Planeta Theremin foi para min o descubremento dun novo mundo onde as cousas se poden facer dun xeito diferente ao que cría
Por Angelo Nero
Coñecín a Paulo Pascual cando tocaba en Foggy Mental Breakdown, unha banda de hard rock con pinceladas de garage e psicodelia, por onde pasaron os músicos máis salientables da escena underground viguesa. Formou parte tamén de bandas tan inesquecibles como Trem Fantasma e Camarada Nimoy, que durante moito tempo animaron un panorama musical moi fecundo. En solitario editou varios traballos: “Planeta Theremin” (Vinilo e CD, 2018), “Modulador de Ondas” (CD, 2021) e “Emisión Electrónica” (Cassete, 2022), e agora ben de presentar a BSO de “Negro Púrpura” (Vinilo, 2023).
Antes de nada, cumpre, para a xente que non coñeza o theremin, cales son as súas particularidades e a súa orixe. Seica o seu inventor tamén tivo unha vida de película. O theremin e un instrumento musical único, xa que non se toca, e non ten moitos interpretes, polo que, imaxino, a comunidade de theremistas debe ser bastante reducida, ¿compartides entre vós os froitos das vosas investigacións e experimentacións con este instrumento?
Efectivamente, é un instrumento moi peculiar posto que é intanxible e temos que situar as notas coas mans, cando facemos unha melodía acariciamos a melodía no aire.
A vida de Leon Theremin está chea de contrastes, de presentarlle o instrumento a Lenin contándolle como interpretar unha melodía (e que este conseguira facela) e moverse por todo o mundo mostrando o seu aparello, a traballar “na sombra” facendo aparellos tan interesantes como “The Thing”, un sistema inalámbrico que non precisaba de electricidade para emitir o son, aplicado isto ao espionaxe.
A comunidade de thereministas é reducida a nivel internacional comparado a de outros instrumentos, pero de 15 anos aquí medrou moitísimo. Si que se comparten moitas cousas entre interpretes na rede, a maioría, igual que no século XX, mulleres. Pero non é un mundo todo o aberto que debería de ser. Eu contactei moito e moi bencoa a comunidade de America Latina, ata fixeramos un ciclo de entrevistas online de thereministas de fala hispana durante o encerro da pandemia, e foi alucinante, aprendín moitísimo.
¿Como xurdiu a idea de crear a Banda Sonora Orixinal da película “Negro púrpura”, e como foi o proceso de creación que, segundo teño entendido, desenrolouse, en gran parte, durante a pandemia?
Pois é un proxecto que fixen coa produtora Illa Bufarda, de Santiago de Compostela, eu xa tiña traballado outras veces con elas, xa tiñan traballado coa miña música, pero isto foi das cousas que me motivaron máis ata agora. Facer unha banda sonora dun filme cun Theremin, non hai referentes nin en Portugal, nin en España dun traballo así, buf, penso que é a miña pequena achega a difusión e ao uso deste instrumento electrónico intanxible. Un aparello que sorprende case do mesmo xeito agora que hai 100 anos (na pandemia foi o seu 100 aniversario). Vaia cousa, un instrumento intanxible que cumpre 100 anos nun ano no que non nos podíamos case tocar, e alí estaba eu encerrado no estudio facendo unha banda sonora dun fungo con propiedades múltiples e rodeado de mitos, lendas e tamén de ciencia.
A comunicación e entendemento con Illa Bufarda foi tamén esas cousas que perduran, conversas das que fluíron novas cousas e onde ao que iamos era un punto común onde estábamos perfectamente dacordo. O traballo foi brutalmente absorbente, facer múltiples pistas de theremin que funcionan como unha sección de cordas foi moi difícil, duro, cansino e satisfactorio. Todo isto o fixen no meu local, un baixo ao que podía ir por ser autónomo nun momento que non estaba permitido saír da casa para nada. Penso que todo influíu.
O resultado ten ese aroma, é moi moi escuro, electrónico e máxico con pequenos momentos de luz que fanno máis real, posto que penso que para entender a escuridade hay que ter tamén un chisco de luz.
Cunha traxectoria musical como guitarrista e pianista en proxectos tan variados como Trem Fantasma e Camarada Nimoy, ¿como foi para que te enlearas nunha aventura tan particular como Modulador de Ondas?
Supoño que esa é a clave para min coa música, deixar fluír o que levas dentro por encima as veces do que racionalmente queiras facer. Dalgún xeito penso que o máis interesante que podemos aportar está por dentro dunha capa bastante contaminada de prexuízos, relacionados co consumismo e que as veces nos perdemos buscando racionalmente algo na música que cando sae moi ben, ven mais por ese camiño. E dicir, que intúo ou sinxelamente imaxino que intúo (tanto da) que a maioría da xente que me fascina en calquera dos estilos da música cos que interactuei traballan dun xeito máis libre do que se pensa.
Trem Fantasma tiña moito de swing, de lounge, con moitas melodías que ben podían ser o soporte unha banda sonora dunha película de Tim Burton, por exemplo, ¿Que lembranzas tes daquela aventura musical?
Pois que foi unha época moi bonita, onde nos plantexamos coller o rumbo a onde nos apetecía deixando atrás moitos condicionantes estilísticos. Eu viña unha historia case sectaria a nivel estilístico de punk rock, cousa que vexo tamén cun encanto alucinante 🙂 e isto foi dicir, ok xa coñezo bastantes normas, agora toca rompelas, iso para min foi a maior enseñanza dese proxecto. Conseguimos ter unha atmosfera, a nosa, iso é algo moi moi interesante.
