Primitivo Carbajo: ‘Baltar puido resistir, non sen ensinar os dentes a Fraga e logo a Feijóo, por manter a cohesión, a lealdade e o liderado firme da súa tropa en Ourense’

Entrevistamos ó xornalista Primitivo Carbajo, que ven de publicar, xunto coa tamén xornalista Cristina Huete, o libro ‘Os Baltar. A senda do caciquismo na democracia plena’.

Por Angelo Nero | 12/03/2025

Durante máis de tres décadas, a alongada sombra dos Baltar tivo nas súas mans o bastón de mando da Deputación de Ourense, creando unha cadea de favores que a converteu na primeira axencia de colocación da provincia, e dende se condicionou mesmo o goberno galego, que precisaba da bolsa de votos baltaristas para as afianzar as maiorías do Partido Popular. O libro de Cristina Huete e Primitivo Carbajo é un recorrido por estas tres décadas de caciquismo, un exercicio de xornalismo honesto e sempre necesario, nestes tempos nos que a memoria da sociedade é líquida e semella que esquecer, como presumir de non ler un libro -aínda que sexa tan bo como este- está de moda.

Tanto ti, Primitivo, como Cristina Huete, durante a vosa vida profesional como periodistas, investigaches a negra sombra da corrupción na Galiza, da que os Baltar son só a punta do iceberg, pois a trama da utilización das institucións públicas, como a Deputación de Ourense, de forma irregular, é longa. Ata que punto estabades apoiados polos medios nos que traballades? E, por outra parte, é máis doado publicar todo isto nun libro, que facelo nun diario?

O medio principal e diría que exclusivo no que publicamos as novas de corrupción foi El País e, en particular, El País-Galicia, a edición galega do diario. Naturalmente, non puidésemos facelo sen a súa complicidade e mesmo o seu alento. Contabamos con ese soporte primordial e, pola nosa banda, coa obriga de rigor profesional como único condicionante. Trasladar ese material a un libro engade a dificultade formal do cambio de formato, que non é pouca e que, á súa vez, abre a oportunidade de completar o relato con datos ou contextualizacións inviables nas crónicas do periódico polas súas limitacións de espazo ou de tempo. A vontade e os obxectivos son os mesmos.

Falando da prensa, na política ourensá, sen dúbida, La Región foi -non sei se segue sendo- un medio imprescindible para afianzar o poder conservador na provincia: en que medida actuou este diario como correa de transmisión do baltarismo?

Xogou un papel determinante no seu afianzamento, polo menos ata a chegada da Internet e a súa secuela dos medios dixitais e as redes sociais. Creo que agora está moi lonxe daquela influencia, dígoo á vista do éxito do alcalde de Ourense, Gonzalo P. Jácome, malia ó hostigamento constante e co emprego de toda a artillería do periódico: Jácome medrou electoralmente cada vez máis, sobre esa hostilidade e sen mella aparente. Porén, foi fundamental na proxeción de Baltar e antes na de Franqueira. La Región estivo no miolo, como parte implicada e activa desas políticas. E han de quedarlle, seguro, os pousos de aquel poderío, que segue a usar deica onde pode, xa que non deica onde querería.

Na orixe do “baltarismo” está Franqueira, o caciquismo que medrou con Franco, a creación dun espazo político propio, que remataría eclosionando en Centristas de Ourense-Coalición Galega, o grupo Coren, e as Caixas de Aforros, todo un entramado no que medrou Baltar. Realmente, a maquinaria que se fixo coa Deputación non podería funcionar se non fose con esa mestura do poder económico e o poder político? Que foi antes, a galiña ou os ovos?

