Non queremos monarquía. Galiza pola República.

90º aniversario da proclamación da República Manifesto de Galiza Pola República e polo Dereito a Decidir

Pola Plataforma Galiza pola República

Reivindicamos a República e rexeitamos a monarquía porque é incompatíbel cun sistema democrático. É un réxime vitalicio e hereditario, que non ten en conta a vontade popular porque o rei, como xefe do Estado, non é elixido polo pobo nunhas eleccións democráticas.

O ditador Franco, que encabezou en 1936 o levantamento militar e fascista contra a democracia, nomeou a  Juan Carlos como o seu sucesor en 1969 “para que todo quede atado y bien atado para el futuro”. A monarquía actual é, polo tanto, herdeira do franquismo, daqueles que deron un golpe de Estado contra a República constitucional, elixida nunhas eleccións democráticas..

O rei Juan Carlos nunca condenou a ditadura franquista, xustificaba a sublevación contra a democracia e nas súas manifestacións públicas falaba da “legitimidad política surgida el 18 de julio de 1936”; manifestaba “respeto y gratitud a nuestro Generalísimo Franco”, rendía “homenaje a su memoria”, falaba do “patriotismo” e “cualidades humanas” do ditador, a quen cualificaba como “figura excepcional”, “gran figura de nuestra historia”, “ejemplo único de amor a España”. Juan Carlos sempre manifestou “un gran afecto y una gran admiración” polo ditador Franco.

A monarquía borbónica está agradecida a Franco e a súa familia porque Juan Carlos foi rei pola designación do ditador. Por iso o rei Juan Carlos concedía á familia Franco, só seis días despois do falecemento do ditador, os títulos nobiliarios de Ducado de Franco e Señorío de Meirás, e no decreto cualificaba 40 anos de ditadura como “gloriosa etapa histórica de nuestra patria”.

A abdicación do rei Juan Carlos en 2014 non tivo outro obxectivo que salvar unha monarquía en descomposición e desprestixiada por numerosos casos de corrupción. Agora pretenden branquear a monarquía e facilitar a súa continuidade a través da chamada “Lei da Coroa”.

Cada día aparecen novos casos de corrupción da monarquía e aumenta o rexeitamento social: cobro de comisións, fundacións e contas no estranxeiro, tarxetas opacas, fraude fiscal, branqueo de capitais, maletíns de diñeiro que se ingresan en contas de testaferros, doazóns e préstamos de dubidosa procedencia. Todo isto coa permisividade do Goberno a través da Fiscalía e da Axencia Tributaria, que facilitan unhas chamadas regularizacións fiscais que non teñen outro obxectivo que evitar as repercusións penais dos presuntos delitos.

Denunciamos a oposición continuada dos partidos monárquicos na Mesa do Congreso, até en sete ocasións, para que se investiguen os numerosos casos de corrupción. Estamos ante unha auténtica blindaxe e impunidade da monarquía. Se somos todas e todos iguais ante a lei, Juan Carlos Borbón non debería ter ningún privilexio e debería ser xulgado polas súas actuacións persoais, que non teñen nada que ver coa súa función como Xefe de Estado.

Queremos que sexa xulgado por todos os posíbeis delitos cometidos antes de 2014, cando abdica, e despois de 2014. Que Juan Carlos Borbón reembolse ao patrimonio do Estado as partidas económicas que recibiu con cargo ao orzamento da Casa do Rei desde 2008. Que unha Comisión do Congreso dos Deputados investigue os ingresos do rei emérito en concepto de comisións e outras actividades económicas durante o seu reinado; os bens e patrimonio de todos os membros da Familia Real, así como as contas nos bancos.

Estamos a prol da ruptura democrática e queremos decidir sobre o noso futuro como pobo. Partindo desa realidade plurinacional, do recoñecemento da soberanía da nación galega e o seu dereito democrático a decidir, estamos pola convocatoria dun referendo consultivo para que a cidadanía poida decidir sobre o modelo político e institucional e escoller a forma de Estado: monarquía ou república. Coa celebración dese referendo iniciaranse procesos constituíntes que recoñezan o dereito de autodeterminación ás nacións que integran hoxe o Estado español.

Queremos unha República laica, que acabe cos privilexios da igrexa católica, igualitaria, xusta e radicalmente democrática, que lexisle para a inmensa maioría da sociedade, poña freo á corrupción e ao enriquecemento sen límites duns poucos; que acabe cos recortes sociais que empobrecen ás clases populares. Unha República que recupere a memoria histórica, acabe coa impunidade e condene a aqueles que durante a Ditadura cometeron crimes contra a humanidade, que non prescriben. Queremos verdade, xustiza e reparación para as vítimas do franquismo. A derrogación da Lei de Amnistía de 1977, tal e como recomendaron Amnistía Internacional e a Comisión de Dereitos Humanos da ONU, porque incumpre o Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos das Nacións Unidas de 1966, asinado polo Estado Español en 1976.

Avogamos por un novo 14 de abril que liquide definitivamente o franquismo, incrustado nas institucións, e permita a libre expresión de todos os que consideren que se pode mudar as estruturas do Estado para facelas máis transparentes, participativas e ao servizo da cidadanía. A República é o ecosistema natural onde xerminan as mellores especies da historia: a liberdade, a creación cultural e a igualdade.

Cómpre unir forzas para acabar coa monarquía, dentro da pluralidade, respectando distintos obxectivos estratéxicos que poidan situar a Galiza no marco dunha República Federal; aqueles que están a prol dun República Galega, ben dentro dunha República Confederal ou como Estado independente, ou as que están por unha República Ibérica con Portugal.

Facemos un chamamento ás organizacións políticas, sindicais, fundacións e todo tipo de asociacións e entidades da nosa nación para que se incorporen a esta plataforma cívica, difundan e  consigan apoios para este manifesto e constitúan grupos territoriais de Galiza pola República. Facemos un chamamento ás forzas políticas para que impulsen a creación dunha Rede de Concellos Galegos pola República e presenten iniciativas nos concellos e noutras institucións para que se aprobe a incorporación á mesma.

Apoios ao manifesto (provisional)

Entidades da comarca da Coruña: A.C. Alexandre Bóveda, A.C. O Facho, C.S. Gomes Gaioso, C.S. A Comuna, A.C. Irmáns Suárez Picallo, Cultura Aberta de Carral, Anova, BNG, Cerna, Compromiso por Galiza, Corrente Vermella, Equo, Marea Atlántica, Podemos, Propolis, Unión Republicana, Galiza Nova, Isca, XCG, CIG, Vangarda Obreira, A.C. Vieiros de Oleiros, CRMH.

Entidades de Galiza: Asemblea Republicana de Vigo, Ateneo Republicano de Valdeorras, Agora Galiza-UP, Colectivo Republicano de Redondela, Obradoiro da Historia de Ordes, Asociación Viguesa pola Memoria do 36, Fundaçom Artábria de Ferrol, Comité pola Memoria Histórica do Val do Limia, A.S.C. Muíño do Vento de Canido (Ferrol), Estudantes Antifascistas, Plataforma Republicana Galega, Comité de Memoria Histórica de Celanova, Comité Galego do PCE-ml, Ferrol en Común, Plataforma Antifascista Galega, O Faiado da Memoria de Vilagarcía, Fundación Moncho Reboiras.

Se el primero en comentar

Dejar un Comentario

Tu dirección de correo no será publicada.




 

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.