Wöyza: “Toda esta mestura entre as músicas de raíz atlánticas e as músicas urbanas fan de nós un grupo moi difícil de encasillar”

Foto: Tamy Macías

Puxen a pandeireta de elemento de conexión entre o mundo tradicional e o moderno, e como elemento de liberación e feminizador da música da nosa terra

Por Angelo Nero

En maio de 2009, un amigo músico convidoume á presentación dun disco dunha rapaza de Moaña, da que xa escoitara falar, na antiga Sala A de Vigo. O disco, “Pisando el suelo que ves”, o estoitei ata fartarme, ou máis exactamente, ata que alguén mo quitou das mans, máis recupereino e hoxe, 14 anos despois, o sigo escoitando cando quero afastarme do gris. Aquel foi un concerto inesquecible que me fixo vencen os meus prexuízos sobre o hip hop, aínda que Wöyza, ó longo destes anos, demostrou que ela non viña para que lle colgaran ninguna etiqueta. Vina cantar en jam sessions coa sua alma máis soul, e dirixir un coro de gospell, sen por elo renunciar ós seus orixes. Agora presenta un novo disco, no que semella que a música, para ela, non é cousa de estilos.

O proxecto The Galician Messenger nace en 2018, máis tivemos que agardar ata este verán de 2023 para ter o disco nas nosas mans, ¿Como xurde este novo proxecto de Wöyza, e como foi ese longo camiño, pandemia mundial mediante, para que finalmente poidamos disfrutar deste traballo?

No 2018 convidáronme a participar no festival Sufferfest de Frankfurt ca fin de representar a Galiza, así que pareceume unha oportunidade idónea para formar unha banda na que podía mesturar aqueles sons dos que bebera o longo da miña traxectoria artística. Daquelas xa tiña colaborado con algúns músicos do folk, feito xiras con músicos portugueses e partillado con outras escenas a miña propia música, por iso era importante establecer conexións entre eses mundos que para min representan a Galicia cosmopolita onde me criei, na cidade de Vigo.

No periodo anterior a pandemia eu estaba vivindo en Madrid e realmente este proxecto estaba na miña mente, a pesar de seguir coa liña hiphop e soul que viña facendo neses anos. Coa pandemia, e a volta a casa, decidimos recuperalo e poñer en valor aquela primeira aproximación do que hoxe son os Galician Messengers.

Foto: Tamy Macías

En Galician Messengers, ademais das texturas do soul e do hip hop, que veñen acompañándote na tua traxectoria musical, súmanse os ritmos e atmosferas que veñen con cada un dos integrantes da banda. ¿Quen son estes músicos que te acompañan nesta nova andanza, e cales son as súas achegas sonoras ó proxecto?

Penso que o atractivo desta formación é que todas e todos eles veñen de ter unha carreira de extensa experiencia nos seus estilos musicais, como solistas ou bandas.

High Paw é solista de reggae e nesta formación acompaña co baixo e os coros, algo que non fixera nunca antes, e que lle suma valor o proxeto. María López foi cantareira e pandeireteira no grupo Faltriqueira. David Outumuro é baterista en Eladio y los Seres Queridos, Jorge Juncal é teclista en formacións de folk, como a de Anxo Lorenzo. E Xulio Lorenzo é gaiteiro solista con varios albúms publicados e recoñecemento mediático.

Para sumar artes, a coreógrafa e bailarina Yara Juncal, acompaña cos seus movementos mesturando tradicional e danza urbana.

Toda esta mestura entre as músicas de raíz atlánticas e as músicas urbanas fan de nós un grupo moi difícil de encasillar, porque sabemos que sonamos a todo iso pero non nos define ningún estilo en particular.

Agora hai una certa revolución trad na Galiza, capitaneada ademais por mulleres como as Tanxugueiras, ou máis recentemente, polas Fillas de Cassandra, que están pegando forte entre a xente moza, máis aínda que esta proposta vosa tamén ten o seu cerne na música tradicional, semella que ten pouco que ver, ¿que opinas desa nova onda trad, e que aporta de diferente a vosa aposta por mesturar a música de raíz con ritmos máis contemporáneos?