Os ovos o primeiro, ha ha ha! Todos os ovos, os dos gringos e, deseguido, os de Franqueira e Ricardo Martín Esperanza, en tanto que promotores do invento, cos ovos da tropa que foron xuntando arredor do seu programa cooperativista e que desenvolven coa colaboración imprescindible das caixas de aforros, baixo a súa man: a Caixa Rural, por creala Franqueira, e a Caixa de Aforros, por mangoneala Martín Esperanza como factotum que era nela. Mais esta parte financeira xa pode identificarse como as ás da galiña. Os ovos, por seguir coa metáfora, só prosperan polas condicións ambientais que lles presta a galiña, isto é, o corpo dunha sociedade que non se zafara das pautas caciquís. Temos que pensar que o caciquismo clásico dos foros non se anula, legalmente, deica a ditadura de Primo de Rivera, o próximo ano cumprirase un século de aquel decreto. Os seus pousos faránse ostensibles nos procesos electorais da República e, por suposto, o franquismo non fai nada por limpalos, senón todo o contrario, tira proveito deles. Esa sería a galiña que chega viva á Transición, cunha compoñente económica que Coren e mailas caixas fornecen e que Franqueira aproveita para darlle a proxección política que callou en Coalición Galega, cun ideario centrista. Victorino Núñez e Baltar detúrpano co seu Centristas de Galicia, orientado á integración no PP, aínda que Baltar, cando colleu o temón, preserva o perfil e funcionamiento caciquil da tropa recrutada canda Franqueira. É a miña interpretación liñal dos ovos e a galiña: os ovos primeiro, pero que non serían sen a calor da galiña.

A medida que ía lendo o voso libro, quedaba máis abraiado con esa xigantesca axencia de colocación que foi a Deputación de Ourense cos Baltar, e paréceme incrible que casos como o que contades dos trinta porteiros dun centro cultural non xerase unha alarma social, e por suposto, unha resposta xudicial efectiva. Isto demostra que a calidade democrática desde país é aínda moi cativa?

Ese caso e todos os demais non acadaron a resposta política que merecían, a dirixida a atallalos, por admitírense, segundo entendo eu, o marco da “excepción ourensá” no que se producían. Un marco fixado polo PP, o máis interesado en mantelo, porque lle permitía a súa pervivencia na Xunta e, ás veces, zafarse da súa responsabilidade nos feitos. Dada a impronta hexemónica do PP no conxunto da prensa galega, tampouco esta era quen de saír dese marco, contentándose con informar dos feitos, cando informaba, como efecto da “excepción” e con nesgos costumistas ou pintorescos, sen eficacia política real cara á súa emenda. “Ah, cousas de Baltar”, e así ficaba. Tanto o PSOE como o BNG locais presentaron denuncias nos xulgados a fartar, e moi poucas, por non dicir ningunha, acadou o efecto esperado, ata a condena de Baltar por prevaricación canda xa se xubilara. Por iso no libro aludimos á democracia plena con ironía. Non estamos presenciando aínda agora, ós ollos de toda a sociedade española, actuacións xudiciais asombrosas?

Foron máis de trinta anos dos Baltar dirixindo a Deputación, nos que foron practicamente intocables, nin pola Xunta de Fraga, que chegara ó poder en 1989, mediante pucheirazo electoral, segundo chegou a dicirse, coma se estivésemos nun país bananero, nin despois, na liorta interna entre as boinas e os birretes do PP: por que os boinas de Ourense aguantaron ata fai dous días?

Fraga recoñeceu a débeda contraída cos centristas ourensáns na súa aterraxe en Galicia nomeando a Victorino Núñez presidente do Parlamento, a segunda autoridade no escalafón da comunidade autónoma. Naquelas eleccións foran coligados o PP e Centristas de Galicia e a súa maioría absoluta decantouse por un escano de Ourense cuxa asignación á coalición ficou para sempre en dúbida: constatáronse irregularidades dignas do caciquismo da Restauración en varias mesas electorais e, sobre todo, non se escrutaron dúas sacas cos votos dos emigrantes, que presumiblemente, por indicios suficientes, quitarían a victoria ó PP, de aí o presunto pucheirazo: quedou para a Historia, non máis. Despois, na liorta entre boinas e birretes, estes acadaron afastar a Xosé Cuiña, xeneral en xefe dos boinas, pola súa actuación indisciplinada canda a catástrofe do Prestige, logo Rafael Louzán entregou Pontevedra a Feijóo e consolidou o trunfo birrete. Baltar puido resistir, non sen ensinar os dentes a Fraga e logo a Feijóo, por manter a cohesión, a lealdade e o liderado firme da súa tropa en Ourense, que lle propiciaba maiorías imbatibles a el e, por extensión ó PP; se os birretes o afastaban, perdían a maioría parlamentaria que os sostiña na Xunta, e nunca quixeron arriscala.

