Por Daniel Seixo

Vin a toda a minha xeración consumida pola branca companheira,
talentos desbordados desperdiciados en locais nocturnos
entre a desesperanza do non hai futuro
e a accesíbel adicción a unha marcha máis
a unha emoción máis.
Vin a mozos afogados na depresión do MDMA
a ansiedade do speed
ou a errática costume diaria do hachis e a marihuana.
Talentos picados e preparados en pequenas doses
para a súa posterior comercialización,
orixinalidade desperdiciada co corte barato da covardía
sentimentos ocultos baixo unha capa de olheiras e lentes de sol.
Manhás acumuladas a golpe de decepcións, desamores e medo ao compromiso
velhos revolucionarios abrazando a sinxela conformidade dun falso nihilismo.
Tantas noites parloteando dunha revolución que nunca fixemos
anhelando un amor polo que nunca loitamos
ou simplemente xogando a ruleta co noso futuro.
Vin a homes e mulheres tratándose como estranhos baixo o peso dunha mesma bota
a toda unha xeración vendendo a súa alma ao dianho
rebeldes adictos á depresión
e ás drogas…
Unha vangarda xa sen paixón
sen medo
sen conciencia,
sen poesía.
Se el primero en comentar