Os últimos asasinados de Franco

Os últimos condenados a morte pola ditadura fascista de Franco forman parte da memoria colectiva deste pobo. Son a maxia da natureza en estado puro, o esplendor da loita. Son o río claro, de augas cristalinas polo que descendemos unha multitude de obreiras e obreiros para percorrer o camiño que eles deixaron a medio facer.

Por Telmo Varela / Vigo Antifascista

A finais de Abril de 1975, era un día de xiróns de nubes grises algodonosas que navegaban nun ceo de primaveira. O vento polas rúas do casco vello de Vigo, como sempre, hai vento. O vento do pasado, do presente e do futuro de grilletes foi testemuña dun fugaz encontro con Humberto Baena.

Non tiñamos moita relación, pero él sabía que eu militaba na OMLE, e eu sabía que él tivera relación con dita organización, aínda hoxe non sei cal foi o compromiso que tivo coa OMLE, pero sí lémbrome que aquel día díxome: «xa non teño vínculos coa OMLE, e por un tempo non vas verme, marcho de Vigo».

Así foi, non voltei velo máis, en persoa. A finais de Xullo, o día 22, as novas da TVE atenazáronme e o ceo voltouse pálido, un coro de paxaros, corvos e merlos, co seu confuso murmullo de trinos e gorxeos, dan a nova de que Humberto Baena é detido en Madrid. Como sempre dan a nova con intencionalidade deliberada e alevosía, presentando ao mozo espigado, fráxil e de mirada firme como un perigoso terrorista do FRAP, un sanguinario. Como sempre, os mass-media daquela, igual que os de hoxendía, ó acecho, sempre ao acecho de presas fáciles, clandestinos, sen dar a faciana, unha vez máis repítese a historia de sinsabores. Dende o mesmo día da detención, 22 de Xullo, os medios de comunicación, destacándose o ABC e Cambio 16, xa o condenaron a morte sen ningún tipo de probas nin miramentos. E, por suposto, en ningún intre, para estes mercenarios da pluma, existiu a presunción de inocencia. O réxime estaba sedento de sangue e os propios medios de comunicación servíalles a presa en bandexa.

Todo pasou axiña. Humberto Baena en maio aínda estaba en Vigo, o 22 de Xullo a policía o detén en Madrid; os días 11 e 12 de setembro de 1975 un Consello de Guerra sumarísimo o xulga. Da mesma maneira como o franquismo xulgou a todos cantos asasinou ao longo da súa criminal existencia, sen aportar nin unha só proba, sen garantías procesais, convertendo a sala nun escenario onde representar a súa obra teatral, co guión predeterminado de ante mans. Onde a vítima era un perigoso comunista, un elemento desalmado que, por moito que dixera ou aportará ao seu favor, nada ía a perturbar a sede de vinganza dos militares fascistas, prestos se quitar da faz da terra a todo aquel que non comulgara cos principios do Movemento de Adolfo Suárez (xefe do Movemento Nacional nese intre). Unha vez máis repetíase a historia de sinsabores, de toleira enfermiza, de paranoicos amantes de grilletes e mordazas, de seres desalmados que para satisfacer os seus instintos de hienas derramaban sangue noble e valente, de resistencia, de loita polo racional, pola dignidade do xénero humán.

Dende a detección de Baena, o 22 de Xullo, torturado na DGS, a instrución do sumario en tempo récord, o xuízo farsa os días 11 e 12 de Setembro, por un Consello de Guerra sumarísimo (todos sabemos as garantías procesais dun Consello de Guerra), a sentenza condenatoria a pena de morte o día 26 de Setembro e a execución, asasinato, o día seguinte 27 do mesmo mes do cuartel militar «Hoyo de Manzanares». Foi todo tan rápido, detención, instrución do sumario, xuízo, e fusilamento de cinco homes bos e xenerosos, que ninguén pode dubidar que foron crimes fascistas, dun réxime ditatorial e asasino.

Os últimos condenados a morte pola ditadura fascista de Franco forman parte da memoria colectiva deste pobo. Son a maxia da natureza en estado puro, o esplendor da loita. Son o río claro, de augas cristalinas polo que descendemos unha multitude de obreiras e obreiros para percorrer o camiño que eles deixaron a medio facer. É así porque sucede no corazón do xénero humano, nas entrañas desatadas das explotadas, na maxia da natureza en estado puro e do esplendor do paisaxe feito para o lecer.

O mellor homenaxe é recorrer o camiño que eles non puideron transitar porque a besta moribunda segou unhas vidas xóvenes de furia arrolladora. Hoxe son un vivo exemplo para todos nós, por iso os queremos e son o candil que nos alumea o camiño.

Se el primero en comentar

Dejar un Comentario

Tu dirección de correo no será publicada.




 

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.