![]()
Sabendo que hai convocados actos de protesta ante a inminente chegada da volta ciclista “Gran Camiño”, na que participa unha equipa israelí, xusto nese momento, prodúcese o roubo da faixa.
Por Compostela por Palestina | 2/03/2025
A plataforma “Compostela por Palestina” (en adiante CxP), formada por distintas organizacións e persoas a título individual DENUNCIA:
Que entre as 18 horas do día 26 de febreiro de 2025 e as 9.00 horas do día 27, a faixa que este colectivo mantiña pendurada na entrada da Alameda de Santiago de Compostela baixo o lema “PALESTINA LIBRE” desde xullo de 2024, foi roubada por algunha persoa ou organización pro-sionista, como unha nova forma de ataque ao povo palestino.
O pasado día 27 foi aprobada polo pleno municipal de Santiago de Compostela unha moción apoiando ao povo palestino, solicitando o cese definitivo da masacre e o dereito ao retorno das persoas expulsadas polo xenocidio israelí.
Esta moción, aprobada cos votos favorables de BNG, PSdeG e CA é un fito histórico no estado español, pola denuncia explícita do xenocidio perpetrado por Israel e a defensa dos dereitos fundamentais do povo palestino sen cortapisas; como o dereito de autodeterminación dende o río até o mar, o dereito de retorno de todas as persoas palestinas refuxiadas dende 1948, a fin da ocupación e colonización por parte do Estado de Israel, a plena igualdade das persoas palestinas e a fin do apartheid sionista, a liberación das persoas presas palestinas ou o dereito á resistencia en todas as súas formas. Entre outros acordos, tamén se exixe que o Pleno da Corporación Municipal inste ao goberno do Estado español a sumarse á demanda interposta por Sudáfrica contra Israel polo crime de xenocidio do CIX.
Coincidindo con estas manifestacións en Santiago da solidariedade galega coa causa palestina, sabendo que hai convocados actos de protesta ante a inminente chegada da volta ciclista “Gran Camiño”, na que participa unha equipa israelí, xusto nese momento, prodúcese o roubo da faixa.
A faixa foi realizada polo recoñecido artista galego Yoseba Muruzábal, con un grande valor artístico e económico pero, ante todo, solidario.
Onte ás 20.00 horas presentouse unha denuncia por roubo na Comisaría da Policía Nacional da que estamos agardando se realicen as primeiras dilixencias de investigación consistentes no visionado das cámaras de vixilancia municipais e dos establecementos hostaleiros e bancarios próximos á entrada da Alameda. Nos vindeiros días, conforme avancen as dilixencias e se de traslado ao Xulgado de Garda, iranse persoando no procedemento as organizacións e persoas que conforman a plataforma.
Con todo, no día de onte procedeuse a pendurar outra faixa idéntica, realizada polo mesmo artista e co mesmo lema “Palestina Libre”. Como alegoría da resistencia do povo palestino, nos tamén resistimos.
Se el primero en comentar