Volver a pagar polo roubado: unha sentenza inasumible para un Estado democrático

Instalacións do pazo de Meirás. (Foto: M Dylan / Europa Press)

UNHA SENTENZA HISTÓRICA EN PRIMEIRA INSTANCIA

O pasado día 12 coñecíase a resolución da Audiencia Provincial da Coruña ao recurso da familia Franco a respecto do Pazo de Meirás. Esta nova sentenza, en base ás alegacións presentadas polas persoas demandadas, revisa a emitida pola xuíza Marta Canales en setembro de 2020. Unha sentenza histórica pola que se determinaba que o inmoble era patrimonio do Estado en base a sólidos argumentos xurídicos apoiados no coñecemento histórico: a fraude que implica a existencia de dúas escrituras contraditorias (1938 e 1941); o uso e xestión por parte do Estado durante toda a ditadura, facéndose cargo de todos os gastos e levando a cabo innumerables obras; a presenza do Estado máis alá da morte do ditador, con persoal a soldo das arcas públicas traballando no Pazo ata 1990. A todas estas razóns de peso, determinantes á hora de establecer a consideración do edificio como un ben público, a sentenza sumaba outras consideracións moi relevantes: o exercicio represivo que caracteriza ao proceso polo que o Pazo chega a mans do ditador ou a súa entrega en calidade de Xefe do Estado e non a título particular, acreditada pola documentación pero tamén evidenciada por un contexto no que a identificación de Francisco Franco co Estado é total e existe unha indelimitación entre os ámbitos do público e o privado.

O TRIUNFO DUNHA REIVINDICACIÓN DEMOCRÁTICA DA SOCIEDADE GALEGA

Pois ben, o primeiro que a nova sentenza vén poñer de manifesto é que a evidencia de que o Pazo de Meirás é propiedade pública é tan firme que hoxe moi dificilmente pode ser posta en cuestión. O documento que sostiña que o ben pertencía á familia Franco, a escritura de compra-venda de 1941, corresponde a un negocio simulado, a un fraude. A finca xa fora adquirida á súa propietaria en 1938 pola Junta Pro-Pazo del Caudillo, co obxecto de doala ao Xefe do Estado. En 1941, para inscribila como propiedade particular, Franco, a través do seu apoderado Pedro Barrié de la Maza, asina unha nova compra-venda na que a vendedora volve a ser a mesma persoa que xa vendera o ben en 1938 e na que se sinala un prezo ficticio, pois xa fora pagada. A esta evidencia súmase o uso continuado por parte do Estado e os investimentos públicos realizados. É dicir, que Franco tería recibido o Pazo de Meirás en calidade de Xefe do Estado, tería manobrado, incorrendo nunha simulación, para converter esa doazón nunha compra-venda que acreditase a posesión particular do edificio pero, en contradición, as propias administracións públicas daríanlle consideración de residencia oficial e de edificio público, asumindo todos os custes. A conclusión non podería ser outra: o Pazo de Meirás é unha propiedade do Estado.

Esta afirmación, formulada pola Avogacía do Estado na súa demanda, aceptada na sentenza de 2020 e ratificada na de 2021, representa un fito democrático produto dunha reivindicación colectiva. Un proceso con longo percorrido no tempo que se caracterizou pola divulgación de investigacións históricas, as reclamacións da sociedade civil, a suma progresiva de vontades e a construción de

consensos en base a evidencias que dificilmente podían seguir sendo asumidas desde a perspectiva das institucións democráticas. O coñecemento dun pasado que nos avergoñaba como sociedade se non faciamos nada para mudar as súas consecuencias no presente. Neste contexto, a reivindicación social daba o salto ás institucións galegas (Deputación, Concellos e Parlamento galego) que acordaban a creación de órganos de estudo para a a incorporación do Pazo a patrimonio público, dos que nacerían informes clave para a recuperación do inmoble, sen custos para as arcas públicas, xa que este era un ben que xa pagara o pobo galego. Os informes concluían que o seguinte chanzo no camiño á recuperación do inmoble pasaba por que a Avogacía do Estado interpuxese unha demanda, como así fixo.

