Vigo será industrial ou non será

Por Alberto Gonçalves

A comarca de Vigo ten sido historicamente o motor industrial e pulmón económico de Galiza. Unha condición comprometida hoxe, por causa do efecto combinado da crise sistémica e das letais políticas aplicadas polos gobernos galego e español, por PSOE e por PP, e que teñen resultado nun grave proceso de desertización industrial que provoca que a nosa comarca fique inmersa nunha xa innegábel situación de emerxencia social, laboral e produtiva. Con máis de 40 mil persoas desempregadas no conxunto da comarca a evolución dos últimos anos ten sido a da continuada destrución de postos de traballo. O exemplifica de maneira rotunda  a cidade de Vigo onde hoxe hai 7.100 empregos menos dos que había hai unha década, xa en plena crise. Só no último trimestre destruíronse por volta de 2.500 postos de traballo, 400 en actividades industriais.

Os dous principais alicerces industriais da bisbarra, a construción naval e a automoción, atravesan hoxe momentos críticos. No naval vigués, outrora potencia internacional e que chegou a ter 10 mil postos de traballo, hoxe traballan menos de 2 mil persoas. O centenario estaleiro Vulcano semella abocado a un inminente peche e pairan serias dúbidas sobre o futuro de Barreras. As dificultades nos dous principais estaleiros vigueses teñen un efecto arrastre en contra da industria auxiliar, afogada polos impagos e pola falla de carga de traballo.

Na automoción asistimos nos últimos anos a unha vaga continuada de EREs, reducindo sensibelmente os cadros de persoal, pero tamén a un vertixinoso incremento da precariedade laboral. Cunha cada vez maior presenza de ETTs, empresas multiservizo e centros de especiais de emprego e co risco real da deslocalización. Máis intensidade no traballo, peores condicións laborais, menores salarios. Facer máis por menos. Unha evidencia clara da fórmula da explotación laboral.

Neste contexto, a factoría matriz, do grupo PSA xa non disimula a intención de deslocalizar produción a outras plantas. Así vese polas infames declaracións do seu máximo responsable lamentando que en Vigo se perciban salarios superiores aos da recén aberta factoría de Marrocos. Unha queixa pronunciada por boca dun alto executivo que percibe 18 mil euros ao día nunha empresa que nos últimos tres anos aumentou os dividendos para os seus accionistas por volta dun 62% e que fechou 2018 con beneficios de preto dos 3 mil millóns de euros. Cifras que confirman, para quen o dubide, que segue plenamente vixente a loita de clases e que no capitalismo os beneficios duns poucos son sempre a costa da explotación de moitos.

Á crise industrial e o seu impacto brutal no conxunto da actividade produtiva e económica da comarca, engádese tamén o efecto letal das políticas de recorte e privatización dos servizos públicos, de maneira especial na sanidade, que se ten traducido en que só na cidade de Vigo hoxe haxa case 3 mil empregos públicos menos dos que no 2009.

Ao Hospital Álvaro Cunqueiro recortado e privatizado, engadiuse o desmantelamento de boa parte do Meixoeiro e agora tamén a venda de Povisa a un fodo buitre norteamericano, poñendo en risco a atención sanitaria de case 140 mil persoas e arredor de 1.500 postos de traballo. Entre o canon que se lle paga á UTE que construíu o Álvaro Cunqueiro e o concerto especial que se lle abona a Povisa, cada ano o Sergas transfire máis de 150 millóns de euros de diñeiro público ao peto destas compañías privadas.

Para a Confederación Intersindical Galega (CIG) resolver favorabelmente a crise industrial e garantir os servizos públicos pasa, en ambos os casos, por unha decidida intervención pública. No caso do sector naval, que é un sector estratéxico para Vigo e Galiza, o futuro só pode pasar por tomar o control público de Barreras e Vulcano, reunindo este último estaleiro as mellores condicións para poñer en marcha nas súas gradas o tan reclamado Centro de Reparacións Navais da Ría de Vigo. Por que non pode ter a nosa comarca un grande estaleiro público ou semipúblico que garanta a continuidade da actividade e o emprego como que existen noutras partes? Esa é a pregunta. Esa intervención pública que nos reclamamos sen complexo ten que materializarse tamén na absorción de Povisa polo Sergas, para garantir o dereito a ter unha atención sanitaria cento por cento pública, gratuíta, universal e de calidade.

Serían dúas decisións clave, imprescindibles para evitar que a comarca de Vigo acabe sendo vítima do devalar que erosionou hai décadas bisbarras como Ferrol. Mais que teñen que ser acompañadas por unha mudanza radical nas políticas sociais, laborais e industriais, tanto da Xunta como do Goberno español. Poñendo en marcha unha Mesa Galega da Automoción que lle permita ao noso tecido produtivo competir en innovación e valor engadido, e non en precariedade e baixos salarios. Creando unha tarifa eléctrica industrial galega que permita rebaixar os custos enerxéticos, como xa se fai en Euskadi, facendo valer o feito de ser Galiza un produtor neto de enerxía. Mais tamén botando a baixo todas as reformas laborais que permitiron e incentivaron a destrución do emprego, a precariedade laboral e o empobrecemento das clases traballadoras e populares.

Sobre esa táboa reivindicativa a CIG, sindicato maioritario tanto en Vigo como en Galiza, impulsamos unha gran manifestación comarcal para o vindeiro día 30 de outubro, que partirá ás 20h desde Vía Norte, baixo o lema “S.O.S. Vigo: polo futuro industrial da comarca, emprego digno e servizos públicos”. Chamamos a toda a clase traballadora, ao estudantado, ás desempregadas, aos pensionistas, a sumarse a un clamor masivo para esixir o noso dereito a vivir con dignidade do noso traballo na propia terra.

Alberto Gonçalves é Secretario Comarcal da CIG en Vigo.

Se el primero en comentar

Dejar un Comentario

Tu dirección de correo no será publicada.




 

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.