O movemento memorialista galego inicia os trámites para que San Simón e Meirás sexan declarados lugares de memoria democrática ao amparo da nova lei

A solicitude presentada ante a Dirección General de Atención a las Víctimas y Promoción de la Memoria democrática, conta coa aval de máis dunha vintena de asociacións de memoria, culturais e veciñais galegas

Por Iniciativa Galega pola Memoria

A illa acollerá este domingo, día 21, o acto nacional de homenaxe ás vítimas do franquismo, que este ano contará coa participación da historiadora Iria Morgade, o poeta Claudio Rodríguez Fer e familiares de vítimas catalás e andaluzas

Compostela, 17 de xullo de 2024.- O movemento memorialista galego, a través da Iniciativa Galega pola Memoria, plataforma que coordina á meirande parte das asociacións do país, vén de presentar senllas solicitudes para que tanto a illa de San Simón como o Pazo de Meirás sexan declarados “lugares de memoria democrática” ao amparo do establecido nos artigos 49 e 50 da lei 20/2022.

Cos trámites realizados esta mesma semana ante a Dirección General de Atención a las Víctimas y Promoción de la Memoria Democrática, pretenden corrixir a eiva que, ao seu entender, supón a carencia de espazos galegos no listado de lugares que inclúe o texto e, nomeadamente, a non inclusión de San Simón e o Pazo de Meirás malia “a súa relevancia histórica e simbólica”.

A aprobación das solicitudes, explican desde a IGM, tería dúas importantes consecuencias: Por un lado, posibilitaría afondar na divulgación tanto do ocorrido no tempo en que a illa redondelá foi cárcere (outono 1936-marzo 1943) como nos anos en que o pazo sadense foi residencia oficial da xefatura de Estado (1938 a 1975). Por outro, garantiría a súa protección, evitando a súa utilización para fins contrarios á memoria histórica democrática. Nese senso, denuncian que na actualidade, ou teñen o acceso totalmente restrinxido ou, no caso de San Simón, son utilizados para beneficio de empresas privadas que realizan na illa actividades contrarias ao seu carácter público e a súa condición de ben de interese cultural. O movemento memorialista galego leva anos denunciando que se programen en San Simón actividades lesivas coa memoria dos presos políticos e as súas familias: ginkanas de procura do tesouro, festas do Samaín, probas de orientación, brunchs, festivais musicais, etc. Confían en que a súa cualificación como lugar de memoria democrática por parte da administración estatal, que é a titular de ambas localizacións, acabaría con este “mercadeo”.

Nas solicitudes, a IGM incluíu o respaldo expreso de máis dunha vintena de asociacións memorialistas culturais e veciñais do país, entre elas a CRMH da Coruña, as Asembleas Republicanas de Vigo e Ourense, a Fundación Alexandre Bóveda, a Fundación Tilve, O Facho, o Galo ou Agra do Orzán.

Referentes da memoria da represión e da loita cidadá

Tanto no caso do Pazo de Meirás como da illa de San Simón, a documentación remitida á Dirección General de Atención a las vítimas y promoción de la memoria democrática destaca que non son só lugares relacionados coa memoria da represión senón tamén da loita contra o esquecemento e contra a impunidade dos crimes franquistas levada a cabo polo pobo galego.

No relativo a Meirás, o escrito destaca que se practicaron abusos tanto na súa adquisición como durante o seu funcionamento como residencia de verán do ditador. No primeiro caso pola extorsión á que foron sometidas persoas propietarias de terreos necesarios para a ampliación dos dominios da familia Franco. No segundo, polas medidas represivas que o goberno do réxime totalitario adoptou nas reunións celebradas no Pazo.

A represión é tamén evidente no caso de San Simón. Durante o tempo en que funcionou como campo de concentración (outono de 1936- primavera de 1943) estiveron retidos na illa centos de republicanos –non só galegos, senón tamén doutras partes do Estado-. De feito o amoreamento foi tal, que a ditadura chegou a fondear fronte as súas costas o buque Upo Mendi, que serviu de improvisada prisión para os soldados da Fronte Norte que xa non cabían na illa e tamén para aqueles presos do Lazareto que tiveran un comportamento máis díscolo, nunha sorte de castigo. Para algúns dos presos, San Simón foi a última paisaxe pois as sacas eran continuas e tamén foron moitos os sacados da illa para ser levados ante un pelotón de fusilamento. Mais na documentación tramitada, o movemento memorialista destaca tamén que foi lugar de resistencia, loita democrática e solidariedade. Lembran acenos de resistencia como a negativa dalgúns presos a comungar malia a imposición dos ritos católicos por parte das novas autoridades, ou a solidariedade amosada non só por reclusos como o médico pontevedrés Celestino Poza Covas, que atendía tanto a compañeiros como a gardas, senón tamén, e nomeadamente, o das mulleres da contorna que facían de madriñas para proporcionarlles alimento, roupa limpa ou facerlles de correo coas familias.

Ambos enclaves destacan ademais, e así se manifestou na tramitación, como símbolos da loita cidadá pola memoria democrática e en contra da impunidade dos crimes franquistas. Baste lembrar que o traballo do movemento memorialista coruñés foi clave para lograr a devolución do Pazo ao Estado ou que desde 2010 é a sociedade civil organizada a que mantén en San Simón a loita pola verdade, a xustiza e a reparación das vítimas, pois a chegada do Partido Popular á Xunta supuxo a reversión do vello Lazareto como illa da memoria e o inicio dun periplo de programacións irrespectuosas co alí acontecido durante a ditadura, ao que a IGM agarda poña fin a declaración estatal como lugar de memoria.

O acto nacional do domingo incidirá na declaración como lugar de memoria

Precisamente, o vindeiro domingo, 21 de xullo, ás 12.00 horas, o movemento memorialista galego celebrará en San Simón o acto anual de homenaxe ás vítimas da ditadura e a temática deste ano incidirá na necesidade de que a illa sexa declarada lugar de memoria e conte así coa protección adecuada para acabar co que consideran “unha xestión máis propia dun parque de atraccións que dun lugar de reclusión franquista”.

O acto deste ano contará coa participación da historiadora Iria Morgade, que precisamente está realizando unha tese sobre a recuperación da memoria por parte do pobo galego; o poeta Claudio Rodríguez Fer, fondamente comprometido desde hai anos coa causa memorialista galega; así como familiares de republicanos catalás e andaluces que estiveron recluídos na illa. Haberá tamén actuacións musicais e a ofrenda floral no monumento en honra dos presos, un dos poucos sinais de lembranza que fican no antigo Lazareto. É outra das teimas da IGM: Que San Simón sexa debidamente sinalizada e musealizada como illa da memoria para que non sexa posíbel poñer un pe nela sen coñecer o seu pasado, como ocorre agora.

Se el primero en comentar

Dejar un Comentario

Tu dirección de correo no será publicada.




 

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.