Manifesto 50 anos do Setembro de 1972 en Vigo
O ferro metalúrxico forxou ao longo da historia contemporánea o carácter de clase definidor da nosa cidade.
A cabalo dos dous séculos que nos preceden, o proletariado fabril edificamos Vigo.
As ruínas orgullosas de ‘La Metalúrgica’, que resisten á deliberada condena a desaparecer, son testemuña viva dese ferro constructor, intimamente ligado ao sal atlántico que nos sitúa e proxecta cara o mundo.
As abandonadas instalacións da ‘Panificadora’, de Santa Clara ou de Bernardo Alfageme, constatan o xenuíno carácter operario do Vigo obreiro e mariñeiro, que gravou unha indelébel impronta proletaria, e que cumpre recuperarmos con decisión e orgullo.
Fomos nós, a clase obreira, quen eriximos Vigo. Fomos nós, o seu motor económico, perfilando e imprimindo o singular urbanismo, círculo concéntrico das esveltas grúas e arquitectura fabril, que emerxen entre a Ría e a serra do Galiñeiro.
Por moito que teimen en desfigurar e ocultar o mundo do Traballo industrial, nós somos a esencia de Vigo.
Vulcano, Barreras, Álvarez, Citroën, Refrey, Freire, Santo Domingo, Reyman, Plásticos de Galicia, Cardama, Censa, Forjas del Miñor, Carnaud, son algúns dos emblemas fabrís que contribuíron á construción do Vigo que hoxe coñecemos.
Foron os nosos avós e pais, decenas de milleiros dos homes e mulleres de orixe campesiña, que ao longo de varias xeracións, se asentaron nesta terras, na franxa ao sul da Ría, entre Coruxo, Teis e Cabral, para vender a súa forza de traballo, procurando novas oportunidades.
Para defender os nosos dereitos laborais e unhas condicións de vida dignas, erguemos ferramentas defensivas, construímos sindicatos, organizacións políticas de clase, eriximos no corazón de García Barbón, coas nosas mans e suor, a desaparecida e bela Casa do Pobo.
Soubemos loitar de forma organizada e unitaria contra os propietarios das fábricas e medios de produción, contra os que se consideraban donos da cidade, conscientes que só nos querían obedientes e sumisos para enriquecerse.
Para paliar a carencia de dereitos e liberdades, sempre activamos o poderoso método de presión e loita que ten a clase obreira: a folga.
A nosa historia como clase está tatuada de millares de folgas e paros, de manifestacións e loitas, sen as cuais seguiriamos padecendo unhas condicións de traballo miserábeis.
Nunca desfalecemos. Logramos levantarnos após a derrota que padecemos no verán de 1936, cando fomos esmagados polo golpe fascista, que pulverizou a experiencia secular acumulada, e liquidou fisicamente centenares dos máis comprometidos homes e mulleres do Vigo que alboraba para conquistar un futuro de xustiza social e liberdade.
Na primavera de 1962 marcamos a rota emancipatória. De forma organizada e unitaria fomos á folga contra os salarios de miseria, e o retroceso nas condicións de traballo adquiridas no período republicano, que impuxera a desorde fascista.
Abrindo un longo ciclo de loita, cuxo máximo expoñente foi setembro de 1972, emerxendo asíde novo, como suxeito histórico, como locomotora das arelas de liberdade e xustiza social do pobo traballador.
Durante dezanove intensas xornadas, paralizamos a práctica totalidade da industria, os servizos e o transporte da cidade, trazamos o camiño a seguir, ensaiamos a democracia obreira, desenvolvemos novas organizacións e métodos de combate, constatamos o inmenso poder da nosa clase, puxemos en xaque ao autoritarismo franquista.
O 50 aniversario do Setembro de 1972 non pode pasar desapercibido, reducido a un desvirtuado exercicio de arqueoloxía nostálxica. Reivindicamos con orgullo o espírito do 72!
Por esta razón, ao longo de 2022, realizaremos un conxunto de actividades conmemorativas da folga xeral que transformou a nosa historia entre 9 e 27 de setembro de 1972.
Apelamos ao conxunto do Vigo do Traballo, ás diversas xeracións obreiras, a participar activamente na recuperación da memoria histórica proletaria, porque nós somos os insustituíbeis alicerces de ferro e granito para construírmos o futuro que soñamos.
Vigo, novembro de 2021
Se el primero en comentar