A IGM demanda que a declaración de lugares de memoria leve aparellado un uso destinado a divulgar o padecemento que a ditadura infrinxiu ás vítimas en Meirás e San Simón

A plataforma, que engloba a colectivos de todo o país, presentou un recurso para esixir que o Estado poña fin á realización de actividades lúdicas na illa redondelá. 

Por Iniciativa Galega pola Memoria | 30/09/2026

A Iniciativa Galega pola Memoria demanda que as recentes declaracións das illas de San Simón e Santo Antón así como do Pazo de Meirás como lugares de memoria leven aparelladas que o seu uso se destine á recuperación da memoria das vítimas do franquismo. O memorialismo galego considera que o recoñecemento do Pazo e das illas como lugar de memoria é un paso positivo, mais botan en falta unha maior concreción e compromiso por parte do goberno central para protexer estes espazos referenciais da represión e da resistencia antifranquista.

No caso concreto da illa de San Simón e san Antón, a IGM vén de presentar un recurso no que reclaman que se revise e amplíe o contido da declaración como lugar de memoria, dotando dunha maior protección os espazos relacionados con traballos forzados, lugares de castigo, tortura e morte. Lembran que máis de 500 presos morreron na illa polas duras condicións do presidios e varios centos foron sacadas do recinto para seren asasinadas.

A IGM cuestiona a afirmación oficial de que “a declaración como lugar de memoria democrática non altera o uso actual”, xa que esta redacción lexitima de facto as actividades que se veñen desenvolvendo en San Simón baixo a xestión da Xunta, e que consisten basicamente en eventos de lecer, festivais musicais e de danza, campamentos de temática pirata ou excursións turísticas de carácter comercial.

Para a IGM a pervivencia destes usos mercantís e lúdicos é contraria ao seu simbolismo como lugar de memoria e de respecto e constitúe unha evidente banalización do espazo. Por iso considera que deben ser restrinxidos mediante unha norma que regule o tipo de actividades que son compatíbeis coa condición de lugar de memoria democrática e, nese senso, solicitan que se cumpra o compromiso de vixiar á Xunta no desenvolvemento de actividades, tal e como apuntou Fernando Martínez, secretario de Estado de Memoria Democrática, na súa intervención na illa.

A IGM pide tamén que o Estado recoñeza formalmente o papel que as entidades memorialistas tiveron na solicitude de declaración de San Simón como lugar de memoria, xa que foron estas quen o promoveron en xullo de 2024. Porén, ese extremo non foi recollido pola administración cando, un ano máis tarde, incoou de oficio o procedemento sen sequera dar resposta ao escrito da asociacións. Por iso agardan que o Estado recoñeza o papel fundamental que estas tiveron na demanda do nomeamento das illas como lugar de memoria, e que sexan tidas en conta á hora de celebrar futuros actos para evitar agravios como os vividos ata o de agora.

Se el primero en comentar

Dejar un Comentario

Tu dirección de correo no será publicada.




 

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.