Galiza | Entrevista o colectivo cultural Chiskeiro

Daniel Seixo


Suponho que se as pedras de Santiago falasen, poderían ternos salvado a máis de un duns cantos erros. Despois de todo a Capital galega é unha cidade santa que non o é tanto, un final de caminho no que comezaron moitas historias e un bar xigante no que perderse ou quizais atoparse, quen sabe. Son poucos os artistas galegos que non lhe dedicaron ualgunha das súas obras a esta cidade, poucas as almas revolucionarias e nacionalistas que non pediron un novo mundo nas súas prazas e escasos os estudantes que nun momento ou noutro, non  viviron as noites e os amenceres nos que peregrinos, xente seria e tolos con escaso habito de durmir, se atopan no final dunha carreira a pesquisa dunha tapa e unha canha a modo de incomum almorzo.

Foi nesas rúas de Santiago onde quedei con Martinho e Nadia, concretamente o carón das Marías. Un lugar o que persoalmente lhe tenho moito carinho e no que en máis dunha ocasión tenho sentado a reflexionar xunto a dúas grandes mulheres da cidade. Muleres eternamente libres, eternamente roxas e din que tamén eternamente locas. Pero coido que iso tan só o din porque elas sempre foron plenamente conscientes de que perderan unha guerra na que a cultura e a liberdade lhe plantaran  cara o escurantismo fascista.

Mentres esperaba por eses dous rapaces os que aínda non conhecía, decidín sacar o meu xornal para ler ese artigo de Le Monde sobre a resistencia do campesinhado en Vietnam que deixara a medias esa mesma manha. Pero a minha cabeza estaba demasiado ilhada como para poder concentrarme nas desgrazas dos campesinhos dun país que se dicía comunista, permanecía demasiado perdido nas minhas preocupacións do primeiro mundo, xa que para min Compostela supunha ese dia unha mistura demasiado potente de emocións.

Suponho que en xeral somos unha xeración totalmente acostumada as derrotas, constantemente nocauteada contra o chan e demasiadas veces humilhada polo sistema, como para poder crer realmente nun movemento que lhe plante cara a distopía material e emocional na que vivimos. Máis aínda quedan persoas dispostas a comprometerse coas súas paixóns, mozos e mozas que comezan a ser conscientes da total alienación na que vivimos sometidos e se amosan dispostas a desengancharse do opio da globalización e a pseudocultura que adormece as nosas sociedades. Unha xeración de artistas dispostos a mudar a realidade a golpe de emoción e trabalho.

O falar con Nadia e Martinho un pronto se decata de que non vai ter demasiado éxito na tarefa de estruturar unha entrevista o uso, pese a que nun comezo poidan parecer tímidos e escuetos nas súas respostas, cedo as palabras e as sensacións flúen dos seus beizos cunha lixeireza e firmeza que non se acada coa idade ou os estudios, se non que son propias dunha forma de ver o mundo intrínseca a persoas que por graza ou por desgraza para elas, non venhen a esta vida para dar sen máis un paseo superficial.

Pero vamos o que imos, se hoxe estou a escribir sobre a conversa que tiven con Nadia e Martinho é debido a que ambos se embarcan na actualidade nun proxecto disposto a revitalizar a pulsión contestataria e artística de Santiago. O colectivo Chiskeiro, nome que lhe deron a esta iniciativa, pretender suponher un movemento cultural que non busque ficar nas redes, nin  un hashtag momentáneo, o obxectivo é pola contra revitalizar o movemento cultural de Santiago dende as rúas e cun contacto directo co público.

Martinho en Nadia falan de arte palpábel, compromiso e autenticidade mentres rolan os seus cigarros sentandos na chan. Resulta curioso escoitar a dúas persoas da xeración do éxito inmediato falar de autenticidade, tempo para conhecerse ou de como buscar o real como forma de chegar ao público. Cando falan de vangardas, fano dando un paso a fronte, non simplemente por causar impacto nas redes sociais ou no seu numero de seguidores, Chiskeiro pretende crear arte que tenha presencia na rúa, algo que poida situarse nos bares, lerse os dias de resaca ou ponherse para unha fin de semana especial.

