![]()
Entrevistamos a Susana Garrido Pombo, cantante, música e compositora gallega.
Por Angelo Nero | 31/03/2026
Conversaba fai uns anos con Su Garrido Pombo, no bar de Fermín, no Mirador, a uns pasiños da Horta do Berbés que agora sepultou o ladrillo e o formigón, daqueles patios de luz do Calvario, e das viaxes da súa infancia dende aquel barrio vigués ata o seu cerne, Traspielas, unha aldea de Fornelos de Montes, onde xurdiron as súas primeiras cancións. E precisamente o seu novo proxecto, é un retorno a eses orixes, recorrendo unha estrada con máis curvas das que temos que sortear na vida, que deu en bautizar con ese anaco da sua xeografía emocional: Traspielas. Máis este non é un retorno ó pasado, ou non so, pois nesta nova paisaxe sonora hai moita tradición, é certo, máis tamén moitas portas abertas ó presente, a electrónica e mesmo a un soporte audiovisual que nos sorprendeu na súa presentación no Auditorio do Concello de Vigo, en decembro do ano pasado. Alí, sobre o escenario, Su Garrido Pompo, uniu a súa voz á Macarena Montesinos (cello), Iago Ramilo (saxo), Marco Maril (electrónica) e Fran Rodriguez Casal (visuais), para mergullarse na memoria colectiva dun pobo, a través dun recital que mesturou música, poesía, vídeo, e que volverá a subir ós escenarios da sala Artika, en Vigo, o próximo 10 de abril.
Traspielas ten moito de reivindicar o colectivo, a esas mulleres que traballaban a terra cantando, a transmisión da tradición oral, e do noso xeito de celebrar, como os seráns, ¿que importancia ten o noso patrimonio inmaterial, os nosos bailes e cantigas, na conservación da nosa cultura popular?
Cando eu penso na música, no canto, no baile, non penso en conservación, non penso en algo illado da vida. O canto, o baile, forma parte da vida. Como todo se espectaculariza, parece que a música, o teatro, e algo fora da vida cotiá, pero eu estou segura de que cantar e bailar é parte da vida, non podes velo como algo que ameniza o teu día a día. Eu sempre parto desa base. A música é central, e na nosa tradición oral, cantábase traballando, nos ritos relixiosos, nos xantares, e nós, aínda que perdemos algo diso, seguimos mantendo esa tradición. Bailábase case sempre, tamén. Eu non quero conservar nada, quero seguir. Non quero pensar en tempo pasado. Reivindico este presente. Transpielas é, non foi, sigue sendo. Cambiou o xeito de vivir, pero a música, e a poesía, que naceron xuntas, son parte esencial da vida.
A min non me gusta a palabra conservación. Na música tradicional caese moito nisto de conservar tal cal era, pero non se pode, porque xa non somos os mesmos. Coidar, convivir, compartir… Conservar só debe utilizarse para as conservas.
¿Queres con este proxecto por en valor esas tradicións coas que medraches na túa aldea?
Quero continuar con esa tradición, e é o que facemos. Tanto nós, como músicos, como os que escoitades, aínda que é algo cíclico, porque seredes os que cantan, os que bailan, é parte da sociedade. Traspielas non é un espectáculo, nin unha representación, o que facemos no escenario é, non intentamos evocar ese pasado, nin representalo, e esa xente que sae nos nosos audiovisuais está presente tamén, no que somos hoxe en día.
Na túa aldea, durante a longa noite de pedra, a música e o baile tamén foi un acto de resistencia, sobre todo para as mulleres, sen embargo, na década dos setenta os seráns deixaron de facerse en Traspielas, pola emigración, ¿cando comezou a recuperarse as coplas e os puntos de baile, e a conciencia da importancia que tiña ese tesouro colectivo?
A música nesta zona, como en moitos outros sitios, cuidouse porque non había acceso, non había estradas, é había moi pouco contacto co exterior. Nas zonas urbanas, na costa, perderon antes esa tradición, pero en Traspielas, Outón, Mondariz, en todo este val, as mulleres, que traballaban no campo ata fai moi pouco conservaron esta música que está ligada ó territorio, que fala da terra, do día a día, e non cambiou durante moito tempo, e seguiu tendo un sentido. Logo se transforma, cando a xente se vai vivir ás cidades, cando penetra a música pop da radio, e é normal que cambie, outra cousa é o desprezo que houbo por esta tradición. O desprezo en xeral ó rural, a un tipo de vida colaborativa, comunitaria, durísima por outra parte, non estou romantizando nada, pero moito menos individualista que a de hoxe en día. Tamén cambiou con isto o xeito de relacionarnos coa música, se espectacularizou, se converteu en negocio. Non é so as melodías o que me interesa, nin os bailes, senón tamén o contexto: Por que se bailaba? Por que se cantaba? Porque era parte da vida. Como deixamos que nos quiten isto e se converta nunha mercaduria?. Se deixamos que pase iso deixa de ser noso, e se converte en algo alleo.
Agora estamos a vivir unha posta en valor do tradicional, máis mesturado con sons actuais como a electrónica, e que están tendo moito éxito entre a xente moza, como as Fillas de Casandra ou Mondra, ¿dalgún xeito, sentes que esa corrente trad é unha forma de que a nosa xuventude se sinta identificada coas nosas raíces?
Absolutamente. Xa o uso do galego paréceme marabilloso. Tamén é algo xeracional. A xente nova tamén busca xente máis nova. É fantástico que haxa unha revalorización da lingua, da música, das raíces, e con iso que veñan cousas como estas.
Para a gravación do disco de Traspielas se recorreu a unha campaña de micromecenazgo, como outro xeito de invocar a enerxía do colectivo ¿cal foi a resposta dos vosos seguidores e cando terán o disco nas súas mans?
