Solicitada a retirada de medalla ao mérito no traballo a Pedro Barrié de la Maza, Jose María González-Llanos y Caruncho e José Fariña Ferreño

Nunha carta dirixida á ministra Yolanda Díaz, Manuel Monge, membro Colectivo de presas e presos políticos de Ferrol na ditadura, urxe a retirada desta distinción a tres colaboradores da ditadura franquista.

Por Manolo Monge | 23/11/2024

Manuel Monge González, como sociólogo, investigador, vítima do franquismo e membro de Colectivo de presas e presos políticos de Ferrol na ditadura, rexistrou hoxe ás 9:12 horas na Subdelegación do Goberno da Coruña) un escrito para Yolanda Díaz, ministra de Traballo e Economía Social, que inclúe unha ampla documentación nos anexos, que xustifica a retirada das seguintes distincións:

Medalla de Ouro ao mérito no traballo a Pedro Barrié de la Maza

Amigo persoal do ditador Franco, que distinguiu a Barrié co título de Conde de Fenosa e procurador das Cortes franquistas de 1946 a 1955; Barrié apoiou a sublevación fascista do 18 de xullo de 1936 e subvencionou o exército de Franco, exerceu a represión contra os traballadores do Banco Pastor, seguindo as instrucións de depuración do Goberno de Franco, e tivo unha actuación fundamental no espolio do pazo de Meirás e da Casa Cornide para beneficio da familia do ditador Franco.

Barrié perde o título nobiliario de Conde de Fenosa, en aplicación da Lei de Memoria Democrática, pero aínda conserva distincións en numerosos concellos de Galiza, entre outras: rúas en Ferrol e Fillo Adoptivo (16-6-1967); Medalla de Ouro da provincia, concedida a título póstumo pola Deputación da Coruña (17-5-1971). Fillo Adoptivo de O Barcos de Valdeorras (12-8-1947). Na Coruña da nome a unha avenida e ao dique de abrigo, ten a Medalla de Ouro (5-4-1963), un retrato no palacio municipal de María Pita.

Medalla de Prata no traballo a José María González Llanos y Caruncho

Súmase á sublevación militar de 1936 embarcando como Capitán de Corveta no cruceiro Canarias o 7 de agosto de 1936 e participando na batalla de Cabo Espartel no afundimento do destrutor Almirante Ferrándiz da República. Contralmirante honorario na ditadura (1958). Medalla de la Campaña, condecoración concedida entre 1938 e 1939 para distinguir intervencións en operacións bélicas ou servizos (tiña tamén esta distinción Gabriel Pita de Veiga, almirante e ministro de Mariña na ditadura); Medalla de Prata de Ferrol (17-4-1943), que recibirían tamén os ministros da ditadura José Ibáñez Martín e Alfonso Peña Boeuf; Fillo Predilecto de Ferrol (3-6-1968) e Fillo Adoptivo de Fene (28-10-1968).

Medalla ao Mérito no Traballo na súa categoría de ouro a José Fariña Ferreño

Estreito colaborador de José Calvo Sotelo, enlace desde Portugal cos militares golpistas de Andalucía. Fariña Ferreño era unha persoa de confianza do ditador Franco e unha peza importante na represión fascista. Está ao fronte da Delegación de Información de Residentes en Madrid (DIDREM), que recolle información sobre as persoas que se encontraban en Madrid, e con posterioridade no resto do territorio sometido polas tropas franquistas, e cuxos datos foron empregado con fins represores durante a guerra e, particularmente, cando finaliza esta. Ten a Medalla de Prata da Coruña (6-6-1950), Medalla de Ouro (25-9-1962), ten tamén unha rúa no barrio do Castrillón; Fillo Predilecto da provincia da Coruña (27-6-1953); Medalla de Ouro de Santiago (23-12-1965); rúa en Vilagarcía.

O artigo 10.1.b do Real Decreto 153/2022, de 22 de febreiro, de Regulamento da Medalla e a Placa ao Mérito no Traballo xustifica a retirada destas medallas: “Poderá ser revogada cando quede acreditado que a persoa beneficiaria, antes ou despois da concesión, con motivo de formar parte do aparello de represión da ditadura franquista, realizase actos ou observado condutas manifestamente incompatibles cos valores democráticos e os principios reitores de protección dos dereitos humanos”.

Espero que esta información sexa útil para o voso trabalo e teña unha ampla difusión porque, como sinala o preámbulo da Lei 20/2022 de 19 de outubro de Memoria Democrática: “A historia non pode construírse desde o esquecemento e o silenciamento dos vencidos. O coñecemento do noso pasado recente contribúe a asentar a nosa convivencia sobre bases máis firmes, protexéndonos de repetir erros do pasado. A consolidación do noso ordenamento constitucional permítenos hoxe afrontar a verdade e a xustiza sobre o noso pasado. O esquecemento non é opción para unha democracia”.

Axunto o texto íntegro do escrito.

Carta á ministra de traballo Medallas a Pedro Barrié e outros reducido

Se el primero en comentar

Dejar un Comentario

Tu dirección de correo no será publicada.




 

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.