Pois a verdade, que no ano 2020 escribín un artigo para un libro dunha exposición que se fixo na cidade da cultura, “Galicia Futura”, onde profesionais de distintas disciplinas como medicina, tecnoloxía, cine, arquitectura… e música, da que fun a responsable, tratábamos de descifrar o futuro da nosa música. A día de hoxe, tras tres anos podo dicir que fixen unha predicción acertada. Puxen a pandeireta de elemento de conexión entre o mundo tradicional e o moderno, e como elemento de liberación e feminizador da música da nosa terra.

Síntome moi orgullosa, porque a pesar de que Tanxugueiras estaban comezando a ter unha carreira sólida en Galicia aínda non chegaran a participar en Eurovisión e Fillas de Cassandra ou Berto non existían como tal. O proxecto de Galician Messengers vai por outros lares. Nós buscamos un son máis orgánico e a revalorización de tódalas músicas feitas en Galicia, non só o tradicional. A diferencia máis notable é que non facemos tendencia, non facemos soamente música tradicional. “Wöyza” segue sendo recoñecible vocalmente, penso, ou trato de que esas músicas pasen polo meu filtro, tanto ideolóxico como emocional. Trátase de compartir unha visión de música galega moito máis global e transversal. Nunca fixen moda, e recibo con moitísima alegría que volvas a escoitar os meus discos anteriores e te transportan, e seguen chegando a xente. Pois o mesmo, o máis bonito deste traballo é que compartimos un momento que tratamos que perdure no tempo e sexa eterno. A única maneira de facelo eterno e non distorsionalo co que fan os demáis e manter a autenticidade e o corazón.

Foto: Tamy Macías

O disco cos Galician Messengers, abrese cun luminoso “Campo estrelado”, onde hai unha forte aposta por eses ritmos tradicionais, co protagonismo da gaita de Xulio Lorenzo e da pandeireta de María Faltri, pero no que non se pode agochar ese selo particular das músicas que, nestes anos, agromaron na túa voz. Seica a canción que abre o disco foi composta fora da nosa terra, en Madrid, ¿Querías voar con ela cara esa xeografía emocional onde aniñaba a tua morriña?

Cando moraba en Madrid pasei moitísima morriña, incluso tiña alucinacións auditivas cas gaivotas. Erguíame e tentaba buscar o mar na miña fiestra, pero nunca estaba, nin a brisa, nin o cheirume. Así que entre a mestura de afrobeat que adoro, a música portuguesa, cabo verdiana, angolana e incluso exipcia, pensei que temos moito máis delas do que recoñecemos, por qué non facelo nunha música onde demostrar que tan real é esa aproximación? Así que levei toda a miña morriña o papel, facendo un percorrido espiritual como unha peregrina na miña propia terra. Quería contarlle o mundo como se ve, como se sente e como latexa Galicia cando vas cara a Compostela, xa que tódolos camiños levan a Santiago, e en tódolos camiños vas atopar os segredos desta terra.

Chama a atención no voso disco a recuperación dunha cantiga de Martín Codax, “Ay Deus se sab’ora meu amigo (Vou namorada)”, un traballo case de etnografía que non debeu resultar doado para alguén que ven dunha escena tan actual como o hip hop, ¿como é esta viaxe dende a modernidade do presente, ata a lírica medieval?

No ano 2017 Cristina Pato convidoume, ou mellor, retoume a ser a voz do concerto que se lle adicou a benvida do Pergamiño Vindel por primeira vez en Vigo. Nese momento aventureime nunha intensa investigación sobre as cantigas para poder interpretalas baixo os arranxos de músicos como Anxo Pintos ou Begoña Riobó. Confeso que chorei moito, porque para cantar as cantigas no meu estilo (ademáis todo está escrito para sopranos e eu son contralto, eso é terrible!) pero o final a satisfacción foi maior, sempre é maior que o sofremento de parir. Cristina deixou o meu cargo unha das cantigas, “Ay Deus”, e despois de musicala dunha forma que non me satisfacía 100%, un día pola mañá, a unha semana do evento, desperteime cunha melodía e un ritmo moi Stevie Wonder, e pronto comecei a tocar no piano os acordes e xurdiu como se sempre ouvese existido. Moitos non verán a Stevie Wonder aí, lóxico, as veces falo de algo máis sensorial que explícito.

Desde “Pisando el suelo que ves”, a “Pelea”, recorriches xa un longo camiño, pelexando e medrando a nivel profesional, sen deixar de pisar o chan, consciente da realidade social na que vives. ¿Foi a música un vehículo para reivindicar as loitas que te importan?

