Un peixe e unha culler

HOMENAXE A CHATO GALANTE, INCANSABLE LOITADOR POLA XUSTIZA

@MontseFajardoP

Por Montse Fajardo / integrante da Iniciativa Galega pola Memoria

Querido Chato:

Un ano vai xa. Un ano. O mesmo que tivemos na Galiza para aprender de ti. Tanto en tan pouco tempo. Foi un ano estraño este, como se levaras contigo todas as apertas, todos os beizos que se abrían nun sorriso nada máis verte… Penso que non che ía gustar este tempo. Hai demasiado medo, demasiada soidade, e todas as bocas fican tapadas. Mais, iso si, sorrirías ao saber que nin con esas conseguiron calarnos. Na Terra dos rumorosos da costa verdecente que ti cantabas a berros co puño en alto, seguimos avanzando no camiño que marcaches. Sabes que os salmóns migran desde o océano para remontar o río e deixan unha nube de desove na parte máis alta? Esa viaxe, que coincide co final do seu tempo, posibilita que continúe o ciclo con novos peixes que atravesarán tamén o océano. A min gústame pensar que Galiza foi a túa remontada. Que espallaches aquí a túa mensaxe final contra a impunidade, para que tivésemos crecida de río e o curso da auga se fixese imparábel.

É imparábel.

Neste ano duro houbo tempo tamén para a vitoria. Para as pequenas fazañas e as fazañas grandes. Para novas xornadas contra a impunidade, para novas querelas de familias galegas, para lembrarte en San Simón, e para unha sentenza histórica en Meirás. Claro que chegaron os de sempre e quixeron tombala, mais tiramos de culler e seguimos cavando, coma facías ti, aos poucos, para lograr atopar algo de luz no túnel inmenso que aínda nos separa da verdadeira democracia, a que garanta a verdade, a xustiza e a reparación para todas as vítimas do franquismo. Seguiremos sempre cavando para gañar esta guerra na que ti empregaches tantas batallas.

Dáme pudor escribir que é duro loitar sen ti, que te botamos de menos. Que dirá La Comuna de Madrid? Que dirá Almudena? Que dirá Gus? Que dirá Justa do carpir do pobo galego, que chora a inxustiza de só poder vogar contigo un ano?… Pero é así: temos morriña de ti, Chato, temos saudade. Precisabamos da túa constancia, da túa clarividencia, da túa humanidade a esgalla para poder dar pasos con máis folgos. Sabes que os costumes do salmón poden alterar a orografía dos leitos dos ríos? É incríbel, verdade? Que un animal tan pequeno, de maneiras tan suaves, poida mudar o que leva séculos sedimentando. Pois é así, e como fan os peixes, farémolo nós. Colleremos a lección que espallaches na viaxe derradeira e mudaremos os cimentos do Estado, desfaremos o que ficou atado e ben atado e sairemos do túnel co puño en alto.

Logo brindaremos por ti, compañeiro. Pola sorte de terte visto brillar coma salmón no salto, nese breve anaco en que a vida che levou a remontar o Miño coa túa culler na man.

Artigo publicado en NR o 31/3/2021

Se el primero en comentar

Dejar un Comentario

Tu dirección de correo no será publicada.




 

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.