Martinho: “Tentamos que os nosos procesos creativos non sexan tan inmediatos, contactar co publico e evolucionar con eles. Queremos que a nosa arte se cocinhe a lume lento, por iso a idea de usar postos nas rúas para contactar coa xente, para poder explicarlhes o noso trabalho e compartir con eles parte do proceso creativo.”

O proxecto cultural que aquí nos exponhen é o dunha nova xeración galega cansa do sistema e comprometida cunha visión da vida que se vai atopando como conxunto artístico nas rúas de Santiago. Unha xeración por tanto conhecedora do pulso tan distinto que os pes molhados e os raios de sol na faciana lhe poden dar o mundo da cultura.

Outros máis bébedos, máis tolos e temerarios que eles se xuntaron antes ao longo da historia e en diferentes puntos da xeografía para crear un movemento cultural. E sen dúbida, hoxe Santiago parece un lugar tan adecuado como calquera outro para lanzar unha nova vangarda.  Non esquezamos que esta xeración de artistas galegos ten aínda por diante unha débeda coa autenticidade e o esforzo que parecen decididos a poder saldar canto antes.

Ninguén pode garantir que a empresa tenha éxito, nin tan sequera que chegue a materializarse como algo máis que un sonho que se intenta para logo abandonar, pero voume permitir apostar o contrario, vou pensar en que esas dúas persoas que falaban comigo con decisión e valentía o van a conseguir. Principalmente debido a que eles mesmos son conscientes de esa posibilidade de fracaso, conscientes da necesidade de darlhe tempo o tempo e non ter presa por obter resultados.

Nadia: “Perdemos a evolución na arte, parece que agora os procesos creativos tenhen que ser sempre exitosos, non nos tomamos tempo para ver a evolución dos mesmos.”

Nadia e Martinho falan dunha experiencia, dun tempo e dun esforzo colectivo do que poder beber e embriagarse cultural e persoalmente. Tan só aqueles que navegaron nos seus pensamentos con algo posteriormente tanxible no mundo físico, poden chegar a comprender o trip que a pertenza  a un movemento cultural pode producir en cada membro do mesmo. Saberse parte dun esforzo reivindicativo cultural e emocionalmente é similar ao colocón que calquera outra droga nos pode outorgar. Un tan só debe estar disposto a sacrificar parte dun mesmo e a gozar do momento aínda que este pareza complicarse por etapas.

Non existe nada realmente limpo, toda creación artística require dor e pracer por igual. Por iso a minha aposta por Chiskeiro,  cando un falaba con Martinho ou con Nadia, a parte complicada deste proxecto parecía estar en todo momento sobre a mesa, ningún parecía rehuir dela, pero por encima de todo se amosaban convencidos de que valerá a pena. Aquí facían gala por tanto de algo básico para calquera artista: o compromiso.

Martinho: “Dende fora todo parece perfecto, pero unha vez nos metamos no proxecto as cousas poden mudar, coido que é importante gozar o momento e o proceso.”

Chiskeiro parece xurdir como a necesidade de expresarse dunha xeración artística,  a necesidade de ter voz propia para lograr sacar todo aquilo que levan dentro pero que lhes custa horrores expresar política, afectiva, sexual ou persoalmente. Son unha xeración sen grandes guerras, sen grandes revolucións ou grandes artistas, a xeración máis derrotada das historia. Unha xeración que probablemente perdeu o seu futuro sen aparentes cicatrices, pero co corazón asolagado de bágoas.

Dita xeración hoxe desfai-se finalmente do espartilho económico e moral para amosar o seu peito des-garrado e a duras penas remendado. Unha mocidade galega disposta a exponher o seu interior non só por dinheiro ou fama, senón por amosarlhe ao resto e así mesmos, que non están sós no que senten. Unha comunidade artística que decidiu crear algo novo ante a evidente destrución cultural de Occidente.

