Quizais, na súa pluma atopemos ó primeiro entre os románticos galegos en expresar abertamente a tese dunha Galicia diferenciada dentro do marco español.
«Antolín Faraldo foi alma e vida e pensamento e acción e enerxía e vontade do famoso inverosímil triunvirato que asumiu nunha hora solemne a responsabilidade do movemento iniciado, pero que non acertou a dirixilo, nin soubo aproveitar os elementos que a sorte puxera nas súas mans».
Manuel Murguía
«A provincia é unha calificación que rebaixa de categoría, que capitisdiminuye, que pon a un anaco de terra n’unha situación de dependencia, de supeditamento, d’estare soxusgada, dominada, gobernada por xente d’afora»
Vicente Risco
«Galicia, arrastrando ata aquí unha existencia oprobiosa, convertida nunha verdadeira colonia da corte, vai levantarse da súa humillación e abatemento. Esta Xunta consagrarase constantemente a engrandecer o antigo reino de Galicia»
Antolín Faraldo
Por Dani Seixo / O Bardo Descamisado
Na súa obra, «Los Precursores», o destacado escritor e historiador galego, símbolo do Rexurdimento, Manuel M. Murguía, referíase ó betanceiro Antolín Faraldo precisamente como o que chegara a ser o primeiro e mellor precursor do rexionalismo a través do provincialismo liberal. Prolífero escritor en diferentes publicacións xornalísticas e firme militante da acción destinada a devolver a Galiza a súa identidade propia, as súas palabras e as súas letras deben supoñer para nós o vehículo mediante o que recuperar non só o seu pensamento, senón tamén a súa acción claramente revolucionaria no contexto no que lle tocou vivir.
Fillo de Feliciano Vicente Faraldo e de Francisca Asorey Canda, liña materna pola que auspiciaría certa ascendencia fidalga, a vida de Antolín Faraldo alberga aínda a hoxe numerosas lagoas dificilmente descifrables para nós. O seu desenvolvemento intelectual e o seu espertar político, teñen lugar a medio camiño entre a superación do prolongado Antigo Réxime do estado español e os comezos das vías constitucionalistas que finalizarán co estalido da suma conflitividade tantas veces repetida nesa mal chamada pel de touro. A tensión entre o absolutismo e o liberalismo, aleitará os pasos e propia vida persoal e familiar do escritor. A pesar dos castigos sufridos polo seu pai a mans dos liberais galegos, os que o chegaron a deportar, deter e mesmo expulsar do exercicio da súa vida profesional polas súas ideas políticas destacadamente absolutistas e a súa clara significación política, o rancor ou a animadversión por estes ideais definitivamente non chegaron nunca a callar nun mozo, que tras completar os seus estudos como Bacharel en Medicina na Universidade de Santiago de Compostela, comezou o seu idilio coa historia, a lectura e a participación activa nos movementos sociais, culturais e políticos do seu tempo, nos que xa destacara mesmo antes de rematar o bacharelato.
A pesar das ideas absolutistas e profundamente católicas que primaban na súa vida familiar, pronto o talentoso escritor nado en Betanzos destacou pola defensa de ideas claramente progresistas. O desenvolvemento dos seus estudos nun momento de dificultades económicas familiares e o propio ambiente de Santiago de Compostela naquelas datas, sen dúbida, valéronlle para achegarse á realidade de pobreza e penuria na que por aquel entón vivía gran parte da poboación galega. Na proliferación de sociedades culturais e a efervescencia ideolóxica, froito do debate e estudo da actualidade do propio país, comeza a atopar Faraldo o seu lugar, dotando ós poucos á súa pluma dun claro carácter político. Non é raro neste período inicial atopar entre os seus textos a reminiscencia dun pensamento de carácter cristián, moi influído polo novo catolicismo francés, cun temperamento certamente máis humanista e aberto ós novos tempos, revolucionario mesmo poderiamos chegar a dicir. Esa nova visión do espírito católico cala profundamente en Faraldo, chegando a afirmar que resulta preciso cultivar o sentimento relixioso, engrandecerlo e ilustralo para lograr avanzar no firme camiño do progreso.
