Inferno en Palestina

Os combatentes palestinos atrevéronse a cambiar o equilibrio da ecuación na súa longa loita de século

Por Nithya Nagarajan / Avantar

O 7 de outubro de 2023 o mundo cambiou. Os fidayeen de Hamás sobrevoaron a gaiola de ferro de Gaza para regresar a súa terra natal, logo da humillación centenaria que sufriron as potencias imperiais occidentais trala Declaración Balfour de 1917.

O 7 de outubro, o pobo palestino ergueuse, literalmente, no ceo. E isto, para o estado ocupante de colonos israelís e os seus partidarios dos EUA e da OTAN, é intolerábel. Que os palestinos e palestinas se atreveran a loitar, a resistir á súa limpeza étnica, a superar a suposta potencia militar máis invencíbel da rexión, é para o estado sionista nada menos que unha chamada á guerra.

Os «animais bestas», os «animais humanos» de Gaza «querían ir ao inferno?… pois mandarémolos ao inferno». É a linguaxe dos ministros israelís, neste faro da democracia en Oriente Medio. Joseph Biden ampara o seu vínculo inquebrantable co estado israelí, condutor clave dos intereses rexionais de EUA e da OTAN, xunto co eixe das monarquías de Marrocos, Xordania e Arabia Saudita.

É por iso que o inminente acordo de normalización, patrocinado por Estados Unidos, entre Israel e Arabia Saudita, na liña do feito con Marrocos, tras os Acordos de Abraham de 2020, foi fundamental para mudar o equilibrio de forzas, e garantir a permanencia do Estado sionista e as súas aspiracións nacionalistas expansivas, a conta da xente de Palestina.

Os combatentes palestinos atrevéronse a cambiar o equilibrio da ecuación na súa longa loita de século. Os fidayeen, que significa literalmente «os que se sacrifican», camiñaron conscientemente cara á morte, no seu exercicio de Retorno, simbolizado polos parapentes palestinos que transcenderon con calma o muro de Gaza. Do mesmo xeito que a Batalla de Karameh en 1968, a Batalla de Jenin en 2002, o Túnel da Liberdade de 2021, «A Operación inundacións de Al-Aqsa»quedará impresa na conciencia das mozas e mozos palestinos dentro e no exilio, e na xeración que vén.

O fidayeen de Gaza representaba literalmente a icónica imaxe de Handala (símbolo de resistencia do pobo palestino) lanzándose en paracaídas cara á liberación. Nas viñetas de Najl Al-Ali nunca vemos o rostro de Handala porque a súa mirada está sempre dirixida aos refuxiados dos campos que soportan a peor parte da traizón dos estados reaccionarios árabes, cómplices dos seus apoios imperiais. Unha e outra vez, cravar o puñal da desposesión nos palestinos. Unha e outra vez, os combatentes nacidos dos campos de Xordania, Líbano, Jenin e Gaza foron a forza centrífuga da revolución palestina.

Os parapentes da prisión ao aire libre de Gaza apoderáronse do imaxinario popular palestino, símbolo do imposible como posible. O poder da xente oprimida para erguerse. Literalmente. Cando Netanyhu chama a diminuír Gaza, quere representalo nun sentido literal da xente e dos seus fogares, pero tamén é crucial a lembranza da redención e da vitoria que grande parte da poboación palestina sentiu na madrugada do 7 de outubro.

*********** 

En poucos días, barcos militares estadounidenses de ataque, equipados cunha munición de 1.000 toneladas, pasearán a costa de Gaza. Trátase de restaurar a «ameaza de disuasión» non só para a resistencia palestina, senón tamén para Hezbollah, se se atreven a enfrontarse militarmente aos israelís no norte.

A través do goberno francés, o estado israelí comunicoulle unha mensaxe ao Líbano: en caso de entrar Hezbollah, botaremos man do despregamento do poder militar estadounidense e os termos da guerra «non estarán segundo a axenda marcada por Hezbollah». Aínda que Estados Unidos non estea ansioso por entrar nunha guerra noutra fronte, está a sinalar ao Eixo da Resistencia, de Hamás, Hezbollah e Irán, e o seu apoio incondicional a Israel.