UNHA NOVA SENTENZA INACEPTÁBEL NUNHA DEMOCRACIA

Agora, cando semellabamos camiñar con paso firme cara á transformación do Pazo de Meirás nun referente de rexeneración democrática e de normalización da nosa relación co pasado traumático, a nova sentenza, que non contradí á primeira nos termos xa indicados, establece outras resolucións que afondan na dirección contraria. Fundamentalmente, porque manobra para satisfacer intereses moi cuestionables da familia Franco, retorcendo os límites da realidade e incorrendo en contradicións evidentes. Pero tamén porque tece un discurso acerca da ditadura que axuda a branquear o réxime, poñendo en dúbida conclusións das investigacións previas desde unha absoluta subxectividade e insultando á memoria das vítimas. No momento en que avanzabamos na ruptura co relato sobre a historia do Pazo de Meirás creado e difundido pola ditadura, unha sentenza colabora na consolidación de elementos dese relato e resolve que hai que indemnizar á familia Franco por un ben do que gozou sen que lle correspondese. Mentres, o mesmo goberno do Estado que interpuxo a demanda decide renunciar á posibilidade de presentar recurso e asume a sentenza como positiva para os seus intereses.

AFIRMAR QUE FRANCO POSUIU O PAZO DE MEIRÁS DE “BOA FE” É UN INSULTO Á MEMORIA DAS VITIMAS DO FRANQUISMO

O relator da sentenza considera que a familia Franco posuíu un inmoble que, en realidade, correspondía ao Estado, mais fíxoo “de boa fe”. Permaneceu allea aos fraudes, vicios, incongruencias e abusos presentes e todo o proceso polo que chegou ás súas mans e que caracterizaron tamén a xestión que se realizou do Pazo durante décadas. Non só os herdeiros do ditador, senón o ditador mesmo, que tería sido beneficiario das irregularidades cometidas por outros. Tampouco en Franco se advirte “mala fe”. E isto malia admitirse que era coñecedor de que o título posesorio era ilícito, e que, de feito, manobrou para legalizalo coa escritura fraudulenta de 1941. O relator debuxa a un Franco alleo ao que acontecía ao seu redor, trasladando as responsabilidades a terceiras persoas (Junta Pro-Pazo, Estado, o seu apoderado Barrié de la Maza) para liberalo a el das mesmas, o que non deixa de ser unha valoración subxectiva contraditoria coas probas documentais e testemuños presentados no xuízo.

A FAMILIA FRANCO NON SABÍA NADA

Entende tamén o relator que, sexa como for, a posesión de “mala fe” nunca podería ser achacada aos netos do ditador, porque esta condición non se herda. Eles foron propietarios en virtude dunha escritura, a de 1941, que acreditaba esa propiedade, e non tiñan por que coñecer a súa natureza fraudulenta. Poderiamos aceptar este argumento, malia as declaracións públicas continuadas nas que afirmaban que o Pazo fora un agasallo ao seu avó e que, polo tanto, non o mercara el, o que evidencia que coñecían esa contradición. Mais aínda dando por bo que eran descoñecedores desta realidade, hai algo que cómpre advertir. Os netos do ditador foron propietarios desde decembro de 2017. Ata ese momento foino a súa nai, Carmen Franco, e a súa avoa, Carmen Polo, a primeira dama, faleceu no ano 1988. Tamén elas eran descoñecedoras de todo o proceso e, xa que logo, propietarias «de boa fe»? Elas, que pisaron o pazo antes que o propio Franco, xa en 1938? Que estiveron presentes no acto de entrega do edificio?

Todo isto, ademais de proxectar unha determinada imaxe da ditadura e do ditador, ten unha consecuencia directa. Se os posuidores o son “de boa fe”, adquiren dereito a seren compensados economicamente polos gastos nos que incorreron, tanto os de mantemento como os de mellora, sen que poidan deducirse os ingresos percibidos polos Franco. Ingresos a compensar que entrarían no cálculo da liquidación posesoria de declararse a “mala fe” na actuación do ditador, e polo tanto con presumible saldo negativo para os Franco.

