Por Ramón Nicolás / Caderno da Crítica
“Meine liebe, se fose posible deixar de ser o que somos, de non ter feito o que fixemos, nin ser o que seremos, nin ter o cadavre que teremos”.
Isto escribía Lois Pereiro en setembro de 1989 nun apuntamento ao fío dunha viaxe que realizou a Francia, Bélxica e Alemaña. Escritos deste xorne, mais tamén poemas, completos ou aínda en fase embrionaria, aforismos, vivencias, anécdotas, pensamentos ou reflexións de carácter heteroxéneo -operativas tamén para deseñar un outro perfil do poeta- son os textos que integran estes Cadernos persoais que Chan da Pólvora editou hai uns meses baixo a edición de Héctor Cajaraville xunto coas chamadas “contornas” a cargo de Fernando Saco e Inés Pereiro.
Alén dunha verdadeira fervenza de referencias culturais, musicais, cinematográficas e literarias que repousan neste libro hai tamén moitas preguntas con ou sen resposta, e afirmacións que serven para reconstruír, dalgún xeito, unha personalidade única…, unha delas, tras unha viaxe, é a que apunta ao que trae Lois Pereiro canda si dunhaa viaxe: “capacidade de mirar”. En efecto, hai aquí unha ollada sobre el mesmo, sobre a súa vida, sobre a literatura e a música que non é común atopar -menos aínda editada- e que ademais se completa coa edición dun interesante Dietario que escribe para Isabel Romero, muller de Xosé Manuel Pereiro, irmán do autor, onde espella a experiencia da promoción dos seus libros mais tamén a presenza da enfermidade, isto é, ese día a día da doenza onde salienta a presenza do apoio da familia e as amizades: Josito, Isa, Eloísa, Pati, Paco Macías, Vari Caramés, Lupe Gómez, Manolo Rivas: “almas prendidas coa miña case en cada momento”.
Nas devanditas, e suxestivas, contornas Héctor Cajaraville realiza unha descrición analítica do contido dos cadernos e unha análise cumprida dos mesmos, alén de valorar a pertinencia da súa publicación malia pertenceren a unha esfera íntima e intimista do autor. Sen dúbida esta publicación reformula, se non o estaba xa, a etiqueta de poeta maldito porque Lois Pereiro era un poeta, si, pero moito máis. Outro texto -“As viaxes de Lois Pereiro por Europa” a cargo de Fernando Saco- ofrecen a memoria das viaxes compartidas con Lois por Europa e Inés Pereiro regálanos un minucioso percorrido pola experiencia compartida desas viaxes e do seu irmán.
Un día coma hoxe, xustamente o vinte e cinco cabodano de Lois Pereiro, era de regra atender a esta publicación que, ao mesmo tempo, contribúe a manter viva a memoria do poeta monfortino.
Se el primero en comentar