Por Alberto Gonçalves
A crise produtiva, agudizada pola crecente desertización industrial que bate con forza na comarca de Vigo, está a colocarnos nunha situación límite. Vémolo con claridade no momento crítico que atravesa o sector naval con Vulcano a piques de desaparecer definitivamente e Barreras con serias dúbidas sobre o seu futuro. En xaque o futuro dunha actividade imprescindible para toda unha comarca.
Resignarnos a ollar impasibles como sectores estratéxicos, como o naval, retroceden até case desaparecer é tanto como asumir como inevitable que o único ao que podemos optar é entre o desemprego, un traballo ultraprecario ou a emigración. Non podemos permitírnolo. Non podemos renunciar ao dereito de vivir con dignidade dun traballo na propia terra.
É claro que esta situación ten responsables políticos. Dunha banda, un Goberno galego en mans do Partido Popular que ten sido un cómplice activo das políticas antisociais e antiobreiras e que se ten demostrado rotundamente incapaz de exercer as súas competencias en materia de política industrial. E doutra, un Goberno español novamente presidido polo PSOE que non ten dado mostras de querer mudar de maneira significativa nada.
A nós, os bandazos da socialdemocracia sistémica e españolista que representa o PSOE non nos van coller por sorpresa. O historial de traizóns do PSOE é amplísimo. O seu cinismo, prometendo unha cousa e aplicando pouco tempo despois a contraria, é coñecido de sobra.
O novo goberno de coalición non parece disposto a alterar en nada substancial o marco laboral, social e económico que as políticas regresivas e antiobreiras, primeiro do propio PSOE e despois do PP, definiron ao longo da última década no Estado español. Se deles depende, non pasarán de algúns cambios cosméticos, como a última suba do SMI que se demostra claramente insuficiente para reverter o continuado empobrecemento dos salarios que atinxiu unha perda de poder adquisitivo de case o 20% nos últimos anos.
A negativa do PSOE –e agora tamén de Unidas Podemos que se conforma con eliminar só algúns dos seus aspectos–, de derrogar as reformas agrava as consecuencias da combinación explosiva que representa o sistema económico marcado pola UE –expresión da ditadura dos mercados e das grandes empresas– e o modelo de relacións laborais nacido das reformas de 2010 e 2012, que supuxeron un golpe de estado aos dereitos laborais, sociais, da negociación colectiva e do sistema público das pensións.
Para nós a derrogación das reformas laborais, da negociación colectiva e das pensións, non é ningunha meta. É o punto de partida. O mínimo imprescindible para comezar a recuperar os dereitos que nos foron roubados e avanzar na conquista dunhas mellores condicións de vida. Non podemos pasar por menos.
Por iso a CIG, como primeira forza sindical, reiteramos que a mobilización é o único camiño para recuperar os dereitos para avanzar. As solucións non virán por concesión do poder económico e político que nos impón esta dura situación. Tampouco a través do diálogo social practicado por UGT e CCOO, como se ten demostrado ao longo dos anos e como recentemente fixeron co asinamento do IV Acordo Marco de Negociación Colectiva e o pacto da vergoña que veñen de asinar en Galiza coa Xunta do Partido Popular, que unicamente axudan a perpetuar a reforma laboral e o empobrecemento dos salarios.
Só coa loita poderemos forzar un cambio de políticas para que en Galiza teñamos industria, emprego, salarios e pensións dignas. Por iso temos que seguir a insistir na vía do conflito e da mobilización. Desde o concreto, dando a batalla nos centros de traballo, nas empresas e nos sectores, para mellorar as nosas condicións laborais, até o xeral, con mobilizacións na rúa que permitan empurrar a incorporación das nosas demandas na axenda política.
As mudanzas reais, as que transforman de verdade a realidade, empúrranse sempre desde abaixo. Coa forza da conciencia organizada. Por iso, é imprescindible que manteñamos a tensión, que fronte a quen pretende anestesiarnos nós estimulemos a inmensa capacidade de resposta que temos como clase traballadora galega. Que fronte aos espellismos e os cambios aparentes que nada mudan, esixamos con firmeza e combatividade o que por xustiza merecemos.
Desde esa premisa a CIG imos desenvolver unha xornada de mobilizacións a nivel de toda Galiza o próximo 30 de xaneiro, que na comarca de Vigo se materializará nunha grande manifestación que partirá ás 18:30 desde Vía Norte. Unha convocatoria coa que queremos levar as rúas a esixencia de mudanzas reais e efectivas que nos permitan recuperar dereitos para volver avanzar na conquista dunhas mellores condicións laborais e salariais, a garantía dunhas pensións públicas dignas. Pero tamén para reclamar medidas concretas, á Xunta e a Madrid, para enfrontar a crise industrial e asegurar o futuro de actividades como a construción naval.
Os dereitos nin se regalan, nin se compran, nin veñen do diálogo social, nin os concede un goberno porque si. Os dereitos conquístanse, e recupéranse, coa loita e a mobilización. Esta é a vía para alcanzar políticas alternativas coas que poidamos exercer o dereito a vivir e traballar dignamente na nosa Terra.
Saiamos á rúa a conquistar o noso futuro.
Alberto Gonçalves é Secretario Comarcal da CIG en Vigo.
Se el primero en comentar