Por Telmo Comesaña
Qué cómo xurdiu a idea?
Non foi unha idea, as ideas saen de súpeto; o resultado deste traballo é froito de días e de anos na procura de lle atopar sentido a falta dun pai, e xa que logo, o, por qué?
Coido que calquera neno/a a quen lle falta o pai, as persoas que o coidan vánlle-lo explicando no intre que ese neno/a vai espertando a vida, amorosamente, ensinándolle-las fotos e os recordos da familia, os contos que contaba e o que lle quería.
Os nenos fillos de “Rojos paseados” criáronse dun xeito diferente: agarimosamente atendidos por xente enloitada e triste, sen recursos, aldraxados, co medo sempre no corpo; medo o veciño que asirraba os fillos “matádeos, ostia matádeos, que son fillos dun comunista”. Este despreciable suxeito que non perdia ocasión para aldraxa-la viúva. Medo a Garda Civil -que foron os que levaron o pai- medo ó inferno, medo a Deus, medo ó cura, medo á mestra, medo ó medo.
Ninguén lle dí o que pasou, todos/as lle agochan a realidade; todos/as teñen medo, e porén fechan a boca. Preguntan; e as respostas son acompañadas de bágoas e de saloucos; teñen medo que se enfronten e lles pase algo; queren protexelos.
Na escola/igrexa ou igrexa/escola, tanto ten, a educación nacional/catolicista levábaos polo camiño da iñorancia, inculcándolle-las virtudes cristiáns: o sacrificio, a submisión, a total entrega a “Iglesia de Dios” e o martirio si fora necesario para mellor gañar “El Reino de Dios”, e misas, confesións e comunións, catequeses, rosarios da aurora e máis dos outros; e a odiar, rexeitar e perseguir ós maiores inimigos da igrexa católica, única e verdadeira: comunismo, ateísmo, masonería, aínda que o peor eran os librepensadores, todos eles “rojos sin Dios” que irán al infierno donde será el llanto y el rechinar de dientes. E, persecución; tiña que ser cura: “Dios ha puesto en tu camino una santa persona que va a pagarte la carrera”.
O neno vaise facendo mozo e escoita cousas: “Matáronos porque eran Rojos”. “Matáronos porque tiñan ideas”. “Cando os mataron será que algo fixeron”.
“A culpa foi deles por non fuxiren”. “Se foran a igrexa non lles pasaba o que lles pasou”. “Eran anti-clericais”. “Os que os mataron aínda están vivos”. “Matáronos os falanxistas”. “Eran boa xente, a ese e a outros coma ese ensináronlle a ler”.
O mozo ten que traballar e axudar a casa e sigue sen entender ren; comenta, pregunta, ós amigos, no traballo… Non hai respostas claras: -pasou o que pasou, tocouche a ti, mala sorte, paciencia, non se pode falar, sigue o medo, o terror estarrece.
O mozo faise home, forma unha familia, traballa arreo, vai madurando no seu limitado espazo: traballo/casa, e pouco a pouco vai entendendo e decatase de moitas cousas… pero xa é tarde, porque chega a vello, so compre reface-la memoria.
Bota man dos libros de historia que se están a escribir, dos que se escribiron nos exilios; e uns e outros dan conta de milleiros de asasinados e de fuxidos, de prisioneiros en campos de concentración, de desterrados, de mulleres coa cabeza rapada por seren donas ou fillas ou familiares das vítimas, con nomes e apelidos, profesións e nalgúns casos, ónde e como os mataron… e o pai non estaba en ningún libro, nin o tío, nin ningún dos de Alcabre. Procura certificados de defunción, fala cos historiadores, facilítalle documentos, (certificados de defunción), animaios a que fagan outras edicións para que se recollan os nomes destas vítimas anónimas. Enrabechase cando escoita ou cando lle din:
“Hai que olvidar, hai que perdoar, hai que deixar de revolver nesas cousas”. Qué é? O medo? A ignorancia? O que queren agochar do pasado dos seus?.
De todo un pouco. ¡Ouh! ou de todo moito.
O vello sorprendese de que moitos/as queiran enterra-lo pasado e que lle fíra falar dos ”paseados” e sorprendese máis, ao velos cheos de ledicia cando o Papa de Roma beatifica a curas e monxas asasinados na guerra incivil, ¡para eses/as nunca é tarde, iso non é remover!. E xa que logo; “Os tempos son chegados” para os/as nenos/as, para os/as mozo/as, para os/as vello/as. Nós, ergámonos e deamos un berro e digamos: Basta xa de aldraxes!.
Os nosos pais, irmáns, tíos, curmáns, etc. que foron asasinados e en moitos casos tirados nas cunetas, e/ou soterrados en foxas comúns, son tan dignos como os curas e as monxas que a Igrexa está a subir aos altares sempre coa compracencia e a presenza en Roma de membros dos gobernos español e galego.
Todos nós non podemos esquecer, nunca esquecer e porén, fagamos unha homenaxe a todos/as aqueles/as que perderon a vida violentamente, e ás familias que perderon aos seus, e que, eles/as sufriron persecución e aldraxes ao longo da ditadura franco-fascista e nacional-catolicísta.
Se el primero en comentar