Nadia: “Debemos atoparnos a nos mesmos para poder expresar as nosas emocións de forma artística. A nosa xeración é unha xeración que romantiza demasiado a depresión ou a ansiedade. É por iso que a xente chega a puntos nos que non saben amosar as súas emocións de forma artística sen autodestruirse. Os artistas debemos poder demostrar as nosas emocións e compartilas de forma que axuden a outras persoas que poidan estar a pasar polo mesmo. O feito de autodestruirse constantemente sempre remata sendo perigoso.”

Martinho: “Sentirse só ou entrar a reflexionar cun mesmo é un tabú hoxe en día. Entre as páxinas de “Cartas a un mozo poeta” atopeime coa importancia de aproveitar a soidade para poder facer poesía. Vivimos nun mundo que se atopa inmerso constantemente no ruído, non sabemos apreciar o silencio, detestámolo. Eu penso por exemplo na relación coa minha noiva, gústame precisamente porque tamén sabemos apreciar os silencios. O silencio entre os dous non é un acto incómodo. Coido que iso é importante nas relacións e no arte, o silencio non debe ser nunca incómodo.”

Resulta complicado saber apreciar os silencios. O silencio e o baleiro interno obrígannos a pensar en nós mesmos, na nosa situación non mundo e no que queremos do mesmo. Iso en demasiadas ocasións pode resultar sumamente complicado para o ser humano actual.

Hoxe non estamos afeitos saber o que queremos, pensamos que si, pero realmente non o estamos. Somos unha xeración afeita a encher os nosos baleiros con cousas. O consumismo supón hoxe a nosa única fonte de desexos realmente alcanzables, a única vía a suposta felicidade, pero en canto un se enfronta ó silencio, cedo descobre que todo iso non é máis que unha tapadeira.

Eu mesmo tras saír dunha relación fai non demasiado tempo, descubrín que non tinha nin idea do que quería realmente, sabía o que detestaba, pero non tinha nada claro o que quería para a minha vida. Unha persoa que se consideraba firme nos seus principios, descubriu que nunca temos que deixar de descubrirnos a nós mesmos, nin o mundo que nos rodea. Sempre me queixaba de non ter tempo para as minhas cousas, pero agora que me vía de novo con todo o tempo do mundo para as minhas necesidades, resultaba que non tinha realmente claro de que se trataban estas.

Hoxe en día o buscarse a un mesmo é algo no que realmente todos rematamos caendo, necesitamos tocar fondo e vernos perdidos nunha sociedade liquida, narcisista e individualista para descubrir que non sabemos nin quen somos realmente nós mesmos. É nese preciso intre cando normalmente o autor consegue conectar dalgunha forma o seu pensamento interior coa pulsión da sociedade e da historia a través da súa obra.

Martinho: “Cando comecei a escribir non tinha moitas referencias na poesía, pero en canto comecei a ler a obra de certos autores notei como estes me empapaban. Iso é algo que reconheco me preocupou, un debe ter referentes, pero sempre debe conservar a súa propia identidade como algo inviolable. Por exemplo, as veces pecamos de beber da cultura estadounidense, sen conhecer a nosa propia cultura.”Non estamos a falar dun movemento ou un colectivo político no sentido tradicional do termo, pero tampouco debemos obviar por iso a densa capa política da súa iniciativa. Nos tempos da ameaza do postfascismo, en tempos de escurantismo moralista e mercadeo artístico, Chiskeiro nace como unha iniciativa provocadora, herdeira da Barraca ou o movemento Underground máis tradicional.

Debuxa por tanto a rebelión como algo espiritual, artístico e puro. A rebelión como un acto con consecuencias, non como unha mera experiencia máis que un pode mercar con cartos. A rebelión como unha vivencia artística. Un acto auténtico de reacción contra o socialmente establecido.

Nadia: “Antes rebelarse significaba algo, podía significar pasarse noites non calabozo. Hoxe debemos retomar esa forma de rebelarse que signifique algo concreto, non só pura estética.  Algo estamos a facer mal para que isto non suceda.”