Sempre. A música é o nexo de conexión entre o mundo e eu, e entre eu e o universo.

A palabra, a miña filosofía de vida, a miña visión condicionada, a única maneira que coñezo para transcencer máis aló do meu corpo.

Os pes no chan, a mente no foco e o alma no ceo.

Cain as follas” é un poema de Uxio Novoneyra versioneado por Emilio Cao, pero ti dáslle unha volta para revestilo da túa particular ollada musical, na que teñen moita presencia os coros, que nos levan a época que experimentaches co gospel, pero tamén invítanos a través da túa voz e da frauta de Xulio Lorenzo ás terras do Courel. ¿Como afrontaches o reto de facer teus os versos de Novoneyra, e facer unha versión tan máxica coa que nos presentas neste disco?

Foi un regalo. A familia Novoneyra e máis eu temos unha amizade labrada no entorno da música. Dende rapaces amosoume a obra de Uxío, pero a verdade, na miña xuventude non o entendía, escribía nun galego “extraño”. Agora ben, pasados os anos, incluso estando no Courel, cada palabra, cada verso colleu un profundo significado para mín. “Cain as follas” é a proba do meu propio crecemento artístico e por suposto persoal.

Neste traballo tamén aparecen dous remix de “Campo estrelado” e de “Vou namorada”, das mans de Marta Toro, e de Músculo!, onde eses temas son remesturados en clave de electrónica, house e dub, con unha invitación implícita ó baile ¿Como xurdiron estas colaboracións e porque decidiches incluilas no disco?

Me fascinan os remixes! Que outros ou outras artistas reinterpreten as miñas cancións é superinteresante e aperturista. Marta Toro máis eu coñecemonos fai uns 20 anos e aínda que traballamos xuntos moitas veces, esta foi a primeira versión de “Campo Estrelado”, por suposto algo máis tipo boceto, así que a orixinal tocada polos Messengers sería unha versión dunha versión anterior a este remix, entón cómo non ía a estar? E con Múculo! foi un namoramento como di a cantiga. Tocamos con eles no Wild Fest en Vigo o ano pasado e houbo moita química, xa que todos estábamos disfrutando moitísimo do seu show. O final intercambiamos impresións e uns días máis tarda xa estábamos traballando no remix. Súper fácil traballar con Álvaro e Raúl, a verdade que nunca imaxinaría un estilo así para un tema meu, pero deron no cravo.

Para pechar o disco rescatas “Tempo de Muller”, un tema que xa aparecía no teu primeiro traballo “Pisando el suelo que ves”, e que xa ten máis de dez anos, pero que, sen embargo, segue soando moi actual. Agora, máis que nunca, ¿é preciso cantar, berrar que son tempos de muller?

Ese foi o motivo polo que o recuperei. Ese tema foi escrito no ano 2006. O feminismo conseguiu facerse respetar e mudar o pensamento de moitas persoas, crear conciencia e admitir a misoginia que padece parte desta sociedade actual. Pero vemos que os demos e as visións patriarcais teñen moita necesidade de seguir impoñendo, invalidando e pisoteando os nosos dereitos e liberdades. Por iso “Tempos de muller” é un canto para a sociedade, para todos, para recordar que non vivimos nun segundo plano. Daste de conta cando estudias ciencias, historia, música ou filosofía… case non hai referentes femininos, este foi e é o momento de créalos, por iso son tempos de muller.

Para rematar, quixeramos saber en que escenarios soaron, ata o de agora, a música de Wöyza and The Galician Messengers, cal foi a resposta que vos transmitiu ó público, e que datas tendes diante para este ano.

Ata o de agora, dende Frankfurt ata Castrelos en Vigo, ou o Son do Camiño, todos os escenarios foron unha experiencia única, é certo que non tivemos unha xira apretada, pero é difícil contar con todos, porque os integrantes forman parte doutras bandas que tamén están en xira. Agora ben, o que che podo dicir e que todos somos moi felices cando tocamos xuntos, que hai moita admiración os uns cos outros e o público o percibe. Cando baixamos do escenario moitas veces nos comentan que radiamos felicidade. Qué bonito resulta.

Foto: Tamy Macías

Se el primero en comentar

Dejar un Comentario

Tu dirección de correo no será publicada.




 

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.