TEMOS QUE PAGARLLO TODO DESDE 1975. INCLUIDA A RECONSTRUCION POR UN INCENDIO QUE XA COBRARON

O relator fixa a data a partir da cal os gastos deben ser reembolsados: 1975, a morte de Franco. Entende que é a partir dese momento cando o Pazo perde a condición de ben público do Estado e pasa a ser administrado pola familia Franco, que corre cos gastos. Non ten en conta, a estes efectos, que o Estado mantivo un destacamento da Garda Civil ata o ano 1982 destinado no cuartel do Pazo coa función de vixiar a finca. Nin ten en conta que, ata o ano 1990, o Pazo de Meirás estivo custodiado por un Garda Civil que vivía no interior e realizaba tarefas de mantemento. Realidades ambas constatadas no xuízo e aceptadas como probadas en ambas sentenzas. Tampouco ten en conta que as únicas actuacións relevantes acreditadas pola familia no recente xuízo son as de reforma interior acometidas entre 1998 e 2000. As obras coas que se reformou o edificio para amañar os danos ocasionados por un incendio polo que percibiron do seguro máis de trece millóns de pesetas de 1978. Actuacións realizadas, por certo, en detrimento da estética orixinal do inmoble e sen os permisos da Xunta, preceptivos ao se tratar dun ben catalogado. É dicir, que un dos principais investimentos que alegan e polo que pretenden agora ser compensados foi unha reforma realizada 20 anos despois dun incendio polo que xa percibiron compensación.

Non é certo, xa que logo, que a familia Franco asumise todos os gastos de mantemento do Pazo de Meirás desde o ano 1975. Nin moito menos. De feito, ata finais dos anos 90 o Pazo permaneceu nun estado que rozaba o abandono e que contribuíu a acentuar o seu deterioro. Mentres, en paralelo e previa recalificación, vendían parcelas nas súas inmediacións que durante a ditadura recibiran fortes investimentos do Estado. Mentres, por outra banda, puñan todos os atrancos posibles á súa declaración BIC, impedían a entrada dos técnicos da Xunta e incumprían a Lei de Patrimonio Cultural ao non permitir as visitas. Que hoxe haxa que compensalos economicamente por teren gozado dun ben que non lles correspondía, sabendo ademais que o xestionaron con absoluto desleixo, con menosprezo cara ás leis e con profundo desprezo cara a sociedade galega, non semella ético nin xusto.

UN PAZO A TITULO PERSOAL PARA FRANCO, “ENVIADO DE DIOS”

A sentenza inclúe outras afirmacións que consideramos inasumibles. Por exemplo, o feito de que pretenda demostrar que o agasallo se efectuou a Francisco Franco en calidade de particular e non como Xefe do Estado. Que nos documentos da época se aluda ao Caudillo, Generalísimo, Salvador de España ou al Generalísimo de los Ejércitos y Jefe del Estado Nacional Excmo. Sr. don Francisco Franco Bahamonde acreditaría, a dicir do poñente, que o agasallo ía destinado á persoa particular, pois todos eses títulos fan referencia a el. Chégase a a afirmar o seguinte: “El apelativo de «Caudillo» se aplicaba a él, y a nadie más. Y se le presenta como un enviado de Dios. Mensajero divino no puede ser el Estado, ni la Administración General del Estado. Es una persona física”. Nin atende a un contexto no que resulta evidente que Franco é obsequiado por ser Xefe do Estado, nin se ten en conta que, ao realizar un agasallo a un cargo institucional, antes e agora, adoita concretarse o nome de quen nese momento detenta o cargo.

