Pola Iniciativa Galega pola Memoria
A plataforma memorialística rexeita “o cariz franquista” dun auto que converte o saqueador en vítima e criminaliza o Estado por recuperar propiedades que, como quedou documental e xudicialmente avalado, foron obtidas de xeito fraudulento
“A Galiza democrática agarda, tras 45 anos de loita, non ter que seguir empurrando contra a inacción dos executivos estatal e autonómico, após de que sega tendo no poder xudicial español un adversario en lugar dun aliado na procura de verdade, xustiza e reparación para as vítimas que esixen os organismos internacionais”, di
A Coruña, 21 de abril de 2021. A Iniciativa Galega pola Memoria insta a Xunta a utilizar todas as prerrogativas que lle dá a Lei de Patrimonio Cultural para impedir que Galiza viva un novo saqueo franquista coa retirada de bens do Pazo de Meirás. A plataforma, que engloba a asociacións memorialísticas de todo o país, denuncia o cariz franquista desta nova sentenza da sección número 3 da Audiencia Provincial da Coruña que, seguindo a pauta da emitida en febreiro, converte ao saqueador en vítima e criminaliza o Estado por recuperar bens que, como quedou documental e xudicialmente avalado, foron obtidos de xeito fraudulento e na situación de terrorismo institucional que supuxo o franquismo.
A IGM recorda que, malia o novo fallo do tribunal provincial, a Xunta ten instrumentos para impedir a saída de bens do Pazo de Meirás en base ao establecido pola Lei 5/2016 para a protección de Bens de Interese Cultural. Coincide co goberno de Sada en que a execución provisional da sentenza que posibilitou a entrega do Pazo ao Estado non pode ser allea ao contido do inmoble catalogado no seu día como “sitio histórico” e ínstalle a publicar con carácter urxente a catalogación dos bens que seguen dentro. Un sitio histórico non se pode desmantelar por pezas, pero se houbese algunha dúbida que o sentido común non acepta a atopar, a IGM considera convinte que tamén o Estado inicie unha nova batalla xudicial en defensa da propiedade dos bens móbeis.
A IGM lémbralle á Audiencia Provincial da Coruña que a única vítima de espolio en Meirás é o pobo galego que, case medio século despois da morte na cama do ditador, ten que seguir aturando a anomalía democrática dunha reedición do saqueo. Porén, para a plataforma o fallo coñecido onte supón incluso algo máis grave que vulnerar a protección dunha propiedade estatal de interese histórico: Supón un novo insulto ás vítimas imposíbel de asumir nunha democracia.
Lembra que a loita polo Pazo non ten como obxectivo acadar un ben material senón denunciar a impunidade, o mantemento de prebendas franquistas en democracia que tan ben exemplifica Meirás. De aí que non se poda dar nin un paso atrás. A Galiza democrática agarda, logo de 45 anos de dar a batalla, non ter que seguir empurrando contra a inacción dos executivos estatal e autonómico, após de que, por desgraza, sega tendo no poder xudicial español un adversario en lugar dun aliado na procura de verdade, xustiza e reparación para as vítimas que esixen os organismos internacionais.
Se el primero en comentar