Reseña de Birdman (or The Unexpected Virtue of the Ignorance).

Resultado de imagen de birdman

Por Angelo Nero

O director mexicano Alejandro González Iñarritu non deixou de sorprendernos, nas súas continuas mergulladas nas augas máis escuras da condición humana, dende o seu impactante debut, en 2000, con “Amores perros”, e coa súa continuación, tres anos despois, con “21 gramos” e con “Babel”, en 2005, coa que pechou a súa “triloxía da morte”, con guión escrito polo seu compatriota Guillermo Arriaga, que unha vez rematado este ciclo seguiu o seu propio camiño, como guionista de “Los tres entierros de Melquiades Estrada” (2005), “El búfalo de la noche” (2007), e tamén como director de “The Burning Plain” (2008).

González Iñárritu conseguiu a nominación para o Óscar á mellor película estranxeira coa súa primeira película, e na segunda foron nominados os seus protagonistas, Benicio del Toro e Naomi Watts. Para a terceira tivo sete nominacións da Academia, e a súa banda sonora, obra do arxentino Gustavo Santaolalla, levouse a estatuilla. O seu seguinte film, “Biutiful” (2009) foi nominada tamén como mellor película e tamén o seu protagonista, Javier Bardem. Pero foi a súa quinta película, “Birdman” (2014) coa que gañou os Óscar á mellor direción, mellor guión orixinal, mellor fotografía e mellor película. O mexicano tamén gañou o Óscar á mellor direción (e doce nominacións”, ó ano seguinte con “The Revenant”, todo un logro deste rei Midas do cine, que semella converter en ouro todo o celuloide que pasa polas súas mans.

En “Birdman (ou a inesperada virtude da ignorancia”)”, González Iñarritu volve a sorprendernos dende o primeiro fotograma, cando nos presenta a un actor de cine en decadencia, maxistralmente interpretado por Michael Keaton, que quere fuxir da figura do superheroi que o consagrou, un home paxaro que deixou de voar, e que agora quere volver a brillar como unha estrela de Broadway, interpretando unha retorcida obra de Raymond Carver. Mentres se prepara para a preestrea na soidade do seu camerino, o decrepito Riggan Thomson, utiliza os seus superpoderes para liberar a súa frustración. Levita ou move obxectos, a veces sen outro motivo que escachalos, mergullado nun pozo no que semella que tocou fondo, mentres van aparecendo as personaxes centrais da súa vida, a súa filla Sam, interpretada por unha fantástica Emma Stone, con problemas de adicción ás drogas; a súa noiva Laura (Andrea Riseborough), unha xove actriz que agarda consagrarse ó ampara do veterano actor que interpretou a Birdman, ou, quizais, ter un fillo del; a súa exmuller Sylvia (Amy Ryan), que lle solta unha boa batería de reproches á menor ocasión…

Resultado de imagen de birdman edward norton

Na obra de Raymond Carver, a quen Riggan debe a súa vocación, o antigo superheroe ve a derradeira ocasión para remontar a súa carreira, interpretando, dirixindo e producindo xunto ó seu amigo Jake (Zach Galifianakis), ó que presioa para que cambie un dos papeis principais –ó que, grazas ós seus poderes, mandou ó hospital-, facendo un hilarante repaso a moitos dos actores de Hollywood que acabaron onde el comezou: facendo papeis de heroes da Marvel ou de DC Comics, en grandes superproducións da máis dubidosa calidade.

Nesta ácida comedia negra sobre os universos paralelos de Hollywood e Broadway, as dous caras dun mesmo mundo de consumo artístico, un dirixido ás masas e o outro ás elites, pon ó descuberto as miserias dos seus protagonistas, comezando por ese actor en horas baixas, Riggan Thomson, en torno ó que gravitan ó resto de personaxes, aínda que quizais atope o seu mellor contrapunto en Mike (Edward Norton), unha xove estrela, egocéntrico e ambicioso, disposto a roubarlle o protagonismo. Para dar unha reviravolta máis, Mike é a ex parella de Leslay (Naomi Watts), a actriz principal da obra, unha xove algo insegura que debuta tamén nos escenarios de Broadway, e que tenta, por todos os medios, que a montaxe non se veña abaixo. O resultado é esta comedia de alto voltaxe, cun esmerado reparto, que foi rodada en so trinta días, despois de intensos ensaios, nun teatro de New York.

Ademais do fantástico engranaxe da película, onde luce un guión impecable con diálogos afiados como facía tempo que non se escoitaban no cine americano, é un prodixio de realización, xa que en principio concibiuse para ser filmado nun so plano secuencia, aínda que finalmente tivo que ensamblar algunha escena aparte, por moito que sexa difícil atopar os cortes de edición. O mérito de isto é do director de fotografía, Emmanuel Lubezki, que xa gañou un Óscar con “Gravity” ( e foi nominado tamén por “Children of Men” e “The tree of life”), e que rodou tomas de ata trinta minutos, o que implica unha gran implicación de todo o equipo, no que todo ten que estar ó milímetro.

Mención aparte merece a banda sonora, na que se utiliza de fondo a batería de Antonio Sánchez, un virtuoso do jazz que compartiu escena con Pat Metheny e Chick Corea, que aparece nos momentos máis álxidos da película, nos que Riggan ten as visións do home paxaro, ou nos momentos nos que a súa vida real semella complicarse aínda máis, converténdose, o propio baterista, noutra personaxe secundaria da obra. O tema principal composto ó compás improvisado de bombo, platillos e caixas non foi, nembargantes, nominado para o Óscar á mellor banda sonora, ó entender a Academia que utilizaba pezas preexistentes (de Malher, Rachmaninov, Ravel e Tchaikovsky), e que non cumpría a norma que esixe unha porcentaxe de composicións orixinais, algo que foi moi criticado polo baterista chilango.

Estados Unidos, 2014, Birdman (or The Unexpected Virtue of the Ignorance). Direción: Alejandro González Iñárritu. Guión: Alejandro González Iñárritu, Nicolás Giacobone, Alexander Dinelaris, Armando Bo. Produtoras: Fox Searchlight Pictures / New Regency Pictures. Presuposto: 22.000.000 dólares. Música: Antonio Sánchez. Fotografía: Emmanuel Lubezki. Montaxe: Douglas Crise, Stephen Mirrione. Reparto: Michael Keaton, Emma Stone, Edward Norton, Zach Galifianakis, Naomi Watts, Andrea Riseborough, Amy Ryan, Merritt Wever, Joel Garland, Natalie Gold, Clark Middleton, Bill Camp, Teena Byrd, Anna Hardwick, Stefano Villabona..

Se el primero en comentar

Dejar un Comentario

Tu dirección de correo no será publicada.




 

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.