Entrevistamos ó músico Quico Comesaña, que despois de nove anos afastado dos escenarios, presenta o seu primeiro disco en solitario, «Mãe».
Por Angelo Nero
Entre 1996 e 2014, dezaoito anos, foi membro dunha das bandas máis icónicas, populares e orixinais que deu o folk galego, Berrogüetto, coa que xiraría por todo o mundo, e coa que gravaría cinco discos de estudo e un directo. A aparición do grupo foi como unha sorte de aliñación de astros, que viñan de proxectos moi diferentes, a meirande parte viñan de Matto Congrio, como Anxo Pintos, Santiago Cribeiro e Isaac Palacín; Guillermo Fernández, da banda de rock Madeleine Green e tamén do grupo folk Fol de Niu; Quim Farinha, de Fia na Roca -onde tamén tocou Quico Comesaña entre 1992 e 1995-.
Quico, antes de poñer o seu arte tocando o bouzouki ou a arpa céltica en Berrogüeto, lideraba outra banda realmente salientable, Armeguín, co que chegou a gravar tres discos. Moito lamentei a disolución dos Armeguín, do que era seareiro, ala polo 1993, como lamentaría despois que Berrogüeto puxeran fin á súa existencia, despois de 18 anos recorrendo parte do mundo, en 2014.
Pouco seguín despois as carreiras dos integrantes da banda, ós que máis a dos vocalistas, Xabier Díaz e Guadi Galego, e fai pouco puiden disfrutar outra vez da xenialidade de Anxo Pintos que xunto coa violinista Begoña Riobó, que forman o dúo Pärbo. A Quico Comesaña perderalle a pista, máis non o imaxinaba afastado do mundo da música. E agora xa estou gozando dos seus novos paisaxes sonoros, onde hai moito das súas raíces galegas, pero onde non agocha tamén o seu gusto por outras músicas, como o rock progresivo ou o folk británico.
Felizmente, agora temos nas mans un novo traballo de Quico Comesaña, Mãe, esta vez firmado en solitario e con composicións propias, aínda que conta con fabulosas colaboracións, entre elas as do seu compañeiro en Berrogüeto, o percusionista Isaac Palacín, a do acordeón de Marcos Padrón, o violín de Carmen Gallego e a do óboe de Gonzalo Arévalo.
«Mãe é unha banda sonora cotiá dende que chegou ás miñas mans. É un maxistral ovo de Fabergé, unha obra de proporcións áureas. Maravillame a sua elegancia e complexidade meticulosa. O tempo a colocará no olimpo do folk peninsular”, dixo Anxo Pintos. “Fixo un disco emocionante, unha árbore frondosa baixo cuxa sombra quedaríame a descansar para sempre. É unha obra de un extraterrestre que viu á rescatarnos nestes tempos de présas e fast-food”, comentaba Uxía Senlle.
¿Que queda de aquel Quico que nos sorprendera a moitos nos oitenta debuxando as paisaxes sonoras de Armeguín?
Pois probablemente agora mesmo sexa un Quico máis parecido a aqueles tempos, pois fixen o que tivera feito cando era adolescente se daquela contara con medios e capacidade. É unha regresión a certos gustos musicais que me atraían no seu momento, así que botei man desas influencias sen reparos para este traballo.
Berrogüeto foi un proxecto exitoso, unha banda referencial da nosa música, ¿porque rematar cunha fórmula que funcionaba, e que colleitou éxitos en todo o mundo?
Todo o que comenza remata antes ou despois, sen remedio. Pensamos que era un bo momento para deixalo, xa que a crise do 2008 comezaba a perxudicar moito, sobretodo ao sector da cultura.
Nove anos de silencio, para alguén que, practicamente, levaba toda a vida tocando, é moito tempo. ¿Que pasou para que non superamos nada de ti neste longo período fora dos escenarios?
Buff… complexo de explicar. Por unha parte a necesidade de facer un alto despois de tantos anos sen interrupcións significativas. Pero sobretodo por un problema de saúde que me impedía tocar con normalidade. Esa situación fixo que tardara tanto en regresar aos escenarios. De todas formas, adiqueime a estudar, a compoñer, a facer algún que outro encargo como arranxista ou compositor, algunhas clases particulares etc., pero sen intención de subirme a un palco ou a formar parte dalgún proxecto.
O 28 de xuño de 2014 Berrogüeto despedíase no Teatro García Barbón, en Vigo, e nove anos despois presentas o teu novo disco no mesmo lugar. ¿Tiña que ser así, para pechar ese círculo de silencio e volver a interpretar a túa música en directo?
Pois a verdade é que foi totalmente fortuito.
Ben arroupadiño, ademais, porque o teu novo proxecto musical ven cunha banda detrás. ¿Quen son os compañeiros deste viaxe que comenza con Mãe?
