“O sabio uso de o lecer é un produto da civilización e de a educación." Bertrand Russell
"Panem et circenses" Juvenal, Sátiras X, 77–81
Manhá comeza unha nova edición do «Son do Camiño», xa saben, ese macrofestival que a Xunta outorgou a dedo por uns 2,5 milhóns de euros. Despois de todo, que melhor para celebrar o próximo Xacobeo que un macrofestival que represente algo tan propio como as prácticas caciquiis dos nosos gobernos nacionais e algo tan universal como un fórmula de lecer puramente mercantilizada e falta de carácter.
Non o vou a negar, morro por ver a Iggy Pop en directo, foi un dos meus anhelos desde hai moito tempo e tras leste mesmo ano cumprir o desexo de ver a Bob Dylan deixándome os seus bos cuartos, o ver a un dos últimos reis vivos en directo sería un súmmum musical que completaría un gran ano nese sentido.
Encántame escoitar ás lendas en directo, gústame calquera tipo de festival no que a música poida transportarme durante un instante a un transe dificilmente igualado con calquera outro tipo de experiencia -créanme probeino- pero négome a que unha experiencia tan pura como debería ser a arte, tenha que irremediablemente pasar polo aro do mercantilismo e a corrupción.
A ver se me explico, paréceme xenial que en Galiza podamos gozar de prodixios da música como Iggy, Lenny Kravitz, Jamiroquai ou The Killers, pero négome a participar do escurantismo de ningunha Unión Temporal de Empresas (UTE) para iso. Se a decisión esta entre traizoar aos meus principios ou percorrerme os pequenos e medianos festivais do noso país, nos que talento local e organizacións máis ou menos acertadas, pero sempre valentes, apostan por un modelo de cultura e de lecer propio, non excluínte, pero si con raíces, aberto á crítica social, participativo e desde logo afastado do espolio ao público, eu, elixirei sempre o segundo.
Deséxovos a todos que pasedes un gran festival, espero que os concertos desta semana se atopen entre os melhores das vosas vidas. Pero cando remate o circo, lembrade que nos vai quedando pouco pan.
Se el primero en comentar