Mentres avanzaba na lectura desta apaixonante trama, que daría para unha serie de Netfilx -xa sabemos que a TVG non vai facela-, e pensaba na anomalía democrática que supón o fenómeno Baltar, non puiden deixar de pensar no alcalde de Ourense, en Pérez Jácome. Pensas que, dalgún xeito, recolle esa faísca da ourensanía, ou está moi lonxe de aglutinar o poder que tivo o vello Baltar?

Aínda ter algúns puntos en común, creo que Jácome, de feito admirador de Baltar, non chegará nunca a coller a súa estatura política, para empezar carece do don de xentes que acompañaba a figura de Baltar de xeito natural. Tampouco a herdou o seu fillo, nin acadou o seu poder malia entregarllo en bandexa.

Por outra parte, para que Baltar fixera e desfixera en Ourense durante tanto tempo, foi necesaria unha inanición da esquerda, unha febleza tal que non foron quen de facerlle fronte. Penso non só en Baltar, senón nos seus alcaldes, moitos dos cales estiveron décadas ó fronte dos seus concellos, mesmo despois de ser levados ós tribunais por prevaricación e malversación. Que pasou coa esquerda nesta provincia durante esas tres décadas de baltarismo?

Eu non cargaría as tintas por ese lado. É como se tivesen que xogar todos os partidos fóra de casa e cos árbitros comprados. O baltarismo apurou ata as feces o poder derivado do seu enchufismo e das súas subvencións, do seu clientelismo e da súa capacidade de corrupción, iso non é doado de vencer. Corresponde, máis ben, cun problema de índole social, da formación política da sociedade. Amais, coa complicidade dos medios, o baltarismo soubo explotar pro domo súa os casos de transfuguismo, e por rematar, non sempre os órganos galegos da esquerda prestaron a axuda que demandaban os seus correlixionarios ourensáns; como se tamén asumisen o marco da excepción ourensá que dicía antes. Abondo fixeron as esquerdas locais, paréceme a min, con aguantar o facho acendido no permanente vendaval. Tampouco vexo que as esquerdas estivesen no resto de Galicia para tirar foguetes. E, por dar un referente concreto, que fai CC OO prestando cobertura á xunta de persoal da Deputación?

Despois do auxe e caída das Mareas, que semellaba que viña cambiar o ecosistema de partidos na Galiza, e co sorpaso do BNG ó PSOE, e a entrada de Democracia Ourensana no parlamento, cal é o peso que ten o post-baltarismo, se é que existe, na política e no goberno galegos?

No post-baltarismo, o baltarismo está a perder o seu peso e o seu perfil. Non vexo outra ca a súa homologación indeferenciada dentro do PP, a consumación da constante teima dos birretes.

1 Comment

  1. Por haber trabajado en cuadrilla para una bodega de la rivera sacra orensana durante varios años, se perfectamente como era el » imperio» de Baltar.
    El dueño de la bodega era capataz de la diputación, acérrimo pepero, traía el material y los empleados de su cuadrilla de la diputación, y en sus horarios de trabajo estaban desbrozando las viñas del patrón, o haciendo trasvases de cubas, vendimiando, etc .. y si un familiar o amigo del capataz necesitaba una ayuda, una paga o lo que sea de la diputación, pues a xantar con el capataz y asunto arreglado
    Cuando llegó podemos y algunxs empezamos a hablar de ello en el bar del pueblo, empezó a haber menos xornales,cierta conversaciones se callaban cuando entrabamos en el bar.
    Cuando un compa intentó arreglar los papeles para hacer una casita rural,todo fue impedimento, trabas durante más de un año. Estaba claro que por ser » zurdos» nos tenían crucificadxs.
    Así que Baltar es el gran capo de la mafia pepera orensana, pero tiene muchos » capataces» que hacen lo mismo que el a nivel local, corrupción por menudeo de favores, y luego cuando hay que votar a ir a recoger os vellos, darle sus papeletas del pp, a votar y a xantar antes de traerlos a casa
    Salud

Dejar un Comentario

Tu dirección de correo no será publicada.




 

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.