Senén Pousa, o dinosauro franquista

Se viviramos nunha democracia plena un alcalde como Senén Pousa, que leva facendo dende o seu cargo unha apoloxía continuada da sanguenta ditadura que asolou ó estado español durante anos, e que na Galiza adquiriu o carácter de Xenocidio, debería estar inhabilitado

Por Angelo Nero

Cuando despertó, el dinosaurio todavía estaba allí”. Este xenial relato do guatemalteco Augusto Monterroso, considerado como a narración máis breve da literatura universal, ben podía haberse inspirado no alcalde do pequeno municipio galego de Beade, Senén Pousa, un verdadeiro dinosauro político, que permanece ó fronte desta alcaldía dende 1974 -cando aínda non se facían eleccións municipais, nin de ningún outro tipo, xa que, lembremos, vivíamos nunha ditadura-, e que despois de 49 anos ó fronte da administración municipal, quere revalidar o seu cargo de rexedor nas próximas eleccións do 28 de maio.

Se viviramos nunha democracia plena, homologable, ó menos, á que existe en Alemaña ou Italia, un alcalde como Senén Pousa, que leva facendo dende o seu cargo unha apoloxía continuada da sanguenta ditadura que asolou ó estado español durante anos, e que na Galiza adquiriu o carácter de Xenocidio, debería estar inhabilitado e expulsado do despacho do concello onde, aínda en 2013, seis anos despois de ser aprobada a primeira Lei de Memoria Histórica, posaba desafiante baixo o retrato do ditador, ó que mantén homenaxe denominando á rúa principal do pobo, a que pasa fronte ó edificio do concello, como rúa do Caudillo.

¿Pódese imaxinar alguén que na Alemaña un alcalde, aínda que sexa do pobo máis pequeno de Baviera, mantivera o retrato de Adolf Hitler no seu despacho, e que puxera o nome do Führer a calquera das strase do seu concello?. “Mentres eu sexa alcalde, e me vou volver presentar e ganarei como sempre con maioría absoluta, non lle vou a retirar o nome”, declarou o octoxenario rexedor.

Cabaleiro templario e membro da Fundación Francisco Franco -cuxa soa existencia segue ofendendo á memoria das súas vítimas-, este dinosauro ourensán que cada 20 de novembro presidía unha misa en honor ó xenocida, e pagaba esquelas nos periódicos lembrando a “Franco, Primo de Rivera e todos os caídos”, gobernou este pobo da comarca do Ribeiro, de menos de catrocentas almas, primeiro baixo designio das autoridades franquistas, despois, nas primeiras eleccións democráticas, baixo as siglas de Coalición Democrática -a plataforma de agrupacións políticas herdeiras do vello réxime, liderada pola Alianza Popular do ministro franquista Manuel Fraga- e despois coas siglas de Centristas de Galicia -tamén en coalición con Alianza Popular- e dende a creación do Partido Popular sempre baixo o seu paraugas, logrando sempre maioría absoluta.

Agora preséntase encabezando a lista da Agrupación de Electores por Beade, despois de pelexarse coa dirección provincial do Partido Popular. “O PP me traizoou; en particular, o seu presidente provincial, e creo que o vai pagar porque vai perder a Deputación. Eu son moi amigo de Feijóo, e do actual presidente da Xunta, Alfonso Rueda, pero o que fixo o partido non me pareceu ben”, declarou á axencia EFE.

Nas anteriores eleccións, en 2019, a lista do Partido Popular, encabezada por Senén Pousa, logrou catro concelleiros, por tres que conseguiu a oposición do PSOE. Nestas eleccións, o dinosauro franquista, ademais de competir coa lista socialista, e coa dos nacionalistas do BNG, terá que enfrontarse á dos seus antigos compañeiros do PP, cunha lista apadriñada polo presidente da Deputación, e con outra Agrupación Independente de Electores.

Se el primero en comentar

Dejar un Comentario

Tu dirección de correo no será publicada.




 

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.