O movemento memorialista galego celebra que o Estado aceptase a súa solicitude de declarar San Simón e Meirás lugares de memoria

Para o colectivo, a decisión supón un primeiro paso para corrixir a eiva que, ao seu entender, supuña a carencia de espazos galegos no listado de lugares incluídos no texto normativo

Por Iniciativa Galega pola Memoria | 10/01/2025

A Iniciativa Galega pola Memoria realizou o trámite ante a Dirección General de Atención a las Víctimas y Promoción de la Memoria democrática en xullo, ao entender que ambos enclaves son referentes non só da memoria da represión, senón tamén da loita cidadá contra o esquecemento e contra a impunidade.

O colectivo, que engloba a medio cento de asociacións do país, lamenta ter sabido a nova pola prensa. A única comunicación recibida ata o momento do Estado foi a esixencia de traducir ao castelán a solicitude remitida en galego. Nese senso, lembran que perseguir as linguas distintas ao castelán é tamén unha rémora franquista que hai que superar.

O movemento memorialista galego, a través da Iniciativa Galega pola Memoria, vén de amosar a súa satisfacción pola decisión do goberno estatal de aceptar a súa proposta de declarar a illa de San Simón e o Pazo de Meirás como lugares de memoria. A plataforma, que coordina á meirande parte das asociacións do país, presentou o pasado xullo ante a Dirección General de Atención a las Víctimas y Promoción de la Memoria Democrática, a documentación prevista na lei 20/2022 para o recoñecemento de ambos enclaves, ao entender que simbolizan non só a memoria da represión senón tamén da loita contra o esquecemento e contra a impunidade dos crimes franquistas levada a cabo polo pobo galego.

Para o colectivo, a decisión supón un primeiro paso para corrixir a eiva que, ao seu entender, supuña a carencia de espazos galegos no listado de lugares incluídos no texto normativo. Entende que San Simón e o Pazo de Meirás teñen unha “especial relevancia histórica e simbólica”, mais agarda que a lista poida ser ampliada no futuro con outros lugares relevantes como o castelo de San Felipe, o cárcere de Lugo, o mosteiro de Oseira ou a volta dos Nove, por pór apenas un exemplo de cada provincia.

A IGM agarda ademais que a declaración posibilite, por un lado, afondar na divulgación tanto do ocorrido no tempo en que a illa redondelá foi cárcere (outono 1936-marzo 1943) como nos anos en que o pazo sadense foi residencia oficial da xefatura de Estado (1938 a 1975). Ademais, espera que a súa consideración como lugares de memoria serva para garantir a súa protección, evitando a continua utilización para fins contrarios á memoria histórica democrática que se levan a cabo en ambos lugares. Hai que lembrar que, malia a recuperación do Pazo de Meirás por parte do Estado, na actualidade segue tendo o acceso restrinxido, e no caso de San Simón a situación tampouco é mellor, pois a Xunta de Galicia permite que a illa sexa continuamente utilizada en beneficio de empresas privadas que se dedican a realizar nela actividades contrarias ao seu carácter público e a súa condición de ben de interese cultural. De feito, o movemento memorialista galego leva anos denunciando a programación en San Simóns de actividades lesivas coa memoria dos presos políticos e as súas familias: ginkanas de procura do tesouro, festas do Samaín, probas de orientación, brunchs, festivais musicais, etc. Confían en que a súa cualificación como lugar de memoria democrática por parte da administración estatal, titular tanto da illa como do Pazo, acabe de vez con este “mercadeo”.

A única resposta, un agravio á nosa lingua

Nas solicitudes presentadas en xullo, a IGM incluíu o respaldo expreso de máis dunha vintena de asociacións memorialistas culturais e veciñais do país, entre elas a CRMH da Coruña, as Asembleas Republicanas de Vigo e Ourense, a Fundación Alexandre Bóveda, a Fundación Tilve, O Facho, o Galo ou Agra do Orzán. Malia iso, a coordinadora do colectivo lamenta que tiveran que saber da nova pola prensa, pois aínda non recibiron comunicación oficial nin extraoficial da aceptación da súa solicitude. Lamentan tamén que a única nova desde o Estado foi o requerimento en outubro de traducir ao castelán as solicitudes que o colectivo enviara en galego e lembran que a persecución das linguas distintas ao español tamén foi unha eiva franquista que é necesario superar.

Para apoiar a solicitude, que segundo o recollido pola prensa, se materializará a partir de agosto, o colectivo destacou, no relativo a Meirás, o feito de que se practicaran abusos tanto na súa adquisición como durante o seu funcionamento como residencia de verán do ditador. No primeiro caso pola extorsión á que foron sometidas persoas propietarias de terreos necesarios para a ampliación dos dominios da familia Franco. No segundo, polas medidas represivas que o goberno do réxime totalitario adoptou nas reunións celebradas no Pazo.

A represión é tamén evidente no caso de San Simón. Durante o tempo en que funcionou como campo de concentración (outono de 1936- primavera de 1943) estiveron retidos na illa centos de republicanos –non só galegos, senón tamén doutras partes do Estado-. De feito o amoreamento foi tal, que a ditadura chegou a fondear fronte as súas costas o buque Upo Mendi, que serviu de improvisada prisión para os soldados da Fronte Norte que xa non cabían na illa e tamén para aqueles presos do Lazareto que tiveran un comportamento máis díscolo, nunha sorte de castigo. Para algúns dos presos, San Simón foi a última paisaxe pois as sacas eran continuas e tamén foron moitos os sacados da illa para ser levados ante un pelotón de fusilamento. Mais na documentación tramitada, o movemento memorialista destacou tamén que foi lugar de resistencia, loita democrática e solidariedade. Lembran acenos de resistencia como a negativa dalgúns presos a comungar malia a imposición dos ritos católicos por parte das novas autoridades, ou a solidariedade amosada non só por reclusos como o médico pontevedrés Celestino Poza Cobas, que atendía tanto a compañeiros como a gardas, senón tamén, e nomeadamente, o das mulleres da contorna que facían de madriñas para proporcionarlles alimento, roupa limpa ou facerlles de correo coas familias.

Ambos enclaves destacan ademais, e así se manifestou na documentación remitida en xullo, como símbolos da loita cidadá pola memoria democrática e en contra da impunidade dos crimes franquistas. Baste lembrar que o traballo do movemento memorialista coruñés foi clave para lograr a devolución do Pazo ao Estado ou que desde 2010 é a sociedade civil organizada a que mantén en San Simón a loita pola verdade, a xustiza e a reparación das vítimas, pois a chegada do Partido Popular á Xunta supuxo a reversión do vello Lazareto como illa da memoria e o inicio dun periplo de programacións irrespectuosas co alí acontecido durante a ditadura, ao que a IGM agarda poña fin a declaración estatal como lugar de memoria.

Se el primero en comentar

Dejar un Comentario

Tu dirección de correo no será publicada.




 

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.