Por un 10 de marzo de combate e reivindicación

Por Alberto Gonçalves

O próximo 10 de marzo, Día da Clase Obreira Galega, é para a Confederación Intersindical Galega (CIG) unha xornada de loita na que exercermos a nosa dignidade a través da mobilización. Queremos encher de contido e de reivindicación unha data de memoria. Porque sabemos que continuar o camiño da loita obreira, que protagonizou a clase traballadora galega nos tráxicos sucesos de 1972, é o mellor xeito de render tributo a Amador, a Daniel, e aos millares de compañeiras e compañeiros que deron o mellor das súa vida á loita contra a explotación.

Na nosa comarca convocamos, un ano máis, unha grande manifestación que partirá ás 18:30 do cruce da Dobrada. Queremos que o 10 de marzo permita facer resoar con forza nas rúas de Vigo a esixencia de mudanzas reais e efectivas, nun contexto político marcado polo novo goberno español e mais tamén pola convocatoria de eleccións galegas para o próximo 5 de abril.

O lema deste 10 de marzo é claro e contundente: recuperar dereitos para avanzar. Porque queremos que en Galiza teñamos emprego, salarios e pensións dignas, temos que esixir de maneira firme a derrogación das reformas laborais, da negociación colectiva e das pensións, aplicadas tanto por PSOE como polo PP. Temos que botar abaixo todo ese paquete lexislativo de reformas abertamente antiobreiras que só provocaron desemprego, precariedade, empobrecemento e emigración. Non podemos nin queremos pasar por menos: derrogación XA. Non admitimos escusas, e menos daquelas forzas políticas que hoxe cogobernan no Estado e que se fartaron de prometer a derrogación e que agora din que non é “técnicamente posíbel”. Abonda xa de mentiras, de enganos e de traizoar á clase traballadora. Non llo imos consentir.

Para a CIG, como primeira forza sindical en Vigo e no conxunto de Galiza, a derrogación destas reformas é o punto de partida, o mínimo esixíbel, para de verdade poder comezar a reverter os efectos das políticas coas que os sucesivos gobernos españois, ao ditado do grande capital, golpearon o pobo traballador con recortes e máis recortes. Axustes que presentaban como “conxunturais” pero que, como advertiramos, viñeron para quedarse se non o evitamos.

Hoxe en Galiza seguimos a ter uns dos salarios e pensións máis baixas de todo o Estado. Preto do 50% da poboación galega está empobrecida e camiño da pobreza e da exclusión social. Só na cidade de Vigo hai 60 mil persoas en situación de pobreza segundo o índice AROPE. O desemprego só descendeu estatísticamente, porque seguimos a vivir diariamente o drama da expulsión forzosa de millares de mozas e mozos á emigración por falla de oportunidades. E o emprego que se mantén, ou o pouquísimo que se crea é ultraprecario, eventual, sen apenas dereitos e con salarios de miseria.

Un contexto agravado pola situación crítica da nosa industria, do que dá boa conta o momento límite que está a atravesar un sector estratéxico como o naval, ou as cada vez maiores dificultades que encara a automoción.

Diante disto, o 10 de marzo ten que servir para reclamar con máis forza do que nunca o noso dereito irrenunciábel a vivir con dignidade dun traballo na propia terra.  Esixindo unha mudanza radical nas políticas industriais, laborais e sociais tanto do goberno español como tamén da Xunta de Galiza.

Nese sentido, para o sindicalismo nacionalista e de clase, as eleccións do próximo 5 de abril son unha oportunidade para exercer o noso voto como clase traballadora galega. Apostando por un xiro de 180º nas políticas da Xunta, para promover a reindustrialización do noso País, a creación de emprego digno e a mellora dos salarios e pensións. Apostando nun proxecto de País que poña as enormes capacidades e recursos que dispón a nosa nación ao servizo dos intereses da maioría social que representamos as clases populares e traballadoras. Rompendo coa dependencia colonial que nos impón Madrid e coas políticas antisociais e de recortes que dita a Unión Europea.

O 5 de abril non só hai que desaloxar o goberno antiobreiro e antigalego de Alberto Nuñez Feixóo senón que hai que desaloxar definitivamente as políticas da dereita españolista. Unha mudanza que para ser real só pode partir da confianza nas nosas propias forzas, na autoorganización, rompendo con sucursalismos que ao final sempre antepoñen a obediencia a Madrid sobre os intereses da clase traballadora galega.

O 10 de marzo non remata nada.  A mobilización e o conflito son para nós o único camiño con rumbo á vitoria. A mellora das condicións de vida e traballo do pobo galego non virán apenas por un cambio nas institucións políticas, nin tampouco do entreguismo do pacto social que practican os sindicatos estatais. A nosa forza está nas rúas, nas empresas e nos centros de traballo. E alí, a CIG seguiremos a plantar cara aos abusos, a combater de fronte a explotación, e tamén a avanzar na conquista da plena xustiza social que, ficamos certos e certas, só poderá existir nunha Galiza soberana e socialista.

Alberto Gonçalves Herrero é secretario comarcal da CIG de Vigo

Se el primero en comentar

Dejar un Comentario

Tu dirección de correo no será publicada.




 

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.