Unha autenticidade e pureza que de todos xeitos debe compaxinarse coa realidade daqueles que sobreviven nun mundo capitalista. En plena distopía social, o emerxer como un marxinado do sistema, como un firme representante da contracultura, non resulta sinxelo economicamente. Para desenvolver o seu trabalho obviamente o artista debe disponher dos medios materiais necesarios, exactamente igual que calquera outro membro do proletariado, pero curiosamente, a mentalidade xeral nas sociedades occidentais dende a firme imposición do capitalismo é a de observar ao artista como unha peza estranha, incomprendida e unicamente aceptada de mala gana cando logra imponher varias cifras ao valor da súa obra.

O creador que se sae dese marco o que pretenda romper co circuíto da arte como un mero elemento económico da sociedade, pronto se atopará coa lupa non só sobre a súa obra, senón sobre a súa propia vida. Un artista alheo ao sistema non pode ponher valor á súa obra, non pode comercializar a súa creación e nin moito menos pode chegar a alcanzar o éxito. O artista que logre isto será criticado e arroxado directamente ao bando dos vendidos. É por iso que o navegar entre o puramente artístico e provocador e o comercial vai suponher un reto para un colectivo como leste.

Martiño: “Non me gusta ponherlhe valor  a arte. Penso que os cartos non poden valorizar a arte, debe suponher a expresión sincera do teu interior. Por iso non queremos darlhe un valor monetario a arte do colectivo, pero esperamos que a xente poida colaborar economicamente para poder axudar a desenvolver libros, fanzines, unha mixtape ou calquera proxecto que queramos levar a cabo. Son cartos para axudar os proxectos, non son cartos o colectivo.”

Nadia: “Creo que é importante poder dar expectativas para que os artistas poidan ter certo beneficio do seu trabalho. Ao final un debe moverse profesionalmente nun sistema capitalista e a arte é o noso oficio. Logo a arte si ten un prezo, un prezo que vai en función do trabalho. Debemos sobrevivir dalgunha forma.”

A continua necesidade de ponher etiquetas a todo que invade á nosa xeración xoga en contra do rompedor e os artístico. Como resultar novo e rompedor nunha sociedade que adora unicamente o inmediato? Resulta imposible cumprir esas expectativas adaptándose ás modas, tarde ou cedo todas as modas ou as tribos urbanas morren deixando no recordo unicamente aos melhores e aos pioneiros. A resposta en certa medida é simple por tanto, se tentas prevalecer na cultura, se o melhor da túa época ou simplemente se orixinal. Por mera probabilidade, toda aquel que fuxa da arrogancia ou careza da tolemia próxima ao talento, debería optar pola segunda alternativa. Ser natural permíteche fuxir das etiquetas ou polo menos dificultar a súa imposición nos inicios, algo que sen dúbida supón hoxe un gran respiro para a creación

Nadia: “Cando intentei explicar este proxecto dixéronme que era algo moi perroflauta. Non sei, sempre se quere ponher etiquetas a todo. Aquí en Santiago a comunidade artística tamén usa moito as etiquetas, incluso esa de perroflautas da que falaba. Son etiquetas que pon a xente por unha estética determinada e en certa medida para diferenciarse uns os outros. Non sei, se a xente nos vai a definir por estas serie de cousas, non sei hasta que punto vamos a ser capaces de que non se nos conheza como unha etiqueta máis, cando nacemos como unha forma de rachar coas etiquetas. Vivimos nunha sociedade na que a xente ten moito medo a saber quen é. A xente ten medo a buscarse e ponse esas etiquetas para ter unha forma de pertencer a algo”

Martinho: “Aínda que queiramos fuxir das etiquetas vai a ser complicado logralo, pero nos sabemos o que queremos, iso é o importante para o proxecto. Isto será algo aberto a todo o mundo, queremos incentivar a xente para que saque os seus proxectos adiante. Calquera disciplina é benvida, incluso falamos de acolher disciplinas tan particulares como a gastronomía. Si alguén quixese sacar un libro de receitas sería benvido por exemplo.”

Nadia: “Hoxe venderse sería moi doado, resultaría sinxelo saber o que o público quere e simplemente darlho, adaptarnos a unha etiqueta. Pero nós tamén podemos dicirlhe ó público o que precisa, podemos ofrecerlhe alternativas. O Punk por exemplo, rompeu a escena e foi capaz de contestar co que a xente necesitaba, non co que seguramente pedía. Nós esperamos poder conectar con elas mediante o que nós podemos ofrecer.”