Esta hipocrisía de denunciar a masacre de israelís para lexitimar o xenocidio dos palestinos sancionado polos estados occidentais está expresada na linguaxe da disxuntiva, «o ben» contra «o mal», no discurso liberal de «terrorismo» fronte a «democracia». As afirmacións sobre os combatentes de Hamás que decapitaban a bebés israelís foron amplamente propagadas sen ningunha proba. A maquinaria de propaganda representa a Hamás como afín ao Estado Islámico, converte aos palestinos en bárbaros, nada menos que «inimigos da civilización», di Netanyahu nunha rolda de prensa con Anthony Blinken o 12 de outubro, en Israel.

Estanse facendo paralelismos e semellanzas co 11 de setembro nos EUA. Insistir nos clásicos tópicos coloniais orientalistas, xa ben gastados, de fundamentalistas brutais e sanguinarios que loitan contra a modernidade e o progreso, lexitima o exterminio destes nativos, unha especie humana inferior. Pretenden que asimilemos que Israel só está a facer valer o seu dereito á autodefensa , cando decide impoñer un bloqueo total da Franxa de Gaza, deter todo o abastecemento de alimentos, auga, combustible, electricidade, convertendo os hospitais de Gaza en almacéns de cadáveres.

Bombas fabricadas por Estados Unidos choven sobre os hospitais, as universidades e as casas desta prisión ao aire libre, mentres as xentes traumatizadas de Gaza corren como ratas sen poder fuxir. O exército de Israel dille aos palestinos que abandonen a Franxa. Pero bombardean o cruce de Rafah con Exipto para garantir que permaneza pechado e para sinalar ás autoridades exipcias que non se debe permitir a entrada de axuda humanitaria e alimentos. En 2006, cando os palestinos elixiron democraticamente a Hamás, o réxime israelí decidiu «poñelos a dieta». Hoxe queren que morran de fame. E isto, para salvar a única democracia vibrante da comarca.

***********  

No seu libro “Sobre o nacionalismo galego”, Francisco Rodríguez deixa ao descuberto os prexuízos racistas que subxacen nos nacionalismos imperialistas destas potencias. As nacións sen estado, as persoas sen estado, considéranse inferiores, atrasadas, representacións que lexitiman o salvaxismo colonial e imperial. O pobo palestino é hoxe o símbolo a berros da repugnancia moral das potencias europeas e norteamericanas, que fan avanzar a ideoloxía nacionalista do sionismo, baseada na limpeza étnica e a desposesión dos palestinos.

O puñal no corazón da xente de Palestina non está só na brutalidade á que está sometida en forma corporal, ou nos nenos e nenas de Gaza que van con fame para a cama, antes de ser martirizados polas choivas monzónicas nocturnas das bombas brancas de fósforo de Israel. O fascismo dos estados da OTAN ponse de manifesto na súa despectiva deshumanización dos palestinos e palestinas: dándolle a volta ao relato, o que supón unha dobre violencia, precisamente o que Malcom X advirte: “Se non tes coidado, os xornais farán que odies á xente que está a ser oprimida e ames a quen está a oprimir”.

O Reino Unido e Francia criminalizan no ámbito xurídico calquera manifestación de solidariedade con Palestina, equivalente ao antisemitismo o ondear bandeiras palestinas nas rúas. O alcalde progresista de Toronto, desprega a linguaxe do terrorismo para referirse ás marchas solidarias con Palestina. O núcleo podre dese discurso liberal maniféstase no sangue que se filtra no chan de Gaza. Os comentaristas dos medios tragan a forma absurda na que o estado israelí vomita a linguaxe lexible para os liberais occidentais: Mark Regev, conselleiro de Netanyahu, declara que «temos unha democracia vibrante» mentres aniquilan aos habitantes de Gaza. Pero, para algúns comentaristas radiofónicos do estado español, estas son cuestións que omiten, pois son insignificantes, porque “a xente de Israel é coma nós, son da nosa familia”.