Por suposto, conto cunha banda de luxo: Carmen Gallego (violín e nyckelharpa), Marcos Padrón (acordeón), Leandro Deltell (percusións) e Paula Oanes (arpa céltica).
E, de súpeto, sae á luz este fermoso Mãe, o teu primeiro álbum en solitario. ¿Cal é o xermolo desta nova obra musical? Polo titulo podemos deducir que hai unha homenaxe a tua nai, non, pero tamén unha certa viaxe a túa infancia?
É unha homenaxe a todas as nais de calqueira ser vivo deste planeta; a esa capacidade de enxendrar vidas. Tamén alude á natureza mesma en cada unha das suits que compoñen o disco. E sí, para buscar inspiración retrocedín no tempo a lugares e momentos de cando era un neno e un adolescente que quedaron retidos na memoria.
Este disco semella feito para escoitar en silencio, de principio a fin, como facíamos antes, parece feito para esquecer, durante 40 minutos, este mundo de consumo espasmódico de cancións. ¿Temos que recuperar ese xeito de escoitar a música como se estiveramos nun teatro, para apreciar traballos como este?
Cada quen que faga o que lle pareza, pero eu son de escoitar música como quen le un libro, sen presas e con atención. Se me cansa ou non entendo o deixo, pero se me gusta podo repetilo moitas veces. Coas películas pásame algo parecido.
No mesmo ano que sae o teu disco, recibes o premio Martín Codax na categoría de folk, e neles dixeches “estiven moitos anos desconectado do mundo da música, e estou vendo que hai un nivelazo incrible”, ¿cales son os proxectos musicais que, despois desa desconexión, están chamando a túa atención?
Sí que quedei gratamente sorprendido do que puiden escoitar. Unha grande cantidade de estilos diferentes e dun nivel nunca tan alto a día hoxe, penso. Prefiro non poñer nomes porque serían demasiados proxectos. O que quero dicir é que a sensación en xeral resultoume esperanzadora e moi interesante.
En Mãe hai unha gran variedade de instrumentos de corda, dende o buzuki e o arpa céltica, tan características en ti, ata guitarras, mandolinas, banjo, que impregnan o disco dun son moi persoal, aínda que tamén hai colaboracións que engaden riqueza ás túas melodías. ¿Foi a composición e a creación do disco un traballo solitario?, e por outra parte ¿as colaboracións coas que contas son as mesmas que levas ó directo?
Certo que hai moita intrumentación. Utilicei case todo o que tiña na casa, incluso as percusión que aparecen (salvo o triángulo e os pratos de Isaac Palacín).
Foi un traballo musical e conceptualmente en solitario, pero con algunhas colaboracións intrepretativas e de tipo técnico. A música fai varios anos que xa a tiña composta. O seguinte paso foi buscar as colaboracións (acordeón, violín, nyckelarpa, oboe, triángulo e pratos) Comezar os ensaios e posteriormente a gravación do disco, ademais das mesturas, coa participación imprescindible de Isaac. Todo iso levou bastante tempo, logo chegou a pandemia, que o demorou aínda máis.
Da formación en directo soamente Carmen e Marcos participaron no disco.
Nas influencias que agroman en Mãe, atopamos aquel gosto compartido na xuventude polo primeiro Mike Oldfield, por King Crimson e polo rock progresivo, que se manifesta na estrutura do disco, máis tamén a vena máis folk, a que latiu nas melodías dos teus proxectos anteriores, ¿todos os camiños vividos, musicalmente, son os que te levaron a compoñer estas catro pezas que compoñen o teu disco?
Neste traballo quixen mostrar algunhas das influencias musicais máis relevantes que fun asimilando durante todos estes anos, pero sobretodo as das primeiras referencias: música progresiva e sinfónica, rock e sobretodo folk do arco atlántico. Xuntando todo iso saíu a música de Mãe.
Un traballo tan ambicioso e conceptual como este non semella doado de levar á escena, a non ser nun teatro onde se poda executar de principio a fin, con todo iso o espectáculo de Mãe tamén está funcionando en festivais, ¿cal está sendo o recorrido polos escenarios do disco, e como estades sentindo a resposta do público?
A pesar de que no disco hai moita instrumentación, estamos a defendelo cunha formación de cinco compoñentes e parece que funciona ben. De momento, e polo que estamos a comprobar, está gustando moito (a pesar de que son pezas relativamente longas para o que hoxe sóese escoitar, ademais de ser todo instrumental e de tempo, digamos, medio) Moita da xente que coñece o disco e/ou asistiu a algún concerto soe comentar que é un proxecto diferente, engaiolante e por eso o valoran. De todas formas isto acaba de comezar e aínda é necesario darlle máis promoción e visibilidade.

Se el primero en comentar