Nadia e Martinho fuman e dialogan á vez que observo o primeiro poemario de Martinho “Poesía primeira dás pretensións universitarias” Curiosamente penso en que non vinculo a minha propia poesía coa vida universitaria, en realidade non cheguei nunca a vincular demasiado a minha vida coa contorna universitaria, sempre fun máis de rúa, máis de noite, máis o filho dun obreiro convidado a profundar na cultura académica. Pero comprendo que en Santiago ao contrario que na Corunha, a universidade forma parte da vida e as rúas da cidade. En certa medida, a expresión artística da cidade vese impregnada por este feito.

Seguimos falando de amor, drogas, pero especialmente falamos de tristeza e rebelión ante esa longa sombra que tanto perseguiu á arte galega e que non desapareceu nin moito menos co liberalismo económico. A nosa eterna consciencia de precariedade e sometemento ao destino perséguenos hoxe máis fortemente se cabe que onte. O artista en lugares como Santiago corre o serio risco de caer na excesiva melancolía e o depresivo contraste dos seus días.

A pedra da capital galega curiosamente empápase de igual forma do sol escaso que da choiva continua, facendo que as manhás posteriores as longas noites e os fríos amenceres de domingo, sexan melancólicos e tristes en cama amiga ou desconhecida. Compostela e as súas rúas rematan sempre por remexer os nosos estados de ánimo dun xeito que ben pode ser canalizado en forma de expresión artística, ou ben pode caer de canto na nosa gorxa afogando as palabras de individuos habitualmente demasiado sensibles á beleza e a tristeza que reflicten as rúas do final do máis santo dos caminhos.

Naida: “É fácil estar triste, é algo moi atractivo. Un sempre pensa que pode sacase algo positivo da tristeza cando comeza un proceso creativo, pero resulta sinxelo atraparse nesa espiral.”

Martinho: “Todos somos en certa medida artistas en potencia, temos na nosa man enriquecernos e expresar ou que sentimos. Todos vivimos emocións que poden axudar a outros, tan só precisamos expresalas”

O amor e as emocións como fonte de inspiración para a artista, eterno debate que encaramos xa entrada a noite en Compostela e aínda sentados sobre o chan e comezando xa a precisar o tacto da roupa de abrigo, que nesta cidade un non pode abandonar con tanta lixeireza. Curiosamente o corpo abrigado e arroxado ao frío do artista galego adoita suponher hoxe unha arma de provocación, unha ferramenta artística, unha fonte eterna de beleza. Pero acaso tamén sucedo o mesmo co corpo gordo, velho, masculino, maltratado…?

Supón o uso do corpo da mulher na arte algo liberador?

Trátase polo contrario dunha imposición alienante do sistema?

Resulta complicado chegar a un acordo, ningún de nós ten claro se o corpo da mulher na arte supón hoxe en día unha elección propia, un acto de rebeldía ou unha forma de perpetuar o seu uso polo patriarcado que tamén impregna este mundo.

Parece evidente que se necesita debater, parece evidente que a arte non debe pecharse portas, pero tamén resulta evidente de xeito claro que o corpo do home heterosexual nunca gozou dunha excesiva atención artística como forma de rebeldía moderna. Tocará reflexionar si se trata dunha casualidade.

Nadia: “Moitas veces a xente busca alcanzar o éxito mediante a suposta provocación. Desde os anos 70 levan facendo fotos de sadomasoquismo, espidos ou cousas similares, penso que en ocasións retomamos esa forma de provocar porque nos custa atopar algo realmente novo. Ás veces imitamos o que impactou antes e quizais iso neste momento non resulta o máis efectivo. Somos unha xeración con outras armas, por tanto deberiamos aproveitar esas armas propias para crear algo realmente novo.”