O estado israelí dominou a linguaxe da democracia, a vítima, a seguridade e a autodefensa para perpetrar outra Nakba aos ollos do mundo. En Gaza estase a producir un proceso de exterminio. En Cisxordania, os ataques dos colonos contra a xente palestina nas aldeas próximas aos asentamentos están medrando ata niveis alarmantes de perigo, violencia e terror, facendo imposible a mobilidade da xente palestina, tamén nos seus lugares de traballo. No propio Israel (ou o que os palestinos chamaron o ‘ dakhl ‘, interior, dentro dos límites de 1948), están a cometerse masacres contra palestinos. A totalidade dos traballadores de Gaza en Israel foron expulsados a Cisxordania nos últimos días logo de torturas e malleiras. Estamos vivindo nada menos que o terremoto catastrófico que provocou a limpeza étnica de Palestina en 1948.

***********

E os palestinos de Gaza sábeno. Enfróntanse unha vez máis á elección da aniquilación, ou o exilio permanente, no caso de fuxir ao abrasador deserto do Sinaí en Exipto. Isto non é novo para eles. A limpeza étnica en 1948 foi posible grazas á táctica do horror colectivo e do trauma. A longa Nakba palestina nunca rematou. Lembramos Deir Yassin, Lifta , Haifa, Sheik Jarrah, Huwarra. Para establecer un ‘fogar nacional xudeu’ en Palestina, o sionismo necesitaba concretar o borrado da poboación indíxena, física e existencialmente.

Antes da Nakba de 1948, os grupos de milicias israelís aterrorizaban as poboacións palestinas, cometendo matanzas e destrucións nas aldeas palestinas, pero o Plan Dalet de marzo de 1948 estendeu a súa campaña de brutalidade a un nivel máis sistemático e organizado. Ao final da campaña, o 50% das aldeas palestinas foron destruídas e máis de 500 aldeas despoboadas. Pero a desarabización sostida da terra para o regreso dos xudeus requiriu o non retorno dos palestinos desarraigados.

A principios dos anos 50, os propagandistas israelís comezaron a batalla ideolóxica para avanzar na estratexia de «retorno dos xudeus e non retorno dos árabes a Palestina» transformándoos nun problema humanitario «dos refuxiados». Este é o que temen os habitantes de Gaza que sexa o seu destino, refuxiados outra vez, se o Estado israelí propón a aparentemente benevolente oferta de «paso seguro» a Exipto. De momento, Netanyahu quere ver os palestinos ferver dentro da súa gaiola.

***********

En certo modo, a fidayeen palestina reactivou o 7 de outubro os horrores que levaron á súa desposesión. O terremoto que viviron os israelís foi unha chamada de atención enchoupada de sangue da inxustiza e brutalidade fundamental do colonialismo, sobre o que construíran o seu paraíso. Espertaron cunha sensación de seguridade esnaquizada de que a poboación indíxena podería ser militarmente oprimida ata someterse, da invencibilidade do seu propio exército. As colonias do que hoxe é o sur de Israel están baleiradas, o aeroporto Ben Gurion inundado de israelís que buscan marchar, e os que pensaban emigrar a Israel pensarano de novo.

Hai que recoñecer o trauma das nais, pais, fillos e fillas israelís, e a dor que isto lles está a causar. Pero non é pouca ironía que as potencias e sociedades occidentais só identifiquen isto cando lles ocorre aos que se parecen a eles, aos que consideran da súa «familia, semellanza”.

O colonialismo penetra no fondo da nosa conciencia. Vemos imaxes repetidas nos medios dominantes dos asasinatos dos asistentes á festa na rave musical na fronteira da prisión ao aire libre de Gaza e de reféns loiras arrastradas polo pelo. Hai que eliminar o sanguinario Hamás, declara Biden, os gobernos lacaios dos estados europeos, e o e aparato mediático dominante de que os israelís só responden á barbarie dos nativos. Neste discurso, a historia parece comezar de cero o 7 de outubro de 2023.

