrasada, inxusta e analfabeta.
A maior parte das mulleres e homes que participaron nestas loitas tanto na Galiza coma no resto Estado español, foron castigados, humillados, maltratados e a maioría, asasinados pola besta fascista. Esta práctica foi habitual no franquismo, sementar o terror por todos os recunchos para amedrentar ao pobo traballador.
É tal o medo e pánico imposto, que hoxe en día, se xa custa moito falar da represión dos anos 40 e 50, non digamos nada dos anos sucesivos. Lembremos que no ano 65 asasinaron a Castro Veiga “O Piloto”, un dos últimos guerrilleiros en activo da posguerra do 36. Dous anos antes, o 20 de abril de 1963, executan ao dirixente comunista, Julián Grimau.
Os crimes do franquismo proseguiron. O 2 de marzo de 1974, executan a garrote vil a Puig Antich, preso anarquista. As numerosas protestas tanto no Estado, como a nivel internacional, non frearon a sede de vinganza do ditador.
As últimas execucións do franquismo prodúcense o 27 de setembro de 1975. Ese día, Tres membros do FRAP, Ramón García, os vigueses Sánchez- Bravo e Humberto Baena, xunto a dous de militantes de ETA, Ángel Otaegui e Paredes Manot “Txiki”, foron fusilados sen probas nen xuízo xustos.
Uns meses antes, na Galiza, o 12 de agosto de 1975, era asasinado en Ferrol o dirixente da UPG, Moncho Reboiras, nunha emboscada perpetrada por 300 policías.
Ademais de todos estes asasinatos, infinidade de traballadores foron acribillados a balazos nas rúas por defender os seus dereitos laborais e sociais. En 1970, 3 obreiros da construción morreron asasinados por participar nunha folga duramente reprimida polos grises en Granada.
O 10 de marzo de 1972, nas rúas de Ferrol, caían asasinados Amador Rey e Daniel Niebla, obreiros da antiga Bazán, nunha manifestación polo convenio. En Abril de 1973, Cipriano Martos, encofrador de 23 anos e natural de Reus, morre pola inxestión de ácido ao ser torturado pola garda civil.
Os crimes do fascismo tamén continuaron despois da morte do ditador, durante a mal chamada transición. O 3 de marzo de 1976 en Gasteiz, saíndo dunha igrexa ao rematar unha asemblea na que asistiron milleiros de traballadores, a policía asasina a 5 obreiros e 150 resultan feridos. Manuel Fraga Iribarne, ministro de gobernación naquel momento, foi un dos principais responsábeis.
O 29 de setembro dese mesmo ano, foi asasinado polas costas o estudante de 21 anos, Carlos González, por parapolicías. Nunca foron detidos, nin xulgados.
O 23 de Xaneiro de 1977, a policía carga contra unha manifestación pola amnistía. Dispersada a manifestación, asasinan a Arturo Ruíz García, estudante de 19 anos, a berros de “Viva Cristo Rei!”. O día seguinte, a policía asasina a Mari Luz Nájera de 20 anos, nunha manifestación en protesta polo asasinato de Ruíz García. Os autores tampouco foron detidos, nin xulgados.
Esa mesma noite, prodúcense os asasinatos en Atocha de 3 avogados, un estudante e un administrativo, 4 persoas máis resultan gravemente feridas.
O 20 de Abril de 1979, o dirixente do PCE(r) e GRAPO, Delgado de Codes, é asasinado cun disparo na cabeza. A pesar das numerosas testemuñas, de novo ninguén foi condenado.
O 29 de agosto de 1980, a policía tirotea polas costas nunha emboscada en Madrid, a outro dos dirixentes, o comunista vigués, Abelardo Collazo.
Todas estas matanzas forman parte da política terrorista do réxime, para amedrentar ao pobo traballador e evitar protestas. As forzas represivas continuaron eliminando a traballadores e a dirixentes obreiros que loitaban, por exemplo, contras as reconversións salvaxes en defensa dos seus postos de traballo.
É moi grave o silencio de boa parte das organizacións políticas da “esquerda” no relacionado con estes crimes. Canto máis recentes son os crimes cometidos por forzas e elementos fascistas, máis terra verten sobre eles. Temos que dicilo alto e claro, o seu silencio é cómplice!
A policía que asasinaba a obreiros por toda a xeografía do Estado, nos anos da ditadura, é a mesma que cometeu todos os crimes citados anteriormente durante a transición.
As forzas armadas nunca foron depuradas de elementos fascistas, torturadores e asasinos. Proba disto son os intentos de golpe de Estado de Ynestrillas e Tejero, ou o psicópata torturador “Billy el Niño”, condecorado coa medalla ao mérito por esta “democracia”.
Hoxe en día, a xustiza herdeira da ditadura, mentres absolve a ultradereita que comete este tipo de crimes e permite facer apoloxía do fascismo con total impunidade, condena con suma facilidade aos antifascistas e demócratas que lles plantan cara.
Desde Vigo Antifascista, estamos comprometidos ca defensa da “Memoria Antifascista” na nosa Comarca, tal e como foi, sen edulcorantes de ningún tipo. A mellor maneira de reivindicar o legado do antifascismo combativo, e para honrar a todos aqueles que foron inxustamente asasinados, é continuar coa mesma loita.
Só deste xeito poderemos frear o avance do fascismo que de novo volta a ameazarnos.
Fronte o avance fascista, resposta popular!
Fóra fascismo das nosas rúas!
Se el primero en comentar