Os e as manifestantes percorreron as rúas con cánticos republicanos: «Para mudalo todo, República do pobo», «Monarquía e capital, alianza criminal», «República queremos, por ela loitaremos», ou «Contra a impunidade do franquismo».
Por Redacción NR
Este pasado domingo 14 de abril, convocados e convocadas pola Asemblea Republicana de Vigo, centos de vigueses e viguesas e cidadáns da comarca participaron na manifestación pola República que discorreu polas rúas da cidade olívica.
A marcha arrincou por volta das 12:00 dende o cruzamento da Vía Norte coa rúa Urzáiz e finalizou, á beira da rúa da II República, en plena Porta do Sol, onde o 20 de xullo de 1936 os militares rebeldes deron lectura ó bando de guerra que deu o comenzo á longa noite de pedra da ditadura franquista.
Os e as manifestantes percorreron as rúas con cánticos republicanos: «Para mudalo todo, República do pobo», «Monarquía e capital, alianza criminal», «República queremos, por ela loitaremos», ou «Contra a impunidade do franquismo».
Nun mar de bandeiras republicanas, tamén se fixeron visibles as de distintas forzas políticas, PCG, Podemos, PCTG, PC (m-l), e as faixas da Plataforma Galega pola Terceira República, Esquerda Unida e Podemos. Tamén houbo na manifestación unha presencia nutrida de bandeiras palestinas, e houbo un momento de lembranza para ese pobo, fronte o Consulado alemán, país que prohibiu fai uns días a celebración dun congreso sobre Palestina.
A mobilización contou cunha nutrida participación xuvenil, amosando que a República e os seus valores están moi vixentes nas novas xeracións, que empurran con forza e entusiasmo por un cambio de réxime.
A xornada rematou coa lectura do manifesto a cargo do actor, veciño de Redondela, Eduardo Rodríguez Cunha, Tatán:
“Quizais porque estes días andei a gravar na Illa de San Simón unha película dirixida por Miguel Angel Delgado que fala desde a mirada dos presos, das difíciles condicións que padeceron para sobrevivir ou morrer nalguns casos asanidados pola violencia fascista dos golpistas do 36, quizais por iso podo expresarme hoxe máis emocionado diante de vos para reivindicar unha vez máis desde esta tribuna a necesidade de que a República, a vosa e nosa República chegue aos nosos fogares canto antes.”
“Quero lembrar aquí que este ano celebramos o 50 Aniversario da Revolución dos Cravos en Portugal. Que nos sirva de exemplo para esa transición pacífica a un merecido Estado Republicano. Que a Grándola Vila Morena acompañe hoxe máis que nunca a nosa memoria e que o seu exemplo e o seu cantar se espalle desde o Miño ata Granada onde o poeta foi asasinado.
Neste 14 de abril, máis que nunca reivindicamos a Illa de San Simon como Illa da Memoria, como a Illa dos homes e mulleres que loitaron e sufriron en silencio para que moitos dos que estamos aquí chegásemos a ser quen somos e defender nos lugares comúns o ideal republicano.”
“Se somos republicanos é porque amamos e queremos a liberdade de expresión, e porque temos memoria e a reivindicamos como pasado e presente, porque ofrecemos a nosa casa a quen procura refuxio, porque somos críticos cos poderes impostos.”
“Que a Illa da Memoria sexa o exemplo a defender, a nosa bandeira para que os nosos antepasados se sintan orgullosos de nós alá onde estean porque a eles foi a quen arrebataron a súa bandeira e nós os seus lexítimos herdeiros.”
“Lembro hoxe aquí a Humberto Baena Alonso e aos seus compañeiros, a Manuel Barros “Sabelón”, Raimundo Cal, Santiago Rodríguez Salinas, meu pai, Suso de Toro, Lola Galovart, á familia Francés do Porriño, a Félix Cal, a miña avoa Antonia mestra Republicana… e outros máis que axudaron a fortalecer a miña conciencia de Republicano, actor e titiriteiro e que hoxe me expreso aquí con orgullo.”
“E como republicano non quero deixar pasar que hoxe estamos asistindo a un xenocidio en directo, unha masacre absoluta que leva por diante vidas de mulleres, nenos e homens da forma mais bestial e inhumana que se poida imaxinar, cometida polo nazisionismo que dirixe o ilegal estado ocupacionista de Israel e que recibe o soporte económico de unhas elites que pertencen a unha clase social concreta, a mesma que financiou o golpe de estado fascista do 36.”
“O meu total apoio á República do Sáhara e fin á ocupación de Palestina e constitución dun Estado Palestino a partir das fronteiras do 67, viva o Sáhara Libre, viva a Palestina Libre e solidaria.”
“Viva a República das boas e xenerosas”, berrou Tatán ó rematar o manifesto.
Á gaita e ó violín, Antón Sánchez e Laura Quintillán puxeron fin a xornada de loita, co himno galego, o himno de Riego e a Internacional.
Se el primero en comentar