***********

Curiosamente, os xornais falan do fracaso da intelixencia israelí, pero non da resistencia palestina, logo dos fracasos de Oslo, tres décadas despois. Os xornais turcos informan de que a intelixencia de Hamás apuntou a altos cargos do exército israelí como o tenente coronel Eli Ginsberg, quen foi o cerebro da matanza da flotilla de Mavi Marmara de 2010, na que 9 activistas solidarios foron asasinados mentres buscaban traer subministracións humanitarias para romper o bloqueo de Israel a Gaza. Ginsberg foi asasinado por combatentes palestinos na Operación Inundacións de Al-Aqsa.

En 2011, Hamás conseguiu o maior acordo de intercambio de prisioneiros tras a captura durante cinco anos do soldado israelí Gilad Shalit. Os palestinos entenderon a lóxica supremacista sionista de que o sangue dun colono vale a de 1000 dos nativos. A resistencia non violenta dos presos políticos palestinos, que toman as folgas de fame en masa como actos de resistencia colectiva, e acaban morrendo en silencio nos seus corpos esqueléticos, non son noticias de interese para Europa.

***********

O 7 de outubro é terrorífico para os israelís e, de feito, para a esquerda institucional dominante en Europa e América do Norte porque fixo evidente, a unha escala nunca imaxinada, que a xente do territorio palestino non acepta as condicións da súa liberación segundo hipócritas legalismos internacionais. Fronte á despectiva renuncia dos poderes occidentais aos principios máis básicos de autodeterminación consagrados na ONU e ao dereito internacional humanitario, o colapso da chamada solución de paz de dous estados de Oslo, que en realidade só supuxo a continuación da desposesión de Palestina, os mozos e mozas palestinos renovaron a loita armada como vimos no campo de Jenin, en Gaza.

O espírito de resistencia de campos como Jenin, Gaza e o Líbano, que foron o escenario da Revolución Palestina, queda plasmado metaforicamente na protesta do protagonista guerrilleiro de Bab al-Shams (Porta do Sol) do novelista libanés Elias Khoury: “Non somos refuxiados. … Loitamos, matamos e somos asasinados. Pero non somos refuxiados’”.

Aínda que os liberais poden entender isto como unha chamada á violencia, o significado destas liñas é que fai explícita a distinción entre os conceptos de Retorno e de refuxiado, conceptos vitais para comprender os debates a longo prazo, e as tensións dentro do movemento nacional palestino. Durante a primeira reunión do Consello Nacional de Palestina en 1964, insistiron en que os palestinos non debían ser descritos como «refuxiados» senón «retornados» (al-‘ a’idin). Os palestinos dos campos nunca renunciaron ao principio de Retorno. Néganse a ser condenados como vítimas, refuxiados, cuxa acción política debe estar contida dentro do marco xurídico das restitucións legais sancionadas polos amos, a chamada comunidade internacional, que está pendente de ver o seu xenocidio.

O pobo palestino insiste en que a Nakba é un acto de destrución presente e continuo, e resistir é fundamental para exercer o Retorno. Con todo o sufrimento, humillación e morte que levan padecendo, ao pobo de Palestina só lle quedan dúas opcións: ou a submisión ata o exterminio, ou a resistencia que se nega a ser sometida. Hai unha descarada hipocrisía entre a esquerda institucional occidental cando o protagonista e os seus métodos de loita non encaixan no seu marco. No seu ensaio mordaz sobre Gaza, Daniel Bellido deixa ao descuberto a confusión: “Teñen os palestinos dereito a saír do seu confinamento? Apoiamos a causa palestina pero ao mesmo tempo son terroristas? Padecen o apartheid e o colonialismo, pero só debemos concederlles leite e azucre a través das nosas ONG?

***********

Desafortunadamente, o pobo de Gaza non pode esperar ata que os europeos desenvolvan estes debates. Están tentando descubrir se vivirán un día máis por atreverse a ser libres.

Nithya Nagarajan viviu e traballou en Cisxordania durante 14 anos, como investigadora, profesora en universidades palestinas, e activista do movemento sindical independente en Palestina.  Actualmente, está a realizar estudos de investigación nunha universidade canadense.

Se el primero en comentar

Dejar un Comentario

Tu dirección de correo no será publicada.




 

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.