Do corpo á alma, pasando polos sentimentos e desembocando nas relacións afectivas e sentimentais. Hoxe podemos percibir claramente a imposición cultural dun mundo triste, rápido e aparentemente indoloro. Un mundo no que prima a banalización dos sentimentos, o sexo ou o compromiso. Usamos drogas, corpos ou produtos para reducir a nosa ansiedade, elaboramos novas teorías cada día máis radicais a espera de poder explicar  o motivo polo que a nosa vida non funciona e unha e outra vez culpamos ao resto da nosa mala sorte. Pero xamais facemos nada realmente serio por cambialo, nunca o facemos porque requiriría demasiado esforzo e quizais dor. Ante todo, non somos unha xeración preparada para a dor.

Pasamos do amor Disney ao amor Woodstok sen preocuparnos de arranxar nada polo caminho, nin a nós mesmos, nin aos cadáveres emocionais que imos deixando polo o noso paso. Resulta máis sinxelo non comprometernos con ninguén ou aparentemente facelo con todo o mundo, con tal de non admitir que as cousas requiren o seu trabalho.

Homes hoxe din ser feministas, pero xamais reconheceron os seus erros como homes, nunca se molestaron en reconstruír o seu pensamento e reconhecer os seus erros. Revolucionarios que nunca sentiron o risco e o peso de vivir nun sistema que nos explota, que non adoutrina e eliena. Artistas que xamais tiveron a paciencia de encarar un proxecto vital, un caminho no que sufrirían desencantos, caídas e profundas decepcións, pero no cal atoparían a parte artística intrínseca a un mesmo.

Nadia: “As novas teorías sobre o amor ou a sexualidade non son realmente novas, criticar a parelha monógama ou o amor romántico bebe do feminismo dos anos 70. Creo que hoxe as mulheres deberiamos conhecer todas esas experiencias, a educación é básica para que se respecten todas as nosas decisións amorosas ou sexuais, pero debemos atopar algo novo, algo que nos sexa propio. Quizais mesmo ese amor líquido poida que en ocasións non sexa máis que parte do propio sistema.”

Martinho: “Penso que o amor é como a arte, non debe responder a ningunha regra”

A entrevista transformouse aos poucos no que tamén pretende ser o proxecto Chiskeiro, un laboratorio de ideas, un lugar no que compartir a experiencia cultural de cada un, no que aprender, pero especialmente no que innovar. Suponho que por iso tampouco a estrutura desta entrevista é unha estrutura ao uso, despois de todo non o chegou a ser realmente en ningún momento e alégrome por iso. Así que non atopo razón ou imposición algunha polo que debese chegar dese modo ás súas pantalhas.

Mentres caminhamos Nadia e Martino cóntanme que o proxecto comezará en Santiago, pero que lhes encantaría poder levalo máis aló, incluso colaborando con outros colectivos que estean interesados en compartir experiencias fóra das nosas fronteiras. Santiago será o centro de operacións de Chiskeiro, pero como boa vangarda, é lixeira e veloz para facilitar a súa impregnación a través dun caminho que foi símbolo de cultura outrora, así que nada impide que volva selo hoxe excepto o propio esforzo da cultura galega.

Deixo a Nadia e Martinho cuns amigos tras falar de LSD e Ortigueira, espero poder voltar atopalos no festival deste ano cun posto na rúa, no que poidan ofertar ao público co que comparten tempo e espazo, imaxinación e rebelión en todos os sentidos.

As rúas molhadas de Santiago lémbranme agora pisadas pasadas, experiencias e sensacións. As mesmas que me levaron a escribir o meu primeiro poemario, as mesmas que xa ocupan as páxinas do segundo e se colan hoxe nesta entrevista tan peculiar que hoxe vos ofrezo.

E iso, que o xoves 21 de marzo as 20:00 Chiskeiro realizará un mico aberto con lectura de poesía no “CSOA O ATURUXO DAS MARÍAS”. Acudan o mesmo, non existe nada que a arte non poida sanar, nin ninguén que non poida ser salvado pola arte. Tan só fai falta perder o medo á vida, benvidos todos aquelas que así a encaran.

Hoxe moi agradecido por iso, presenteilhes a un colectivo artístico que así quere encarar a arte e a vida.

 

 

Se el primero en comentar

Dejar un Comentario

Tu dirección de correo no será publicada.




 

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.