A verdade non se debate

Manifesto sobre a historia do campo de concentración de San Simón e a necesidade de desenvolver políticas públicas de memoria na illa de San Simón e en Galiza

Por Iniciativa Galega da Memoria | 30/01/2025

Diante das declaracións de representantes do PP, nomeadamente do presidente da Xunta, que abriron un debate/controversia pública sobre a existencia de mortes na illa de San Simón na etapa en que foi campo de concentración franquista (1936-1943), as persoas asinantes deste escrito, investigadoras da represión franquista en Galiza e concretamente do papel que cumpriu nesta a illa de San Simón, queremos facer pública a seguinte declaración:

1º Consideramos as afirmacións de extrema gravidade polo que supoñen de negación da verdade histórica e banalización do acontecido nunha das máis duras e crueis prisións franquistas. En relación coas realizadas polo presidente da Xunta, sinalando que deixa aos/ás historiadores/as o debate sobre as vítimas mortais na illa de San Simón, afirmamos que a verdade dos feitos non se discute nin se debate.

2º Está máis que acreditada e demostrada a represión extrema, a crueldade, as torturas, os traballos forzados, as extorsións, o terror que sufriron os presos da Illa de San Simón e do barco Upo Mendi: Os investigadores Gonzalo Amoedo e Roberto Gil recollen no libro “Episodios de terror durante a guerra civil na provincia de Pontevedra. A illa de San Simón” os nomes de 482 persoas mortas na illa, especialmente nos anos 1940-1941-1942. As investigacións de Xoán Carlos Abad Gallego recollidas no artigo “La isla de los muertos. Vida y muerte en la colonia penintenciaria de San Simón” (Instituto de Estudos Vigueses, 2001) incrementa as mortes documentadas na illa entre 1936-1943 a 517 e esta cifra non recolle a totalidade xa que a documentación que existe é incompleta ou de difícil acceso. O Proxecto Nomes e Voces recolle tamén casos de reos que morreron polas condicións padecidas no cárcere por fame e enfermidades. A maioría eran o grupo coñecido como “os vellos”, presos de avanzada idade procedentes de zonas de fóra de Galiza e que non contaban con redes de apoio familiar. A inmensa maioría foron enterrados nos cemiterios de Pereiró e Vigo, e como consecuencia da ditadura e da desmemoria que caracterizou a chamada “Transición”, aínda hoxe hai numerosas familias que non puideron localizar e recuperar os seus restos.

Ademais, a illa foi unha especie de “corredor da morte” para ducias de presos aos que foron buscar para ser fusilados diante dun pelotón militar ou sacados de noite por grupos falanxistas e da garda cívica para ser asasinados impunemente nas estradas dos concellos da contorna e mesmo está documentado e acreditado que o 5 de agosto de 1938 foron fusilados na propia illa un grupo de presos asturianos que foran trasladados desde o campo de concentración de Camposancos.

3º As citadas declaracións dos populares son unha nova pinga na actitude militante do PP contra a memoria histórica, que xa se viu amosando en múltiples ocasións: na súa negativa a desenvolver en Galiza políticas públicas baseadas no dereito á verdade, á xustiza e á reparación; no desmantelamento por parte da Xunta gobernada polo PP de proxectos como o referido “Nomes e Voces” centrados na investigación sobre a represión franquista en Galiza; e na conversión da Illa de San Simón nunha especie de parque temático no que teñen cabida todo tipo de actividades organizadas por empresas privadas (festivais musicais, buscas do tesouro, obradoiros de ioga, festas de halloween…), co que iso supón de banalización e mercantilización dun espazo de memoria, e por tanto de ofensa cara ás vítimas, ás súas familias e á sociedade no seu conxunto.

4º Todo o anterior confirma a necesidade de que San Simón sexa declarado “Lugar de memoria histórica democrática” ao abeiro do previsto na lei 2022 de memoria democrática, tal como solicitou o pasado mes de xullo de 2024 o movemento memorialista galego a través da Iniciativa Galega pola Memoria. Demandamos ademais:

-Que se recupere a consideración de San Simón como “Illa da Memoria”,

-Que se elabore un plan de usos tendo en conta a súa consideración de BIC, no que se prohiba expresamente o desenvolvemento de actividades ofensivas cara ás vítimas,

-E que se organice un programa estable de actividades de investigación, divulgación, homenaxe e aproveitamento pedagóxico relacionado coa condena da Ditadura franquista, a defensa dos valores democráticos e antifascistas, a posta en valor da solidariedade e da resistencia antifranquista, e o coñecemento das vidas e os ideais das persoas que sufriron violacións de dereitos humanos no campo de concentración de San Simón.

Asinado:

1. Xoán Carlos Abad Gallego. Historiador. Autor de “La isla de los muertos. Vida y muerte en la colonia penintenciaria de San Simón”. Instituto de Estudos Vigueses, 2001.

2. Xosé Álvarez Castro. Autor de Os anos do silencio. Represión e resistencia na provincia de Pontevedra (1936-1951), Edicións Xerais de Galicia, 2022

3. Xosé María Álvarez Cáccamo. Poeta. Autor de A novela de San Simón. Edicións Xerais de Galicia, 2005.

4. Gonzalo Amoedo López. Investigador. Autor de Episodios de Terror durante a Guerra Civil na provincia de Pontevedra. A Illa de San Simón. Edicións Xerais de Galicia, 2007.

5. Montse Fajardo Pérez. Xornalista e escritora autora de Un cesto de mazás, memoria das vítimas do 36 e do tempo que veu, Edicións Matriarcas, 2015.

6. Juan Antonio González Pérez. Autor do libro Aillados, a memoria dos presos de 1936 na Illa de San Simón. Ir Indo Edicións, 1995.

7. Iria Morgade Valcárcel. Historiadora integrante de Histagra e autora de Quen escribirá a miña historia?. Editorial Galaxia, 2023.

8. Eva Mejuto Rial. Escritora. Autora de A lavandeira de San Simón. Edicións Xerais de Galicia, 2020.

9. Xosé Manuel Núñez Seixas. Catedrático de Historia contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela.

10 . Dionisio Pereira González. Historiador. Fundador do Proxecto Nomes e Voces.

11. Clara María de Saá Quintas. Autora do libro Aillados, a memoria dos presos de 1936 na Illa de San Simón. Ir Indo Edicións, 1995.

12. Matías Rodríguez da Torre. Profesor e divulgador da represión franquista no cárcere de San Simón.

Se el primero en comentar

Dejar un Comentario

Tu dirección de correo no será publicada.




 

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.