Non nos conformamos, que falta moito por facer, na Galiza e no estado, e imos ser belixerantes e reivindicaticos para demandar todo o que está pendente. Todos os avances conseguironse grazas á loita e á formulación de alternativas.
Por Iniciativa Galega pola Memoria
O dereito a saber e coñecer non se lle pode negar a ninguén. Esta expresión tan básica e de sentido común perante a curiosidade por realidades próximas ou afastadas, por exercitar a curiosidade humana que nos distingue como racionais, atópase en causa nestes momentos de incertezas políticas e sociais, nos que pensar con criterio, ser diverso, falar na lingua nai, ter orixe ou cor, vivir coa liberdade colectiva da que nos temos dotado a través de anos de loita pola democracia imperfecta, se varren mediante un titular nas redes sociais, un vídeo de youtube ou a imposición mediática “patriotas todxs” que apagan toda posibilidade polo dereito ao que faciamos mención.
Todo o resto: dereito a traballo, dereito a ser e existir como sexamos e existamos, dereito a falar, dereito a investigar, dereito a lembrar, dereito á xustiza das vítimas, dereito a reivindicar a verdade dos feitos, tráennos hoxe aquí a esta illa para recordar que no tocante á memoria histórica o que se demanda aínda hoxe é o cumprimento da carta dos dereitos humanos, esa que representa a todxs os que deron a súa vida por eles e que chegan a nós como conquistas cuestionábeis pola ofensiva neofascista que os nega con silencios sociais cómplices e altofalantes mediáticos parceiros, e os pretenden conculcar e darlle a isto carta constitucional e institucional.
Citámonos aquí un anos atrás do outro, e cando vez con máis presenza, para reivindicar que os colectivos memorialistas do noso país, nos esquecemos as mentiras, as falacias, o manto idelóxico que as cobre e protexe, e exiximos desde a sociedade civil galega a reparación por medio das institucións. Concellos, Deputacións, Consellarías da Xunta, Ministerios estatais e comisións europeas teñen que ser o baluarte na procura da verdade e a xustiza para as vítimas do franquismo e de todxs os franquismos pasados, presentes, ideolóxicos e sociolóxicos.
Precisamos políticas públicas da memoria que complementen o traballo da cidadanía, que vaian máis alá e asenten a democracia e o dereito a vivirmos nun mundo mellor baseado neses dereito humanos que si significaron o consenso do sentido común da sociedade actual á que chegamos.
Exemplos dos que a grandes liñas fago acordante:
E comezamos a xeira con atención aos concellos que xa nos anos 80 e 90, Poio, Bueu, Redondela antecederon o ano 2000 no Concello de Pontevedra. Ano Castelao. 2003. Ano Bóveda, seguirían a Memoria das Mulleres e o rango de Concellaría na nomenclatura, algo fundamental por dignidade e tamén visibilidade, para desenvolver no municipio: “Concellaría de Patrimonio e Memoria histórica”.
Elevámonos un chanzo para levar as iniciativas memorísticas á Xunta. De feito é a institución autonómica nun estado que se pretende descentralizado en moitas competencias, como a cultura e as políticas sociais, a que debe facer posible un espazo en que teñan expresión as memorias democráticas relacionadas coas vivencias traumáticas e inxustas de guerra, ditadura, terrorismo, violencia e vulneración de dereitos humanos (Citamos aquí o preámbulo de Dereitos humanos, Memoria e Cooperación do goberno vasco). E, de facto, tal foi no noso País encetando un tempo de esperanza:
2006-2009: Consellaría de Cultura. Xunta de Galiza. Ano da Memoria. Homenaxe Nacional ás vítimas da represión franquista no seu 70 aniversario. Apertura da Illa de San Simón como espazo da memoria. O Barco da Memoria. Os mártires do mar. Consello pola Memoria. Proxecto interuniversitario Nomes e voces. Mulleres con Memoria. Fundación Illa de San Simón. Inicio do expediente de declaración BIC para o Pazo de Meirás. A grande exposición Memorial da Liberdade.
2009 a 2023. Xunta de Galiza. Ermo. Non hai políticas nin de recuperación, nin de divulgación. Siléncianse as actividades memorísticas para que morra o conto, salvo a subvención do barco para acudir a San Simón os colectivos da Galiza, e non por vontade, se non pola presión social que os aboca a cumprir retoricamente co ritual, como unha tradición do pobo asoballado, ao igual que o eran os coros e danzas “regionales” dos tempos que denunciamos. E nun lugar da memoria aldraxado cos festivais, piratas da ría, samaíns e acampamentos de tesouros, sen pór en valor a súa historia fidedigna, a que sufriu a xente do mar, os operarios da terra, os presos preventivos do 36, as madriñas e as familias que aturaron unha represa inmunda, e aínda se recusa a posibilidade de facer desta illa homenaxe permanente e símbolo contra a infamia e terror.