É tamén neste momento que, tras o seu paso polo Recreo Compostelano e o xornal El Porvenir, o cal dirixira e fundara xunto a José Rúa Figueroa e Antonio Romero Ortiz, o pensamento de Antolín Faraldo comeza a perfeccionar e desenvolver de forma clara a necesidade de reconstruír dalgunha forma a propia identidade da patria galega, considerando a Galicia como unha provincia autónoma administrativa e cultural que precisa recuperar o temón do seu destino. Para iso, resultaba vital a descentralización da administración e a cernada vida cultural que neses momentos atenazaba a unha sociedade que vira como a realidade do antigo Reino de Galicia, e mesmo a unidade social e cultural que caracterizaba ó país, víase ameazada e disgregada pola artificiosa nova división que a Constitución liberal de 1812 lanzara sobre o noso territorio como groseira imitación do modelo francés, nun desesperado intento por domesticar, castrar e asimilar calquera conato de diferenciación cultural ou político dentro da vida do estado.
Non debemos deixarnos enganar polo seu nome e identificar o provincialismo como un movemento destinado á defensa da visión centralista que avoga pola división do territorio galego en provincias. Moi ó contrario, estes mozos intelectuais, entre os que claramente destacou Antolín Faraldo con voz e pluma característica, tiñan unha visión de Galiza adscrita a un territorio que atopaba unha personalidade propia como pobo na súa historia, adscrita na cultura, a paisaxe e as súas xentes, todo iso atesourado mediante unha tradición que sempre debería mirar ó futuro, coa firme determinación de superar o conformismo e o atraso material e cultural que por aquel entón atenazaba a realidade galega. O provincialismo poderíase equiparar quizais ó autonomismo político, unha faísca destinada a recuperar a propia personalidade de Galiza, mediante o desexo sostido no tempo de proporcionar solución a nosas propias problemáticas.
En oposición á asfixiante vivencia do centralismo, a letra escrita supuxo a principal arma para alimentar o crecente rexurdimento que Galiza albiscaba. O propio Faraldo escribía: «Canto máis estudamos a nosa situación, máis vivamente recoñecemos a división e o illamento de Galicia». É a través das súas publicacións que o mozo betanceiro destaca na fundación dun galeguismo que firmemente logrou estruturar cos seus compañeiros de grupo. Quizais, na súa pluma atopemos ó primeiro entre os románticos galegos en expresar abertamente a tese dunha Galicia diferenciada dentro do marco español. Capaz de identificar o profundo atraso que sufría o seu pobo, as súas letras loitaban firmemente por recuperar o orgullo e a capacidade de acción do pobo galego, mediante a denuncia e a proposta máis ou menos concreta de solucións, pretenderon recuperar para Galiza unha voz propia.
Benito Vicetto, Romero Ortiz, Neira Mosquera, Rúa Figueroa, Ramón del Sagra, Díaz Robles o Pío Terrazo, moitas foron as voces que se intercalaron e achegaron vivacidade e capacidade de acción a aqueles postulados, moitas foron as figuras que hoxe resultan inseparables da propia figura, quizais central por méritos propios de Antolín Faraldo, na firme defensa dunha Galicia capaz de renacer do ostracismo. Figuras progresistas algunhas, outras menos definidas neste sentido, pero todas elas representadas nunha firme determinación «Todo por Galicia, todo para Galicia». O desexo do provincialismo por lograr un réxime autonómico para Galiza, supuxo con toda probabilidade a semente inicial do propio soberanismo galego. Tarefa esta na que Antolín Faraldo desempeñou un papel crave, froito da súa capacidade para construír realidades onde ata ese momento tan só existían fantasías ou simples anhelos.
Convencido liberal, o pensamento de Faraldo recobra o orgullo da nacionalidade e a cultura galega, en oposición directa ao uniformismo centralista español. As súas ideas de claro carácter progresista e «galeguista», supoñen un empuxe definitivo para a rehabilitación cultural e política de Galiza. O propio Faraldo chega supostamente a presentar unha moción durante a Xunta de Lugo de 1843 na que se propoñía que Galicia debería declararse independente, separando deste xeito a Xunta progresista galega da Central de Madrid. Dita moción non chega a ser sometida á asemblea por un só voto, pero dá boa conta do carácter decidido do betanceiro e da súa firme idea de Galiza como un pobo con capacidade e desexos de autogoberno. Faraldo contempla a Galiza como un pobo con dereitos políticos propios e expresa esta firme convicción mediante a clara oposición ás teses centralistas imperantes na política española, unha oposición imperante entre os liberais galegos do seu tempo. A pesar das dificultades para estruturar unha alternativa política práctica, aqueles mozos intelectuais que lograran identificar a singularidade sociolóxica de Galiza, participaron activamente nun novo movemento decidido a recobrar a vitalidade e a personalidade do pobo galego. É así como se alza o movemento revolucionario que ten lugar en abril de 1846 contra o conservador Narváez.