Tamén hai que deterse no proxecto de Camarada Nimoy, no que se mesturaba o rock, a psicodelia e o surf, onde comezaches a integrar as melodías do theremín, ¿levabas xa daquela un tempo experimentando con este instrumento?
Camarada Nimoy qué marabilla!, si, Rock, Psicodelia, Surf, Kraut, Exótica, Electrónica, etc Aquí aprendimos a levar todo isto adiante desde un punto de vista novo para nós: o instrumental.
Valeunos de referencia o Surf, este xénero é moi alucinante, e consegue traballar sen voz e conectar en directo e en estudio nunha linguaxe que non precisa palabras. Xigante enseñanza. O Surf foi un punto de referencia pero a máquina viaxou a mil planetas diferentes. Alucinamos coa resposta do programa El Sótano, que se volcou en nós desde que enviei por Facebook un link a primeira maqueta. Iso foi moi bonito, tamén tivemos a sorte de ser referenciados por moitas bandas boísimas de aqui e de fora.
A música Surf é unha marabilla, unha arbore con millóns de ramas diferentes e estupendas.
Tamén estás enleado na Metamovida, un colectivo musical que reúne a bandas alternativas de Vigo e Pontevedra, como Cró!, Caldo, Trilitrate ou Bala. ¿Goza de voa saúde o voso colectivo, que incluso chegou a ter unha orquestra propia?
Na Metamovida entramos con Camarada Nimoy pouco despois de actuar na primeira etapa do Liceo Mutante e quedar encantados con todo aquilo, coas novas xeracións de musicxs tan boas e encantadoras e con ese espazo e filosofía. Iso é cultura, iso é música e máis que música. A Metamovida está parada, non me atrevo a dicir finada porque agardo que non sexa así, pero coidado, unha das grandezas do Liceo era ter continuos relevos xeracionais dando novas formas a todo. Iso penso que está moi ben, avanzar de novos xeitos, non quedar ancorados sempre a cousas pasadas. O Liceo (ou o nome que sexa) está agora fervendo con nova xente e novas ideas, e se algo observei en todo o tempo que levo tocando é que as cousas máis potentes xurden despois dun momento que parece que non pasa nada.
Por outro lado, son varias as bandas que inclúen o theremín, como os proxectos de Javier Díez-Ena (L’Exotighost, Dead Capo, Ginferno y Forastero), o de Frank Rudow (Manta Ray), pero moi poucos os therimistas que desenrolan un traballo en solitario. ¿Podemos falar de Modulador de ondas como un proxecto case único na península?
As bandas normalmente (hai excepcións, claro!) inclúen o theremin dun xeito anecdótico, como unha especie de xogo, temos que pensar que no theremin, é máis rupturista no mundo contemporáneo saber facer unha melodía afinada que traballar cunhas disonancias sin fin, en bucle. O máis común na actualidade é iso, un pouco ao contrario que sucede co resto dos instrumentos. Temos que pensar que nos anos 30 do século pasado xa se interpretaban pezas clásicas con el, ou sexa que non é polas capacidades do aparello, se non pola visión do executante.
Javier Díez Ena é thereminista, contrabaixista e colaborador na radio de Carne Cruda. Como thereminista ten varios LPs publicados, isto é algo excepcional, de feito é o único caso que coñezo ademais do meu de alguén no estado que faga isto (en Portugal non hai ningún).
O teu primeiro traballo como Modulador de ondas é “Planeta Theremín”, ¿que vai descubrir aquel que entre neste planeta, e onde pode atopar este artefacto sonoro e tamén a banda sonora de “Negro púrpura”?
Planeta Theremin foi para min o descubremento dun novo mundo onde as cousas se poden facer dun xeito diferente ao que cría, a nivel musical nun LP, un theremin compartindo espazo (e traballando de solista) con pianos, guitarras, baterías, chelos, electrónica, etc foi algo que nunca sucedera no estado, e iso pareceme moi atractivo, igual que a idea de pensar que é necesario que non siga sendo así.
Quen o escoite, escoitará un disco relaxado, ambiental e con boas vibracións por riba de que estea o instrumento ou non, que iso é tamén algo bonito. Ok, hai un instrumento non moi coñecido, pero o mais importante non é iso, é que ten peso propio aínda que non saibamos do aparello.
Na presentación do disco, na mítica sala La Iguana, de Vigo, estiveches acompañado por unha formación moi peculiar, con Macarena Montesinos ó violonchelo, e Uxo Pousa tocando, coma ti, o theremin. ¿Cal foi a acollida dun público quizais máis acostumado a escena rockera, esta aposta tan orixinal?
Pois si foi algo moi difícil de ver, non hai apenas thereministas en todo estado e resulta que na Guarda está o amigo Uxo Pouxa que o interpreta tan ben! Coñecímonos por iso e en nada estábamos facendo música xuntos, agora el está noutras cousas pero agardo que volva a utilizalo en publico e poder coincidir.
Macarena Montesinos ao Chelo, buf.. un luxo tan tan incrible que as veces vexo para atrás e alucino coas cousas que tiven a sorte de facer con ela, cine musicado ao vivo, etc.. ten unha mirada musical que sobrepasa o musical e un coñecemento e técnica excepcional, ademais de traballar en arte contemporáneo, que fai da súa linguaxe algo aínda máis amplo.
A acollida na Iguana Club foi estupenda, foi moi moi emotivo vivir iso e vender tantos vinilos ao remate como se venderon alí. Agora, as cousas están diferentes, os prezos están separando os vinilos dos clientes habituais, pero iso é xa outro conto!
Moitas grazas pola vosa atención!
Se el primero en comentar