2018. Deputación da Coruña. Xunta pro Devolución do Pazo de Meirás ao pobo.
Concello de Sada. Coñecemos a historia de deixar o ensino deste lugar so a xestión da Fundación Francisco Franco, e o que despois viría coa familia do caudillo en fronte do pobo e do estado, mesmo perante a xustiza. Rememorando que aínda o poder duns poucos poderosos de oligárquico nome condiciona até as instancias xudiciais.
Rematamos os periplo de xestión pública galega coa memoria:
Mandatos 2015-2019 e 2019-2023. Deputación de Pontevedra. Creación do Departamento de Memoria histórica. Xornadas de loita contra a impunidade. Proxecto “O pasado por vir”. Pomos de relevo os traballos desenvolvidos pola institución provincial por significarse como unha institución que definiu deste xeito tan diáfano os obxectivos referidos á materia en cuestión: “O Departamento de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra ten un dobre obxectivo: Recuperar a memoria silenciada polo golpe de Estado de 1936 desde unha perspectiva de clase, país e xénero, loitar contra a impunidade do réxime franquista. Para iso, o departamento realizará tarefas de investigación, asesoramento, divulgación e homenaxe encamiñadas á procura da verdade, á xustiza, á reparación e á garantía de non repetición”.
Con todo o relatado, facemos a seguinte reflexión: Tan difícil é exercer a democracia, a legalidade, a dignidade humana?
Para toda canta institución teña o deber de xestionar a vida da cidadanía, tamén acudimos ao camiño andado por outras pioneiras:
Memorial Democràtic de Catalunya. Direcció General de la Memòria Democràtica. Instituto da memoria, a convivencia e os DDHH Euskadi. Plan andaluz de memoria democrática. Lei Foral 29/2018, de lugares da memoria histórica de Navarra. Comisión Interamericana de DDHH da Organización de Estados Americanos e os seus Principios de Políticas públicas nas Américas, de 2019. Ou, como non, a memoria da guerra, resistencia e ditadura a través dos lugares da memoria en Alemaña, que dá leccións de historia e reparación a xeracións presentes e futuras. A República francesa que fai da memoria do holocausto chave central nas políticas internacionais fomentada a través da súa rede diplomática, científica ou cultural. E sen irmos tan lonxe, aquí ao noso carón, na República portuguesa, a cal superou con ruptura democrática e total discreción unha ditadura autárquica de 48 anos, que a levou á miseria e vai saíndo das políticas coloniais do silencio de sangue.
Temos que exixir as políticas da memoria como accións rutineiras de calquera goberno á hora de se dirixir á súa xente con conciencia cidadá. Pola contra quen as denigra, as esquece ou obvia con displicencia, non as orzamenta ou as rexeita pola pervivencia de complexos antidemocráticos triunfantes de revisionismo histórico negacionista, deben ter a sociedade organizada en fronte para lles dicir que nós si estamos co cumprimento dos estándares establecidos polo dereito internacional dos dereitos humanos, recollidos xa desde 2007 nos principios da Iniciativa Galega pola Memoria: Condena do franquismo como réxime criminal, declaración da nulidade dos xuízos, aplicación do dereito internacional sobre as vítimas, considerar os crimes do franquismo de lesa humnidade, intervención pública das administracións, revisión dos currículos escolares, regulación da apoloxía do franquismo, anulación da lei de amnistía seguindo as recomendacións da ONU.
Non nos conformamos, que falta moito por facer, na Galiza e no estado, e imos ser belixerantes e reivindicaticos para demandar todo o que está pendente. Todos os avances conseguironse grazas á loita e á formulación de alternativas. Non aceptamos a estas alturas imposicións dunha extrema dereita e una dereita extrema, comprobámolo estes días antes dunha elección cruciais para o futuro en democracia, que sempre ignorou o movemento memorialista e desprezou as vítimas. Todos son dereitos fundamentais aprobados internacionalmente que teñen as vítimas, as súas familias e a sociedade en xeral.
Ese foi e será o camiño para avanzar…
San Simón, illa da Memoria, 16 de xullo de 2023
Se el primero en comentar