Eses primeiros días do mes de abril as rúas de Santiago respiraban a actividade política dos mozos revolucionarios galegos. Decididos a pasar definitivamente á acción e guiados polo pensamento firmemente estruturado ata ese momento, deciden por iso publicar un bando chamando ás armas a todos os estudantes universitarios. Son centos os mozos revolucionarios que responden ó chamado e engrosan as filas do cambio, algúns mesmo se ven obrigados a renunciar momentaneamente a tan digna empresa pola falta de armamento dispoñible para equipalos correctamente. O 2 de abril, a xunta de Goberno de Compostela decide decretar a nulidade de todos os actos de goberno procedentes de Madrid e xa o día 15 de abril, constitúese Xunta Superior de Goberno Provisional de Galiza da que Antolín Faraldo sería secretario con apenas 23 anos de idade. A través do seu órgano oficial, «La Revolución», difúndese un manifesto con medidas de claro carácter progresista e rexionalista, que son recibidas pola prensa española con certo desprezo, chegando a tachar ó mesmo como nova «Constitución galllega». A desenfreada represión política e a intensa campaña militar que, con tropas chegadas de diversos puntos da península por terra e mar, tardarón máis de vinte días en lograr acabar co levantamento revolucionario na Galiza, deixan claro que no seu desprezo e as súas burlas, ocultaba a prensa madrileña un claro temor ó triunfo daquelas ideas.
«Isabel II, libre y constitucional, abajo el sistema tributario, libertad, independencia nacional, cortes constituyentes. Galicia arrastrando hasta aquí una existencia oprobiosa, convertida en una verdadera colonia de la corte, va a levantarse de su humillación y abatimiento, y con vuestro franco apoyo logrará que nuestra provincia, el antiguo Reino de Galicia, sea temida respetada por nacionales y extranjeros».
Tras o fracaso do levantamento, o comandante Solís e a súa plana maior foron fusilados tras un juízo sumarisimo en Carral o 26 de abril de 1846, mentres que gran parte da tropa que os apoiou serían trasladados a colonias durante os seguintes anos. Pola súa banda, o autor da soada Proclama lida ó fío do levantamento militar capitaneado por Miguel Solís e gran parte dos seus compañeiros e partidarios do mesmo, veríanse abocados a exilarse a Portugal para lograr fuxir das represalias que tiñan lugar na súa propia terra. Moito se escribiu acerca da actitude e o pensamento do betanceiro Antolín Faraldo tras o seu exilio e posterior regreso ao estado español, froito dunha amnistía en 1847. Algúns aseguran que canso e perseguido, abandonou o soño revolucionario e mesmo deixou dalgunha forma de pertencer a Galiza, instaurando as súas letras e os seus últimos esforzos teóricos nun pensamento progresita cunha visión que pretendía superar o galeguismo que axudara a crecer. Outros, como Murguía, aseguran que o pensamento galeguista, o amor á terra e a firme necesidade de atopar solucións e unha voz propia para superar o atraso que sufría inxustamente a mesma, tan só dormitaba froito do castigo e a represión asociada amenazantemente ó seu nome.
Desengañado? Acurralado e perseguido? Fose como fóra, Antolín Faraldo abandonou este mundo o 20 de xuño de 1853 en Granada, con apenas 30 anos de idade, lonxe desa terra á que amou tanto, pola que loitou e na que deixou unha semente que hoxe segue xerminando na nosa propia batalla para lograr estruturar definitivamente unha voz propia que leve a Galiza a poder sementar e decidir o seu futuro. A voz do de Betanzos foi a primeira e a máis firme e valiosa en defender a causa de Galiza, quizais o eco máis remoto do que a día de hoxe é o soberanismo galego.
Celebramos os 200 anos do nacemento de Antolín Faraldo, líder da Revolución Galega de 1846. Celebramos a dignidade nacional de Galiza e traballamos polo noso futuro, prosperidade e a liberdade, como fixeron os Mártires de Carral naquela altura. Onte , hoxe e mañá, viva Galiza! pic.twitter.com/h3kzJRFcE0
— BNG – Bloque Nacionalista Galego (@obloque) April 26, 2022