Aparte de que por que necesitabamos a pasta, aínda que hai outros xeitos de conseguila, esta música está relacionada co traballo colaborativo, asociativo, non tiña sentido cantar ti soa, cantábase na veiga, con máis xente, e pensamos que montar esta campaña de micromecenazgo era un xeito de involucrar á xente, para que participe nisto, para que sexa parte de Traspielas. Gústame o de Trapielas porque nunca sabes se falo da aldea ou do proxecto, non hai unha diferencia entre o que pasa no escenario e o que pasa alí.
A mediados de abril iremos o estudo de gravación, despois master, mestura, deseño, fabricación… así que o teremos para novembro.
![]()
Aínda que ti sexas a voz do proxecto, cobra moita importancia as “voces” de Macarena, Iago e Marcos, dende as cordas, os ventos ou a electrónica, e máis que acompañarte semellan ser un colectivo que non sería doado que funcionase doutro xeito, ¿pensas que é así?
Totalmente. De feito tamén a elección dos músicos, aparte de que son colegas e súper profesionais, a instrumentación na que pensei era algo máis contrapuntístico que harmónico. Podía escoller guitarra, ou piano, pero a escolla que quería eran instrumentos que, como dis, fosen voces, que funcionan uníndose, separándose, e realmente estamos dialogando uns con outros. Non é que eles me acompañan a min.
Iso notase no escenario…
Pois isa era a idea, alédome que mo digas. Non é Su Garrido Pombo acompañada de, somos Traspielas, o nome é colectivo, a idea é colectiva, o grupo é un colectivo. De feito, estamos todos ó mesmo nivel, o xeito de colocarse no escenario, a iluminación, os audiovisuais, que é outra voz, están orientados a isto. Hai que ser moi ignorante para pensar que unha persoa soa poida sobrevivir neste mundo, precisamos do colectivo. Poñer fronte o individualismo a forza do comunitario é o que queremos mostrar con este traballo. A voz é certo que tende a ter máis protagonismo, pero aquí todos os instrumentos están ó mesmo nivel, todas as voces son importantes. Partimos ademais dun canto de serán, que é unha chamada, e cantamos todos á vez. E rematamos cunha nana cantando todos xuntos, como invocando algo. Non está a banda ó servizo de ninguén, e tamén está o público que creo que o percibe e entende que tamén e parte diso, desa celebración colectiva.
Na presentación de Traspielas, e en vídeos como “O Vira”, atopamos escenas doutro tempo, dun tempo que semella que se perdeu, aínda que grazas a proxectos coma este quizais non, ¿foi doado atopar documentos gráficos daquelas foliadas da aldea?
As primeiras cámaras chegaron nos oitenta. Coincidiu que naquel momento un par de veciños mercaron cámaras, e gravaron esas imaxes. Logo temos a Fran que é un artista visual, e manipulou todas esas imaxes, con moito cariño, dixitalizounas, e aportou tamén o seu propio material, no so tirou de arquivo, el é fotografo e cineasta, e tiñamos dende o principio clarisimo que tiña que estar no proxecto. El dirixiu Patios de Luz, que se presentou no Festival de Cans, e forma parte dunha grupo de cineastas moi interesante que se chama Memoria e Cinema. O de engadir ó audiovisual é para mostrar que a tradición pode ser moi vangardista, como eran as señoras dos seráns.
No repertorio deste disco hai moitas cancións populares, xotas e muñeiras, que falan dos ciclos vitais, do traballo e das festas, ¿hai algunha temática que sexa predominante nestas coplas?
A min paréceme súper interesante o xeito de relacionarse coa natureza, de ser parte do medio. Agora estamos perdendo parte desta linguaxe. Por exemplo “Carballo que das as landras”… estás falando co carballo, e iso xa non é habitual, agora temos unha distancia coa natureza, como se non foramos parte dela. Esa cousa de falar das árbores como se fose un veciño, porque tiñan claro que dependían deles, e iso reflexase nas coplas.
Tamén inclúes unha canción en castelán, “18 de julio”, que apela á nosa Memoria, a esa loita contra o esquecemento na que te involucraches tantas veces, ¿por que en castelán e por que no medio deste serán decides meter un tema como este?
Porque é parte da nosa historia, da nosa Memoria. Está en castelán porque foi creada así e apela a un momento histórico, non tiña sentido traducila. O tema da Memoria é importante, todos temos feridas que pechar, e hai que saber como pechalas, falando delas, curándote, intentando entender ó outro, saber o que pasou realmente. Ou as feridas se curan calando? O silencio non cura. Hai que airear as feridas, para curalas. Outra cousa da que queríamos fuxir con este proxecto e o da música como festa. A música é parte da vida, non é so festa, está xenial para bailar nas romerías, pero non é so isto, é parte de todos os momento vitais, e “18 de julio” é parte da ferida, é parte do trauma, e de cousas que arrastramos. Tamén hai unha canción de berce, o romance de Dona Silvana, hai cancións da emigración portuguesa…
Traspielas tamén é unha homenaxe a túa avoa e a todas as mulleres da aldea que mantiveron a nosa tradición musical, os nosos bailes e costumes, cando non era doado facelo. Ben se veu esta homenaxe na presentación en Vigo, na que estabas rodeada de moitas das túas veciñas, ¿como sentiches esa enerxía feminina dende o escenario?
Non é unha homenaxe. Son elas. Somos nós. Son as que estamos, as que veñen, son os homes tamén, somos nós. Eu o sinto tan vivo, tan presente, que non me gusta falar de homenaxes. Isto é unha celebración colectiva do que somos. E cando digo celebración non digo so festa. Nas celebracións tamén hai choros, e moitas cousas. Pero é algo que está vivo, non estou conservando nada.
Se el primero en comentar