DESPREZO Á MEMORIA DEMOCRATICA. POSTA EN DÚBIDA DOS ABUSOS

Por outra parte, póñense en cuestión aspectos do relato histórico polo feito de estaren baseados en testemuños orais, como se non fose esta unha práctica habitual –tanto a nivel historiográfico como xurídico– cando non existen evidencias documentais e sempre que se analicen estas probas de xeito rigoroso. Négase, por exemplo, que existan probas de que as fincas lindeiras fosen tomadas pola forza. Admítese probado que, entre 1938 e 1941, ao erguerse o muro, incorporáronse fincas e alúdese a unha testemuña que narrou como “su abuela había sido desahuciada de su casa y privada de su propiedad violentamente”, mais, acto seguido, afírmase que “no puede confundirse la usurpación de las parcelas con la supuesta coacción para el otorgamiento de escrituras públicas transmitiendo esas propiedades”.

Tamén realiza o poñente consideracións improcedentes acerca dos métodos empregados na recadación. Realiza xuízos interpretativos carentes de rigor cando cuestiona se as achegas realizadas por cuestión popular foron relavantes. Afirma que “tampoco resulta relevante si las aportaciones fueron mayoritariamente voluntarias o se obtuvieron a punta de bayoneta”. Novamente, excúlpase a Franco ao indicar que “no hay constancia de que él solicitase esa actuación, la auspiciase o promoviese” e que a subscrición é anterior á adquisición do Pazo á súa anterior propietaria. Extremo este último abertamente falso, como se pode comprobar na documentación presentada ao xuízo pola acusación, na que se certifican entregas de diñeiro procedentes da colecta cando menos ata o ano 1940, cando Franco xa levaba dous anos facendo uso do inmoble.

O ESTADO NON PODE ASUMIR ESTE RELATO. DEBE RECORRER A SENTENZA

Todas estas razóns fan desta sentenza un documento inadmisible nun Estado democrático. Un relato que asegura a “boa fe” dun ditador e dunha familia que detentaron de xeito ilícito a posesión do Pazo de Meirás. Que implica compensalos economicamente. O Estado ten ferramentas para, cando menos, cuestionar ante un tribunal argumentos tan controvertidos. Se o fai, dará un paso máis neste camiño emprendido para saldar problemas non resoltos da nosa sociedade e do propio Estado español co seu pasado que se proxectan no presente. Un Estado que segue a ter graves dificultades para xestionar o exercicio á liberdade de expresión, no que investigar os crimes da ditadura segue a ser un risco para quen investiga, no que seguen a darse atrancos no acceso a arquivos e no que seguen a sorprender decisións da xudicatura que evidencian continuidades co pasado. Non é comprensible unha postura que non se enfronte ao que significan moitas das resolucións que se conteñen nesta sentenza. Unha postura que non cuestione esta distorsión da realidade para proxectar unha imaxe de Franco allea ao relato historiográfico e para volver a pagar polo que foi roubado, insultando, máis unha vez, a memoria de tantas persoas que tiveron que padecer décadas de insultos e de complicidades do Estado cos herdeiros do ditador.

Por todo isto, as persoas abaixo asinantes, reclamamos do Goberno do Estado que interpoña a través da Avogacía do Estado, os correspondentes recursos ante o Tribunal Supremo contra da sentenza da Audiencia Provincial da Coruña de 12 de febreiro de 2021, en base ao anteriormente manifestado, na defensa dos intereses públicos e dos valores democráticos que nos deben representar como sociedade. E como débeda histórica ás vítimas do franquismo.

Así mesmo reclamamos das outras partes adhesivas e personadas, Xunta de Galicia, Deputación da Coruña, Concello de Sada e Concello da Coruña, que insten á Administración Xeral do Estado á interposición de ditos recursos, e interpoñan ditas partes tamén os recursos oportunos.

Son promotores deste Manifesto, Manuel Pérez Lorenzo e Carlos Babío Urkidi, autores do libro Meirás. Un pazo, un Caudillo, un espolio (Fundación Galiza Sempre).

Be the first to comment

Leave a Reply

Tu dirección de correo no será publicada.




 

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.